Venres 19 Abril 2024

Cando o apoio ao emprendedor chega desde a base

Sen dúbida que o obxectivo de afrontar a creación e consolidación dunha iniciativa empresarial é un duro labor, moi complicada de afrontar sen contar cos apoios necesarios. Aínda que a existencia dunha mentalidade emprendedora é un dos requisitos imprescindibles para iniciar unha aventura deste tipo,  non é o único. O apoio tanto en formación como en orientación e asesoramento pode marcar a diferenza entre o éxito e o fracaso dun proxecto.

A recente apertura dun Coworking e un Fab Lab nas instalacións do  viveiro de empresas do polígono de Barro-Meis vai permitir que moitos emprendedores poidan atopar ese apoio que necesitan para facer realidade o seu proxecto empresarial. A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial colaboran nun proxecto (con financiamento do Fondo Social Europeo) polo que está previsto que pasen preto dun centenar de empresas en apenas dous anos.

Publicidade

Instalacións do Fab Lab. Foto: Anxo Iglesias
Instalacións do Fab Lab. Foto: Anxo Iglesias

O primeiros vinte proxectos que recibirán apoio no Coworking xa foron seleccionados e destaca especialmente a variedade de propostas empresariais existentes xa que poden atoparse iniciativas vinculadas á as novas tecnoloxías, ao turismo, á formación, á arte contemporánea, ao teatro, á compostaxe ou ao deseño 3D, entre outras.

Entre as actividades ás que poderán asistir os emprendedores atópanse os talleres onde recibirán axuda para validar o seu modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades imprescindibles para poñelo en marcha. Aprender técnicas de crowfunding, estratexias de comunicación en redes sociais ou como poñer en marcha un plan de márketing dixital son algunhas das temáticas destes talleres.

Ademais, celebraranse sesións de formación grupal (dirixidas en exclusiva aos participantes do Coworking) nas que se traballarán materias específicas para o impulso e despegamento dos proxectos. Por exemplo, falarase sobre finanzas para emprendedores non financeiros, habilidades de comunicación ou aprender a xestionar o talento nun proxecto.

Por outra banda, os emprendedores que asistan ao Coworking terán sesións de mentorización por parte de expertos, que tratarán de acompañarlles desde o deseño do modelo de negocio á súa posta en marcha e optimización, dando resposta ás necesidades que xurdan no camiño.

Os emprendores que usen o Coworking poderían acceder despois ao viveiro de empresas

Por último, celebraranse diferentes actividades encamiñadas a potenciar o networking e a compartir as mellores prácticas. Para iso contarase coa  experiencia doutros emprendedores/experto e de empresarios. Como peche a cada unha das edicións do Coworking (seis meses de duración cada unha) celebrarase un Demo Day durante o que se presentarán os proxectos participantes, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.

Unha das peculiaridades coas que conta o Coworking de Barro-Meis é que ao estar situado nas mesmas instalacións que un viveiro de empresas pode facilitar aos emprendedores que acaben instalando o seu proxecto aquí mesmo para acabar de desenvolvelo en condicións moi vantaxosas.

Seis meses para poñer os cimentos dunha empresa

Durante o acto de presentación das novas instalacións o representante da Escola de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, explicou que o centro agora inaugurado está especialmente concibido para atender as necesidades dos emprendedores e indicou que este tipo de iniciativas son un exemplo dos proxectos que se queren apoiar por parte da EOI, neste caso a través do financiamento do Fondo Social Europeo (FSE). O proxecto contou cunha achega de fondos que ascende a preto de 800.000 euros.

“Animamos aos emprendedores que van estar aquí durante seis meses a que aproveiten a súa estadía para realizar un plan de empresa e poñer en marcha o seu negocio”, indicou Benito, quen se mostrou convencido de que poderán atopar nas novas instalacións todo o que necesitan para poder facer realidade o seu soño empresarial.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou a importancia que tivo a colaboración entre administracións para a posta en marcha deste proxecto. “Agradecemos á Escola de Organización Industrial que nos escoitara e apoiado durante a posta en marcha deste proxecto. É un pracer traballar con eles porque saben perfectamente os obxectivos que queren alcanzar. Esta iniciativa demostra que as distintas administracións poden traballar xuntas”, concluíu Silva.

O responsable de Cooperación Municipal da Deputación, David Regades, apuntou que o edificio que agora alberga o coworking e o viveiro de empresas vai converterse no xerme de moitas empresas e de xacementos de emprego. Destacou especialmente a localización dunhas instalacións que se atopan nun nó de comunicacións da provincia e agradeceu a colaboración do concello de Barro no deseño dun centro “que será o primeiro doutros que teremos que facer no futuro”.

Ler a nova en castelán
Ler a nova en inglés

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas