Venres 19 Abril 2024

“As mulleres seguimos pensando que as profesións tecnolóxicas non son para nós”

O ciclo 'Ciencia en feminino' celebra a súa segunda xornada cunha mesa redonda sobre como espertar a vocación científica entre as nenas

O 56% do alumnado universitario son mulleres, pero esta cifra oscila considerablemente entre disciplinas. Mentres que supoñen o 70% dos estudantes da rama sanitaria, tan só son o 25% das de enxeñarías e arquitectura. Talvez a solución ao problema, a achandar a gran diferenza entre estas porcentaxes, estea en fomentar as vocacións científicas ou STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas, polas súas siglas en inglés). Como se pode facer? Resolvemos esta cuestión na segunda entrega do ciclo Ciencia en feminino, que celebra GCiencia en colaboración coa Deputación de Pontevedra co gallo do 8M. Para iso, contamos coa informática Ana Freire, a bióloga Vanessa Valdiglesias e a matemática Rosa Crujeiras. Tamén nos acompañou a deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, en representación da institución provincial.

“A falta de mulleres en ámbitos tecnolóxicos débese a que non saben ou non se lles transmite correctamente toda a oportunidade laboral que teñen se cursan estas carreiras”, dixo Freire, directora do Departamento de Operacións, Tecnoloxía e Ciencia da escola de Management da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Como exemplo, a relatora lembra que hai cinco anos, o seu centro quixo lanzar un novo grao en Enxeñaría Matemática en Ciencia e Datos. Segundo contou Freire, houbo quen propuxo retirar o termo enxeñaría, para que as rapazas perderan o medo e se matricularan. “Eu negueime porque é o motivo polo que eu quixen estudar enxeñaría informática; porque quixen ser enxeñeira. Se o quitas, creas unha fenda aínda máis grande”, apuntou.

Publicidade

“Faltan mulleres porque descoñecen todas as oportunidades laborais que teñen no ámbito tecnolóxico”

ANA FREIRE, informática

Para tratar de reverter a solución, decidiron facer un “esforzo moi grande”. Xunto a varias compañeiras, visitaron diferentes centros de secundaria e deron charlas, non só para informar sobre o grao e as materias, senón para explicarlle ás rapazas en que podían converterse sendo enxeñeiras matemáticas en ciencia de datos. “No meu caso, emprego intelixencia artificial para mellorar a saúde mental dos usuarios en redes sociais”, expón Freire. Un punto de vista que apoiou Rosa Crujeiras, directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (Citmaga) e profesora da Universidade de Santiago (USC). “Máis alá dos referentes, que podo achegar dedicándome a isto? Está moi claro na medicina e nas matemáticas, cando a saída é a educación. Pero a situación cambia cando te orientas á consultoría tecnolóxica. Aí, as mulleres, seguimos pensamos que non é para nós”, dixo Crujeiras.

As ramas sanitarias

A diferenza de carreiras máis técnicas, como a de Crujeiras e Freire, as ramas biosanitarias teñen unha alta porcentaxe de mulleres. Porén, Valdiglesias denuncia que o teito de cristal segue a ser tan duro de quebrar como en calquera outra área científica. “Chámame moito a atención que o meu fillo, que estuda Primaria, usa libros de texto onde non hai científicas, músicas nin pintoras. Eu hai máis de 30 anos que estudei. Dende aquela non puideron engadir mulleres?”, protesta a doutora en Bioloxía e coordinadora do grupo de Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética do Centro Intercisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña. “De verdade non hai mulleres ao longo da historia que se poidan incluír neses libros de texto?”, reitera a científica.

A conciliación

Finalmente, Mejías considerou que para espertar a vocación científica entre as nenas é imprescindible ter referentes moi amplos e de todas as idades. De igual modo, mostrarlles que non van ter obstáculos para conciliar a vida laboral coa persoal. “Cando empezamos unha carreira científica na universidade, que ocorre cando chega a maternidade ou o coidado de persoas maiores? Quen o fai? As mulleres. Ves que os teus compañeiros van medrando, sacando artigos e proxectos, pero nós temos que combinalo con outras actividades. A conciliación é un factor clave para que as nenas queiran dedicarse a esta profesión; que vexan que poden ter as mesmas oportunidades de medrar laboralmente que os homes”, concluíu Mejías, tamén enxeñeira da Universidade de Vigo.

Programación Ciencia en feminino

  • 22 de marzo. Entrevista coa catedrática de Medicina Legal Victoria Lareu. 19.00 horas.
  • 29 de marzo. Mesa redonda: Retos de futuro: que nos queda por facer para romper a fenda de xénero
    • Verónica Bolón, investigadora en intelixencia artificial e profesora da Universidade da Coruña (UDC).
    • Susana Ladra, directora do Campus Innova e profesora na UDC.
    • Ana Belén Crujeiras, doutora en Bioloxía e líder do grupo de Epixenómica e Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

Escoita Ciencia en feminino en: SpreakerIvoox, SpotifyiHeartGoogle PodcastsDeezerPodcast AddictJioSaavn e Podchaser.

1 comentario

  1. Que maravilla de vídeos.
    Boto de menos, por exemplo, unha muller investigadora dende a Rama da saúde e o deporte da Facultade da Coruña ou Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:59:50

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Científicas no estranxeiro

As galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras explican as súas experiencias investigando noutros países