Venres 19 Abril 2024

Un ano do primeiro positivo por coronavirus en Galicia

Unha persoa procedente de Madrid ingresou o luns 2 de marzo con síntomas da Covid-19, e o seu caso foi confirmado o 4 de marzo

Arredor das 13 horas do luns 2 de marzo de 2020, hai un ano e un día, un home de 49 anos, que acudira á cidade da Coruña desde Madrid por unha entrevista de traballo, presentouse con síntomas de pneumonía no servizo de Urxencias do CHUAC. Naquel momento, Galicia era, xunto a Murcia e Aragón, unha das comunidades autónomas en España na que aínda non se confirmaran casos positivos por SARS-CoV-2. Aínda no se chegaba aos 200 no conxunto do territorio estatal, a pesar de que, como se soubo despois, eran xa miles as persoas que estaban transmitindo o virus fóra do foco das autoridades sanitarias. Así o constataron as análises realizadas posteriormente: o Instituto de Salud Carlos III acabou compilando 804 casos o 2 de marzo, 799 o día 3 ou 956 o día 4. E estímase que apenas se detectaban naquel momento o 10% do total das infeccións. Quedaban por diante uns días críticos, nos que a cidadanía seguiu os consellos das autoridades, facendo vida ‘normal’ sen usar máscara, centrando a prevención na hixiene de mans e en tapar a boca e o nariz ao tusir e esbirrar, e permitíronse todo tipo de actividades multitudinarias que fixeron estourar a pandemia.

O 4 de marzo, a palabra coronavirus comezaba a coller espazo nas portadas dos medios de comunicación. Na véspera confirmábase a que foi a primeira morte rexistrada en España, un home falecido por unha pneumonía o 13 de febreiro en Valencia. As probas posteriores á morte amosaron a presenza do SARS-CoV-2 no seu organismo. Mais en Galicia non había evidencias de que o virus estivese circulando, alén das especulacións e das testemuñas de persoas que manifestaron ter pasado por síntomas semellantes ao longo do mes de febreiro. Realizáronse numerosas probas que se descartaron, como a dunha muller que foi atendida no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a comezos de febreiro. A día de hoxe, a Consellería de Sanidade mantén que o primeiro caso de coronavirus en Galicia confirmouse o 4 de marzo. Era o home que ingresara no CHUAC dous días antes. Para confirmar a infección, como se facía na primeira etapa da crise, houbo que remitir a mostra ao Centro Nacional de Microbioloxía, en Madrid, seguindo os protocolos marcados polo Ministerio de Sanidade.

Publicidade

O primeiro caso de Covid-19 en Galicia anunciárono nunha comparecencia de prensa o daquela conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o subdirector xeral de Epidemioloxía, Xurxo Hervada, e a xefa de servizo de Medicina Preventiva do CHUAC, María José Pereira. Pereira é a única que segue no seu posto despois do relevo de Vázquez Almuíña tralas eleccións de xullo e a xubilación de Hervada. Un ano despois, en conversa con GCiencia, lembra aqueles días.

“Foi todo moi rápido, aínda que xa levabamos tempo traballando para unha posible situación de alerta. Tiñamos precedentes deste tipo de escenarios coa gripe A en 2009, co ébola ou con outras infeccións emerxentes coma o zika, pero non eramos conscientes naquel momento do impacto que isto acabaría tendo”, explica a doutora.

Respecto á posibilidade de que houbera transmisión non detectada en Galicia, María José Pereira lembra que, como en Vigo, na Coruña tamén se analizaron varias sospeitas que finalmente se descartaron. Na comparecencia do 4 de marzo, Xurxo Hervada declarou que “en Galicia, de momento, non circula o coronavirus”, destacando que se fixeran arredor de 142 probas e todas resultaran negativas, agás o do primeiro caso confirmado.

Os criterios ditados polas autoridades españolas e internacionais foron aplicados polo Sergas. Comezouse un rastrexo de contactos do home ingresado no CHUAC para detectar a posible transmisión. Porén, co coñecemento acumulado un ano despois, e a só nove días de que se anunciase do estado de alarma, chama a atención a recomendación que se lles fixo aos contactos da persoa infectada. Así  recomendábase facer “vida normal” ás persoas que non desenvolvesen síntomas, e só se lles indicaba que se tomasen a temperatura e avisasen aos servizos sanitarios no caso de que a doenza se manifestase. Non se sabía, como se demostrou despois, o papel crucial das persoas presintomáticas ou asintomáticas na transmisión do SARS-CoV-2.

Primeiros focos

Con todo, o que se estaba vendo noutras zonas incrementou a preocupación. “A mediados de febreiro, aínda que oficialmente non había situacións de alto risco, tiñamos información de que nalgúns sistemas sanitarios xa rexistraban un incremento de infeccións respiratorias que non se debían a patoloxías habituais”, explica María José Pereira. Chegou entón a inclusión dalgunhas rexións do norte de Italia como áreas de risco e, posteriormente, estendeuse esta alerta a Madrid ou Álava, poucos días antes do estado de alarma.

A pesar da transmisión detectada a posteriori en España desde mediados de febreiro, e aínda que a cidadanía seguiu coa súa actividade cotiá ata a segunda semana de marzo, semella que en Galicia non estivo circulando intensamente o virus ata eses días. Os primeiros casos estaban vinculados a viaxes a outras zonas de España ou Italia, onde as infeccións eran xa moito maiores en número. Pero pronto comezaron a producirse cadeas de transmisión locais.

Unha delas, tamén na Coruña, provocou o 9 de marzo o peche do centro cívico de Feáns polas infeccións detectadas nunha coral que ensaiaba no local. Foi un dos primeiros sinais (xunto a outros surtos vinculados a viaxes do Imserso), de que o SARS-CoV-2 xa estaba a circular polo territorio galego. Aínda así, a tardía chegada do virus, unida ao confinamento decretado o 14 de marzo, provocou que Galicia superase cun impacto menos severo ca outras rexións, pero igualmente duro, a primeira onda da pandemia. Tal e como se constatou posteriormente, de boca de expertos como o xefe do servizo de Microbioloxía do CHUVI, Benito Regueiro, o virus apenas circulou nalgunhas áreas de Galicia. “No caso de Vigo, calculamos que o virus non circulou abertamente máis de 3 ou 4 días“, declaraba en abril.

Desde aquel día ata case un ano despois confirmáronse en Galicia 112.940 casos de coronavirus, o que supón o 4,18% do total da poboación. É probable, con todo, que o número de persoas infectadas sexa notablemente maior. Delas, 2256 faleceron, 105988 xa están curadas e outras 4686 seguen baixo seguimento. E un ano despois, a pesar do duro impacto do virus na vida de miles de millóns de persoas, a esperanza comeza tamén a agromar en Galicia. Esta semana acadaranse as 60000 persoas inmunizadas a través da vacinación. As cifras de infeccións na poboación protexida, como é o caso das residencias de persoas maiores ou con discapacidade, xa amosan un notorio descenso no número de infeccións e falecementos. Todo apunta, se nada se torce, a que o 4 de marzo de 2022 terá un horizonte aínda máis despexado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais