Foto de familia do acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2017.

Foto de familia do acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2017.

Convocados os Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2018

A Real Academia Galega de Ciencias, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación, impulsa os galardóns, cunha contía total de 28.000 euros netos

Desde este xoves, e ata o vindeiro 31 de de maio, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) manterá aberto o prazo para a presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2018, que organiza en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain). Segundo sinala o presidente da institución, Miguel Ángel Ríos, “a principal novidade está no procedemento de inscrición, que este ano se poderá realizar de xeito telemático para facilitar a participación”, explica.

“O obxectivo dos premios – sinala Ríos – ten dúas vertentes: por unha banda, estimular a actividade científica que se fai en Galicia e, pola outra, animar ás empresas para que demanden a axuda da ciencia para progresar”. Engade o presidente da RAGC que, “dada a importancia que teñen a ciencia e a tecnoloxía para o desenvolvemento socioeconómico dos países, é fundamental que se transfira ás empresas todo ese traballo de investigación para conseguir un sistema produtivo baseado no coñecemento”.

Haberá tres categorías: grupos científicos; pemes e micropemes; e grandes empresas

Deste xeito, os premios divídense en tres modalidades. En primeiro lugar, está a categoría dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación ubicados en Galicia. Será escollida, segundo as bases, “a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado”. O proxecto gañador recibirá 6.000 euros netos, aos que se engade unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo durante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia.

E por outra banda, as outras dúas categorías están enfocadas cara o traballo das iniciativas empresariais. Unha delas vai dirixida ás pemes e micropemes galegas que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. A dotación deste premio ascende a 12.000 euros netos.

Por último, outra modalidade seleccionará o mellor proxecto de grandes empresas, tomando como referencia os mesmos méritos cos que se valorará ás pemes. O premio, neste caso, ten carácter honorífico, e grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos en concepto de apoio ao seu traballo no eido da transferencia de coñecemento.

Miguel Ángel Ríos insiste en que os Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia buscan tamén “fomentar a cultura científica na sociedade, para que a xente sexa consciente, a través de casos concretos, do traballo en favor do progreso socioeconómico que se fai día a día nas empresas e nos equipos de investigación científica”.

O detalle das bases e os formularios para a presentación de candidaturas poden obterse, nas seguintes ligazóns, nas webs da RAGC e da GAIN.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.