GCiencia medra coa estrea de Boísimo, o portal da cultura gastronómica

O diario divulgativo arrinca o 17 de decembro para dar voz a investigadores, produtores e cociñeiros

A investigación agroalimentaria, a calidade das materias primas, a innovación dos chefs… Desde calquera punto de vista que se observe, a gastronomía de Galicia constitúe un patrimonio inmaterial de incalculable valor que é necesario protexer. Con esa aspiración nace Boísimo, o portal de cultura gastronómica de GCiencia, que a partir deste 17 de decembro contribuirá á divulgación dunha das expresións culturais que definen ao noso país.

Boísimo chega en forma de revista dixital dentro de GCiencia –premio Prisma ao mellor Novo Medio 2019–, co xornalismo de calidade como ferramenta principal, co apoio da linguaxe audiovisual e co enorme poder de difusión que constitúen na actualidade as redes sociais.

Boísimo, o portal da cultura gastronómica.
Boísimo, o portal da cultura gastronómica.

Ademais das recoñecidas elaboracións culinarias que a caracterizan, Galicia é unha potencia en investigación, tanto no campo do mar e da pesca como do coñecemento agroalimentario, con sólidos centros de investigación como o Instituto de Investigacións Mariñas, a Misión Biolóxica de Galicia ou o Centro de Investigacións Agroalimentarias de Mabegondo. Boísimo aspira a ser a ese coñecemento o que  GCiencia representa para a ciencia e a tecnoloxía de Galicia.

O novo portal contribuirá á difusión da reputada cociña galega, enormemente rica en recursos, con pratos, preparacións e costumes culinarias de gran popularidade alén dás fronteiras de Galicia e España. Cunha gran influencia do mar e os seus produtos, pero tamén co carácter que lle imprime esa fonte de transmisión do saber culinario a través dos séculos que é o Camiño de Santiago. Todo isto fai da cultura gastronómica galega un crisol no que se funden culturas de distinta orixe, para dar lugar a un acervo rico e apaixonante que cómpre coidar.

O novo portal contribuirá á difusión da investigación da reputada cociña galega e dos nosos chefs

Boísimo quere fomentar a cultura gastronómica mediante a súa divulgación, pero quere facelo desde un punto de vista particular, sen conformarse con ser un envoltorio de receitas e reportaxes, senón incidindo nese fenómeno como elemento de integración. Farao desde unha perspectiva de xénero, que difunda o gran protagonismo das nosas grandes cociñeiras ou o papel do home na cociña doméstica.

Outro compromiso social do novo portal é o de defender a diversidade e a convivencia intercultural. Así, abordaranse asuntos como os menús dos comedores escolares, os talleres culinarios de centros penais, o feito culinario de persoas con diversidade funcional ou a agricultura e a gandería como elementos de desenvolvemento territorial, para a recuperación de zonas despoboadas.

Como parte de GCiencia –o medio máis lido en galego en calquera plataforma–,  Boísimo desenvolverase integramente nese idioma, que pretende defender e divulgar a través de seccións como o Gastrocedario, na que se pon a proba o coñecemento do léxico propio da nosa gastronomía.

Outro compromiso social de Boísimo é o de defender a diversidade e a convivencia intercultural

A liña editorial do novo portal conta co aval dun consello asesor formado por profesionais de prestixio, como Beatriz Sotelo e Iago Pazos no mundo da cociña, o realizador audiovisual Jorge Coira, a investigadora Elena Cartea, a nutricionista Amil López e o xornalista especializado Tomás Alonso. O proxecto ten ademáis o apoio explícito de Lucía Freitas, Marcelo Tejedor e Xoán Cannas, entre outros.

Varias estrelas Michelín participarán tamén en seccións fixas, na que as cociñeiras de restaurantes con esa distinción compartirán as súas invencións culinarias e as súas fórmulas para mellorar a nosa alimentación. Amil López tamén achegará os seus consellos nutricionais no videoblog Xantar Coherente. Outra sección fixa será a serie Quilómetro Cero (#km.0), baseada na utilización na cociña de produtos directamente adquiridos nun radio inferior aos 100 quilómetros.

Boísimo, que ofrecerá contidos adiantados aos seus socios, pretende que as persoas con diversidade funcional poidan acceder a súa oferta informativa con total facilidade. Para iso, conta co software lector de pantalla de  JAWS (Job Access With Speech), apoiado por pequenas descricións das imaxes fixas ou en movemento. No caso da discapacidade auditiva, pódese alcanzar un acceso completo a través de subtítulos.

Boísimo, que nace co apoio dunha subvención da Deputación Provincial da Coruña, prestará especial atención á cultura gastronómica desa provincia. Desenvolverá ademais un plan de accións conxuntas con distintas entidades relacionadas coa economía, que comezarán coa que leva a cabo co Instituto Galego do Viño.

Segue a Boísimo nas súas redes sociais:

 

 

1 comentario

  1. …faltaba algo así. O fin, nesta Nosa Terra, todo xurde, nada acontece…sen gastronomía polo medio. Parabéns, tódolos sectores saen beneficiados coa iniciativa
    Buscade outra expresión para “km 0”, non nos representa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.