Venres 29 Marzo 2024

As carreiras tronzadas das nais científicas

Captura de pantalla 2018-03-02 12.56.41

Hai datos que poden suxerir, segundo algúns, que os teitos de cristal para as mulleres na ciencia non existen realmente. Tal e como indica a información aportada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, un 54,9% dos estudantes matriculados no ano 2016 nas universidades galegas eran mulleres. Se atendemos aos titulados, a cifra ascende ao 60%. E nalgunhas ramas de coñecemento é aínda maior. O 73,3% en Ciencias da Saúde o 66,8% en Artes e Humanidades. As enxeñarías e a Arquitectura, con todo, son materias pendentes: só o 28,1% dos estudantes son mulleres.

O problema, con todo, segundo argumentan moitas das afectadas pola fenda de xénero que aínda persiste na investigación científica, está no momento no que adoitan decidir formar unha familia. Arredor dos 30-35 anos, cando se remata o doutoramento e, despois das estancias no estranxeiro para ampliar coñecementos, idiomas e formación, chega a hora – no caso das mulleres que así o deciden – de ser nais. E en moitos casos, aínda hoxe, no ano 2018, vense obrigadas a escoller entre a traxectoria profesional ou a vida familiar.

Publicidade

O efecto tesoira, nunha gráfica. Menor presenza de mulleres a medida que se avanza na escala investigadora. Fonte: Informe 'Científicas en cifras 2015'.
O efecto tesoira, nunha gráfica. Menor presenza de mulleres a medida que se avanza na escala investigadora. Fonte: Informe ‘Científicas en cifras 2015’.

Aínda que cada vez son menos, segue habendo procesos de selección e convocatorias que sitúan as mulleres en desvantaxe desde o punto de saída. Os permisos desiguais por maternidade e paternidade obrigan, en moitos casos, a que a nai asuma a maioría deste tempo de baixa. Neste senso, o País Vasco anunciou hai unhas semanas que será a primeira comunidade autónoma en igualar os permisos para nais e pais entre os funcionarios.

Pero ante a excepcionalidade, por agora, deste tipo de medidas, as cifras seguen evidenciando o efecto tesoira. Os proxectos de investigación encabezados por mulleres seguen sendo minoría. No profesorado universitario, seguen sendo minoría. E xa nos contratos posdoutorais trónzase a igualdade que se mantén desde as aulas universitarias ata os estudos de doutoramento.

Na carreira de fondo cara a docencia universitaria hai moitas renuncias. Segundo os datos da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, un 39,5 % das profesoras universitarias son mulleres. A cifra cae ata o 22,8% no caso das catedráticas, e só é dun 41,2% no caso dos profesores titulares. Nas categorías máis ‘baixas’ (profesor axudante e profesor colaborador), as porcentaxes iguálanse.

No seu informe ‘Mulleres investigadoras’ de 2017, o CSIC tamén amosa estas eivas. A presenza feminina na categoría máis alta deste organismo, a de Profesoras de Investigación, é do 24,84%. Só 1 de cada 4. E só o 33%, 1 de cada 3, é investigadora principal dos proxectos obtidos polo CSIC no Plan Nacional. Nas convocatorias europeas de excelencia, tamén son ampla minoría. Reciben un 33,3% das ‘Advanced Grants‘ e o 38,7% das ‘Starting Grant‘.

O exemplo de María de la Fuente

Con 39 anos, María de la Fuente Freire dirixe a Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias en Santiago. Licenciouse en Farmacia pola USC e conseguiu o doutoramento. Fixo varias estancias noutros laboratorios españois e no London University College. Despois de obter financiamento por parte da Asociación Española Contra o Cancro e a fundación Alfonso Martínez Escudero, decidiu optar a un contrato Miguel Servet (destinados a investigadores que queiran traballar dentro do Sistema Nacional de Saúde). É unha selección de gran nivel, xa que menos de 30 persoas o conseguen cada ano en España.

E tamén o conseguiu. Decidiu, entón, con 34 anos, que era o momento de ser nai, unha vez conseguida unha certa estabilidade, xa que a primeira fase dos Miguel Servet dura cinco anos. Tivo 2 fillos, polo que estivo, en total, 13 meses de baixa. E chegou o momento de renovar o contrato. Un proceso, de novo intenso e moi competitivo, ao que só poden acceder os beneficiarios da primeira fase.

Pero a María, por querer ser nai, impedíronlle optar en igualdade de condicións a continuar a súa carreira de excelencia. A convocatoria non contemplaba ningunha solución a que María tivese 13 meses menos para desenvolver os seus proxectos. Aínda que presentou un recurso, o Instituto de Salud Carlos III, organismo que xestiona as Miguel Servet, denegou as súas reclamacións. Aínda así, María continuará cunha Miguel Servet, pero de categoría B, fronte a A á que optaba. Menos opcións para obter financiamento, menos oportunidades de optar a proxectos de excelencia, e unha carreira de toda unha vida lastrada por decidir ser nai.

Aquí podes ler a entrevista con María de la Fuente:

ciencia/maria-de-la-fuente-entrevista/

 

Máis información: 

– Informe da análise das traxectorias profesionais das mulleres na Universidade de Vigo.

– A muller no eido científico e tecnolóxico en Galicia

– Diagnóstico sobre a igualdade na USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'