Venres 24 Maio 2024

O zifio varado na praia das Amorosas morreu a causa da inxestión de plásticos

O Cemma confirma que o cetáceo que apareceu na Coruña, propio de augas moi profundas, faleceu debido ao lixo mariño

Un zifio común (Ziphius cavirostris) apareceu varado a pasada fin de semana na praia das Amorosas, ao pé da Domus. A Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma) confirmou que a causa da morte debeuse á inxestión de lixo mariño de composición plástica. “O seu corpo silente exprésanos, mesmo a berros, que o noso mundo está destruíndo o seu”, indican dende o organismo. “É demasiado tarde, aínda que hoxe deixaramos de botar plásticosao mar, milleiros de millóns de seres vivos morrerán pola consecuencia dos residuos que aínda alí hai”, expresan dende o Cemma.

Os feitos

sábado día 4 foi detectado o corpo dun cetáceo aboiando na costa da Coruña. Coa marea alta derivou á praia das Amorosas onde varou. A rápida intervención dos equipos da Cemma permitiu a coordinación coa Policía local, co equipo de rescate da Cruz Vermella e cos responsables de medio ambiente da Autoridade Portuaria da Coruña, permitindo a recollida do corpo e desprazándoo á rampla de Oza onde quedou controlado. Un animal de máis de seis metros e 2.000 quilos de peso é un risco para a navegación, polo que se optou por aseguralo no porto e xestionalo o luns 6.

Publicidade

Tres equipos de Cemma concentráronse onte día 6 de marzo no porto de Oza, coordinados cos responsables da Autoridade Portuaria, o cetáceo foi varado e foille realizada a necropsia e a recollida de mostras biolóxicas. O equipo estaba dirixido polo veterinario responsable do equipo veterinario da Rede de Varamentos de Galicia Xabier Pin, e entre o que se contaba con Raquel Puig, veterinaria procedente do IUSA de Canarias, centro especialista no estudio da causa da morte de grandes mergulladores; Ana Saldaña, veterinaria da Facultade de Lugo-USC; e Alfredo López, investigador da Universidade de Aveiro.

A femia de zifio morta ao pé da Domus.

A investigación do caso

Os achados de necropsia indicaron que se trataba dunha femia adulta de zifio común (Ziphius cavirostris) de 629 centímetros de lonxitude. Presentaba un forte traumatismo antero-ventral o que indica que puido varar vivo nalgún lugar que se descoñece, pois ninguén chegou observala con vida. Presentaba ademais varias parasitacións e patoloxías crónicas pouco relevantes. Finalmente o exame do sistema dixestivo desvelou a orixe do achegamento a costa, do varamento e da causa da morte: a inxestión de restos de lixo mariño de composición plástica que o seu corpo non dixire e que ocasionaron unha obstrución grave e mortal no intestino e no estómago que ocasionou fallo orgánico.

Os zifios en Galicia

Os zifios son varias especies de cetáceos de odontocetos emparentadas, grandes mergulladores, que viven en augas moi profundas e moi lonxe da costa, mais alá do borde do cantil, a 30 millas da costa. Son especies raras e que varan en baixa frecuencia. Dende 1990 vararon 35 exemplares de 4 especies diferentes, a maioría son zifios comúns (26), a media anual dos zifios é de 1,1. Os zifios comúns aparecen varados tan só un de cada dous anos en Galicia e nunca se rexistraron máis de tres ao ano. Pola contra dende principio de ano foron xa rexistrados cinco exemplares varados, un feito que mantén en alerta aos equipos da Cemma.

Os catro zifios anteriores deste ano eran exemplares moi descompostos, e vararon entre a ría de Muros e a ría do Vicedo, morreron despois do mes de novembro e moi lonxe da costa. A aparición de varamentos masivos de zifios, noutras partes do mundo, relaciónanse con alteracións acústicas do medio en grandes profundidades, como manobras militares ou prospeccións submarinas. Estes impactos humanos mesmo poden afectar os exemplares sen matalos, pero afectando aos seus sentidos ata “cegalos”, o que pode producir, na súa necesidade de procurar alimento a grande profundidade, que perdan a capacidade de detalle e confundan obxectos como cabos e bolsas con cefalópodos nadando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha rara especie de cetáceo vara na ría de Vigo

A CEMMA recolle mostras para analizar un exemplar de 'Kogia breviceps', un animal que non adoita frecuentar as augas galegas

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos