Xoves 28 Marzo 2024

O Courel, primeiro xeoparque mundial da UNESCO en Galicia

A serra lucense acolle formacións xeolóxicas de relevancia internacional que combinan cunha enorme riqueza de flora e fauna

No sur de Lugo, as montañas dos municipios de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil ofrecen un escaparate xeolóxico que sobresae con algúns elementos de relevancia internacional polas súas características excepcionais. Un destino que vén de marcar un fito ao converterse no primeiro xeoparque mundial recoñecido pola UNESCO en Galicia.

Na actualidade, hai arredor de 150 xeoparques no mundo, repartidos en máis de 40 países. Estas áreas combinan a conservación da natureza, o desenvolvemento sostible e a divulgación do patrimonio xeolóxico para contribuír á protección e valorización das mesas.

Publicidade

As ‘xoias’ do xeoparque

O recoñecemento da UNESCO vén confirmar o que xa era coñecido desde hai moitos séculos nas montañas do Courel. Xa os romanos, coa explotación mineira do Montefurado en Quiroga, e posteriormente cos xacementos e formacións estudadas por xeólogos de todo o mundo, a serra lucense era valorada como un enclave de gran relevancia neste eido.

Así, entidades como o Instituto Geológico y Minero de España (IGME), recoñecen como lugares de interese internacional (os chamados geosites) diversas formacións no contexto da oroxenia varisca ibérica, como os pregamentos tombados de Campodola-Leixazós, Froxán, Busto ou Alto do Castro.

O mellor xeito de coñecer estas e outras xoias do xeoparque son as rutas de sendeirismo que percorren a escarpada orografía da zona. Nelas, alén da xeoloxía, é posible achegarse a vestixios históricos que dan conta da longa e intensa ocupación humana do territorio: castros, restos de castelos, e mesmo xacementos prehistóricos que permiten coñecer como era a fauna e como se movían os nosos devanceiros pola zona. Paga a pena achegarse a enclaves como os miradoiros de Fisteus ou Campodola para observar con perspectiva os millóns de anos de historia que amosan as paisaxes.

Tamén é posible achegarse a lugares de grande interese como as numerosas caleiras para obtención do cal e explotacións de elementos como o antimonio, no caso das antigas minas de Vilarbacú, e outros minerais.

Do mesmo xeito, o riquísimo patrimonio etnográfico do Courel maniféstase en construcións como as alvarizas, que os apicultores construíron desde hai séculos para protexer as colmeas dos osos pardos que hoxe, pouco a pouco, volven aparecer pola serra.

Todos estes fenómenos e moitos outros son interpretados e explicados nos centros de interpretación do xeoparque Mundial das Montañas do Courel. A Estación Científica de Seoane, os museos xeolóxico e etnográfico de Quiroga e o Museo da Minería de Ribas do Sil son lugares de visita obrigada para comprender as fermosas paisaxes que se estenden ante os nosos ollos. Para complementar estes centros de información, a Consellería de Cultura e Turismo achegará sinalización turística, en virtude das axudas convocadas para este ano.

Natureza

Mais O Courel, alén da riqueza xeolóxica, é tamén un enclave natural de gran valor. Os proxectos para a recuperación do oso pardo impulsan un patrimonio ecolóxico do que tamén forman parte decenas de especies de aves, mamíferos, anfibios e réptiles. Respecto á flora, os extensos soutos e tesouros como a Devesa da Rogueira, un bosque único en Galicia grazas á súa biodiversidade, fan do Courel unha xoia natural que cómpre conservar.


Máis información para coñecer O Courel, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.