Venres 29 Marzo 2024

O tiburón que varou en Arousa: unha especie en perigo de extinción nunca vista en Galicia

O exemplar morreu de asfixia ao baixar a marea e aínda se descoñecen os motivos que o fixo achegarse á costa galega

O 2 de xuño de 2022 un tiburón de area de case tres metros de lonxitude e 300 quilos de peso apareceu na ría de Arousa. Era unha femia e foi capturada de maneira accidental preto da praia Cabodeiro, na Illa de Arousa, por uns pescadores. Estaba viva e pouco despois de ser devolta ao mar quedou varada na beira da praia, morrendo pouco tempo despois. Non se ten moita información ao redor desta especie e do seu comportamento, si se sabe que é propia do Mediterráneo e de augas máis profundas e cálidas. É a primeira vez que se rexistra en Galicia un Odontapsis ferox e a súa aparición pode relacionarse coas migracións a outras zonas, mais descoñécese o motivo que a trouxo ás Rías Baixas. Un estudo publicado na revista Thalassas: An international journal of marine sciences analiza o tiburón capturado para ampliar información biolóxica sobre a especie.

A investigación foi realizada pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que traballou na súa necropsia, xunto co Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), o Centro Oceanográfico de Vigo e as universidades de Porto e Aveiro. O animal tamén recibe o nome de “tiburón de dentes de can” ou “tiburón liso” e a súa visita enmárcase nun contexto onde a distribución de especies están experimentando cambios nos océanos. O biólogo mariño e un dos autores deste estudo, Gonzalo Mucientes, explica que se necesitan máis investigacións para poder relacionar este fenómeno co cambio climático e a subida da temperatura do mar, xa que o varamento do tiburón liso o pasado verán é un feito illado e habería que prestar atención por se se producen máis casos. “Si que se observa noutras especies de peixes que debido ao cambio climático entran en Galicia cando son de augas máis quentes”, explica Mucientes.

Publicidade

É unha especie propia do Mediterráneo e de augas máis profundas e cálidas

Cando este gran tiburón foi capturado realizouse un primeiro exame aínda estando vivo, e probablemente o cansazo que lle provocou estar atrapado na rede e intentar fuxir influíu despois na súa morte. Ademais, o biólogo engade que unha vez liberado o animal estaba “tocado” e morreu por asfixia ao baixar á marea nunha zona natural denominada O Esteiro, en Vilanova de Arousa. Aínda que teña un aspecto feroz, os expertos aseguran que é unha especie que destaca precisamente pola súa docilidade, e así o manifestou en varias ocasións nadando entre mergulladores.

Tiburón varado na Ría de Arousa. (Imaxe cedida por Toño Maño)

Na necropsia descubriuse que non tiña comida no seu estómago, mais estaba sano e sen problemas físicos. É un dos tiburóns de area máis pesados dos que se ten constancia. Non estaba embarazada e previsiblemente, o animal desprazouse moitos quilómetros dende unha zona máis cálida, xa que é común nos océanos tropicais. Hai rexistros desta especie de tiburón nas illas Canarias e tamén na costa de Francia. Estudos previos informan que esta criatura pode desprazarse grandes distancias atravesando dorsais submariñas, arquipélagos e illas ou montes submariños. É unha das especies de tiburóns más misteriosas do mundo polo pequeno número de capturas rexistradas e é moi difícil de observar xa que viven nas grandes profundidades (entre 13 e 430 metros). Son as femias, como é o caso do peixe visto en Arousa, as que soben ata a superficie con feridas propias do apareamento.

“É unha das especies de tiburóns más misteriosas do mundo polo pequeno número de capturas reportadas”

É probable que as femias maduras desta especie migren a augas menos profundas nos períodos de reprodución. O estudo reflicte que aínda queda moito por descubrir sobre a natureza e a explicación destes comportamentos. Hai moi poucos rexistros de captura do tiburón de area e os expertos sinalan que pode deberse á “baixa abundancia relativa desta especie, mais tamén ao seu hábitat de augas profundas fóra do rango de profundidade da maioría das operacións de pesca comercial e tradicional”. Este animal aliméntase doutros peixes pequenos, crustáceos e cefalópodos. Sobre o seu aproveitamento comercial, en Xapón emprégase o seu aceite, mais considérase que a súa carne é de mala calidade.

Os investigadores conclúen que se necesitan máis traballos para determinar con precisión a abundancia, o rango de distribución e a bioloxía deste tiburón. Por iso, instan a “facer mostras dos exemplares que aparezan mortos e varados para encher os baleiros de información sobre esta especie”. A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) catalogou esta especie como vulnerable a nivel mundial e en zonas como Europa ou o Mediterráneo considérase que está en perigo de extinción. No momento do varamento en Arousa, foron varias persoas as que se achegaron a observar o animal que xa estaba inmóbil na beira do mar intentando sobrevivir. Toño Maño, o impulsor do blog Tiburóns en Galicia, comentou que aquela criatura era “unha forza pura, un torrente de enerxía que loitaba contra a súa extinción. Non había debilidade nin desamparo naquel xesto, só loita”.

Tiburón varado na Ría de Arousa. (Imaxe cedida por Toño Maño)

Referencia: First Confirmed Record of the Smalltooth Sand Tiger, Odontapis Ferox, in Galicia (NW Spain) (Publicado en Thalassas: An international journal of marine sciences)

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Diputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un parasito infecta o 30 % dos berberechos do pulmón marisqueiro da Ría de Arousa

O CIMA recomenda pechar Os Lombos de Ulla para recuperar a produción e protexer as especies que non medraron

Gael e Prior: as candorcas que entraron na ría de Arousa nunca interaccionaron con barcos

Son dous exemplares irmáns de dez e seis anos de idade que, segundo os expertos, teñen "un carácter tranquilo e pacífico"

As candorcas Gladis atacan a un veleiro arousano: “Sácanse dentes dos timóns”

O barco que viaxaba para participar na Copa do Rey de vela sufriu danos no timón, quedou sen piloto automático e tivo que ser remolcada

Aparece en Ferrol unha balea xibarte morta de case 10 metros

É o primeiro cetáceo desta especie que vara en Galicia dende 2011, e puido morrer ao quedar engachado en aparellos de pesca