Xoves 28 Marzo 2024

Os 400 camiños do oso en Galicia

Diferentes avistamentos teñen demostrado nos últimos anos que o oso pardo camiña de novo polos montes galegos. Procedentes das montañas asturianas e leonesas, son frecuentes as incursións desta especie en perigo de extinción na parte galega dos Ancares ou mesmo no Courel. Co obxectivo de definir as zonas polas que se desprazaría esta especie nunha hipotética expansión polo territorio galego, o grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal, da Universidade de Vigo, traballa na definición das que serían as “rutas predilectas” deste animal á hora de desprazarse. Utilizando un modelo matemático, os investigadores atoparon preto de 400 camiños polos que o oso podería moverse ao longo dun territorio que abrangue desde o norte dos Ancares ata practicamente a Ribeira Sacra. “Tentamos pensar como un oso”, sinala o profesor Juan Picos dun “proxecto a longo prazo” que permitirá definir cales son as zonas de paso que precisarían dunha especial protección para non frear a expansión do oso pardo polos montes galegos.

O investigador de Forestais da UVigo Juan Picos.
O investigador de Forestais da UVigo Juan Picos.

Non en van, a definición deses 400 posibles camiños permite tamén detectar a existencia dos chamados “colos de botella, puntos polos que pasan boa parte desas posibles rutas e que, polo tanto, son moi sensibles”, sinala este investigador, que incide na existencia de puntos “polos que poden pasar o 20% dos camiños”. Trataríase pois de espazos a ter en conta nas políticas de protección desta especie, a xuízo deste investigador, xa que a construción dunha estrada ou dunha canteira, ao igual que un lume forestal poderían “desencadear especiais problemas, xa que a desconexión afectaría a moitas rutas, non só a unha”. De feito, isto é algo que xa aconteceu este mesmo verán, cando o mapa de preto de 400 rutas deseñado polos investigadores e investigadoras do grupo que dirixe o profesor Enrique Valero se viu modificado polos incendios forestais que afectaron a zonas de alto valor ecolóxico nos Ancares ou no Courel, como o lume que en xullo calcinou 431 hectáreas de terreos da Rede Natura en Navia de Suarna e que xa motivou que colectivos ecoloxistas advertisen das consecuencias que estes sucesos podían ter na recuperación do oso en Galicia.

Os avistamentos dos últimos anos fan sospeitar que xa hai osos asentados en Galicia

“Non seguimos a un oso, senón que intentamos pensar como el”, engade este docente da EE Forestal respecto dun proxecto para o que o grupo de investigación desenvolveu unha “función de custo” coa que definir os camiños polos que tería preferencia “unha especie que se move bastante”. Tendo en conta que “entre un punto e outro hai infinitos camiños”, o que busca este proxecto é definir aquelas rutas que unan os diferentes espazos nos que podería asentarse esta especie “co mínimo custo posible”. É dicir, ter en conta unha serie de preferencias ou rexeitamentos do animal, como a existencia de recursos alimenticios na zona, a proximidade ao curso dos ríos, a similitude co seu hábitat habitual, as pendentes que é preciso superar ou a distancia a puntos que o oso intenta evitar, como núcleos habitados, estradas ou canteiras, para intentar así “simular o comportamento dun oso”. Nese senso, Picos apunta que “aínda que o oso non sabe a onde vai chegar, entendemos que eses serán os camiños que vai acabar facendo” no momento no que, por motivos de apareamento ou alimentación, opte por moverse dos espazos que constituirían o seu “hábitat óptimo”, polo xeral “superficies amplas como fragas, preferentemente de bosque caducifolio, nas que conte con alimentación e lugares de refuxio”.

Un dos mapas dos camiños do oso deseñados na investigación.
Un dos mapas dos camiños do oso deseñados na investigación.

O estudo que o grupo AF-4 desenvolve co oso pardo e que previamente xa realizara con outras especies, parte da idea da conectividade, de non entender os espazos protexidos como “zonas illadas”, senón como parte dunha rede na que é preciso ter en conta as zonas que a conectan. Trátase pois dun “modelo de protección funcional do territorio”, como sinala Picos. Nese senso, este docente incide en que, a pesares de que “é moi probable que xa haxa osos residentes en Galicia”, estase a falar dunha especie da que “as poboacións son aínda moi pequenas”. De aí que se trate dun estudo “máis enfocado ao territorio que a especie”, que pon o foco en zonas polas que na actualidade non pasan os osos, pero que poderían converterse en “puntos críticos para a súa expansión”. De aí que Picos avogue por “ir facendo un traballo preventivo coas administracións públicas para ir xerando boas condicións para facilitar a implantación e circulación da especie”. Para iso, engade, sería preciso ter en conta aqueles puntos que “como mínimo, son potencialmente utilizables” por este animal “fronte a construción de infraestruturas ou alteracións do hábitat”.

Publicidade

O modelo traza 400 rutas que serían usadas polo oso dende Os Ancares ata a Ribeira Sacra

Na análise realizada ata o de agora, explica Picos, “detectouse que as zonas nas que podería residir o oso, así como a maior parte dos camiños polos que pasaría, atópanse en áreas protexidas” dos Ancares e do Courel, danadas ambas polos lumes forestais deste verán. Mais a conexión entre estes dous espazos naturais ten tamén unha “particularidade”, a presenza da A-6, unha autovía valada, cun alto volume de tráfico, que atravesa este territorio. “Afortunadamente, ten unha serie de viadutos e túneles que permiten que poida ser atravesada, por arriba ou por debaixo, pero só por determinados puntos”, que por ese motivo, engade, “requiren dunha especial protección”.
Como apunta Picos, trátase do primeiro paso dunha liña de investigación que o grupo AF-4 quere continuar tratando de “verificar na realidade” eses supostos itinerarios preferibles. É dicir, pasar das “preferencias teóricas” á análise sobre o terreo naqueles puntos que sexan considerados máis importantes, na busca que evidencias do paso deste animal, a través da busca de pegadas ou da instalación de fototrampeos, que permitan “contrastar a nosa hipótese coa realidade e ver por onde vai o oso de verdade”.

2 COMENTÁRIOS

  1. Se eu fose un oso, preocuparíame seriamente que este equipo de “investigación” metese as mans nos meus asuntos… Pobres osos, como se descuiden pronto verán todos eses camiños inzados de eucalitos por obra e gracia de AF-4.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os incendios do Courel destapan miles de fósiles mariños do Paleozoico

Un xacemento de 416 millóns de anos descobre unha grande población de crinoideos, o grupo máis antigo dos equinodermos

Os Ancares e O Courel, distinguidos como ‘Mellor destino de montaña 2023’

O selo Observer revalida a certificación aos dous espazos naturais, que xa recibiran o recoñecemento en 2019
00:05:07

Previr os incendios extremos con queimas prescritas

O lume técnico pode ser unha ferramenta económica e ecolóxica para xestionar, de maneira sostible, a prevención de grandes incendios forestais

Juan Picos: “Somos unha especie ameazada polos incendios forestais”

O investigador da UVigo participa no proxecto europeo Firepoctep, que busca alternativas na prevención e loita contra os grandes lumes