FERREIRA RECOLLIDA SELECTIVA
Operarios do servicio de recollida porta a porta de San Sadurniño.

Reciclaxe a domicilio

O concello de San Sadurniño, un pequeno municipio interior e rural da provincia da Coruña, vén de poñer en marcha esta semana un proxecto piloto en Galicia  para a  recollida selectiva de lixo na porta da casa de medio cento de vivendas de tres  parroquias.  Ten un triplo obxectivo: aforrar cartos, coidar do medio natural e asomar os veciños como recuperar a compostaxe dos restos orgánicos con novos usos nas leiras e no gando como facían os seus antergos.

Esta iniciativa, que empuxa a corporación local que encabeza Secundino García (BNG) e Adega (Asociación na Defensa Ecolóxica de Galiza), arrincou este martes.  Participan medio cento de casas -150 veciños- espalladas entre 18 núcleos rurais das parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Naraío, famoso pola estampa do torreón, o vestixio aínda en pé do seu ruinoso castelo do século XV, protagonista nas revoltas irmandiñas e propiedade da Casa de Alba.

O obxectivo do plan é reducir á metade o volume do lixo que se trata en Sogama

A recollida selectiva en San Sadurniño é o primeiro paso para desterrar un “modelo caduco de incineración como o de Sogama na busca doutro máis barato e sustentable desde o punto de vista ambiental”, explica o rexedor. Estiman que o custe de enviar os residuos a planta suponlle, de media as arcas locais, uns 80 euros por cada tonelada. Os ambientalistas fixeron números con Goberno local e están seguros de que con este sistema coidan o medio e aforrarán cartos. Estiman que poderán recortar gastos o reducir a metade o volumen de tonelaxe que derivan a Sogama, reaproveitando moitos deses restos orgánicos como biomasa caseira. “É una fórmula distinta para xestionar os residuos en orixe para aforrar en custes económicos e ambientais”, resumen.

Media de 60 anos

Por cada unha das casa que se adheriron o proxecto piloto do lixo, explican na corporación municipal, hai un colector amarelo para os residuos inorgánicos (latas, conservas, plásticos..). No outro, os restos orgánicos (mondas e desperdicios de alimentos fundamentalmente). Os dous operarios municipais que onte fixeron o primeiro día de ruta nun pequeno furgón polas casas atoparon que os restos -salvo contadas excepcións- estaban perfectamente clasificados polos veciños, cunha idade media de 60 anos. Tardaron dúas horas en completar o recorrido que repetirán todas as semanas, unha hora menos da que se demoraba o camión compactador “un importante aforro en tempo e combustible”, celebra as concelleiras de Obras e Medio Ambiente, Amparo Calvo e Maricarme García, que agardan os primeiros resultados en cifras antes de estender o modelo o resto das parroquias.

A maiores dos composteiros para o lixo orgánico, o concello situou outros colectores en puntos concretos: verde (vidro), amarelo (plásticos), azul (papel e cartón) e un cuarto, de cor gris, para desfacerse, por exemplo, de zapatos vellos e outras cousas que non encaixan en ningún dos outros.

Adega amosará en distintos obradoiros os veciños do concello como deben proceder para autoxestionar o seu propio lixo como biomasa con novos usos agrícolas “como se fixo toda a vida”. Por exemplo, para alimentar os cochos ou xerar esterco -a partir do substrato fertilizante-, como facían os seus devanceiros para plantas e morteiros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.