O leopardo das neves (Panthera uncia).

O leopardo das neves (Panthera uncia).

Pero que fai un leopardo das neves preto das Neves?

A incautación en Salvaterra dun almacén con 150 especies protexidas destapa o tráfico ilegal de animais en perigo

leopardo das neves (Panthera uncia) é un gran félido que habita nas altas montañas do Himalaia. É tamén unha das especies máis ameazadas do mundo, segundo a Lista Vermella da IUCN, que estima a súa poboación global entre os 4.000 e os 6.000 adultos. Este ‘lindo gatiño’ de elegante pelo gris habita nas grandes alturas, por riba dos 3.000 metros. E nunca fora avistado nas beiras do río Miño, ata que a Garda Civil culminou a operación ‘Hiposacro’, desmantelando un almacén en Salvaterra que gardaba máis de 150 exemplares de especies prohibidas disecadas, entre eles a pata dun hipopótamo, o pescozo dunha xirafa e un leopardo das neves completo. Un animal que é das neves, pero non é das Neves. Porque nas leiras deste municipio do Baixo Miño xamais se vira un predador coma este.

A Garda Civil cos animais disecados.

A Garda Civil cos animais disecados.

A operación Hiposacro puxo a Galicia no mapa do tráfico internacional de animais en vías de extinción. Un lucrativo negocio, como ten denunciado a organización WWF, que xunto ao cambio climático e á perda do seu hábitat natural, suma a caza ilegal como a causa principal da desaparición progresiva do leopardo das neves. “A súa poboación caeu un 20% no últimos vinte anos, e estímase que en liberdade rolda os 4.000 exemplares. Para que nos sirva de referencia, a poboación de tigres en liberdade, unha especie moi ameazada, é de 3.890 individuos”, din WWF nun informe.

Estes grandes felinos son cazados “pola súa pel, ósos e outras partes do corpo para o seu uso en medicina tradicional asiática. O organismo que estuda o tráfico de especies,  TRAFFIC, estima que entre 221-450 leopardos foron vítimas desde 2008 – un mínimo de 4 por semana”.

Unha das vítimas da caza ilegal nos altos montes do Himalaia rematou no Baixo Miño. O propietario, con nacionalidade francesa e española, foi posto en liberdade con cargos e enfróntase a delitos contra a fauna, o patrimonio histórico e cultural, receptación, tenencia ilícita de armas e contrabando. O Seprona levaba investigando desde o mes de maio ao detectar un anuncio a través de Internet da venda dalgúns especímenes CITES (Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Flora e Fauna Silvestre), en concreto unha pata de hipopótamo e unha tartaruga.

Cada semana son cazados ilegalmente polos furtivos 4 leopardos das neves

Ademais do leopardo das neves, o gran ‘tesouro’ deste traficante eran 11 cabeiros de marfil incautados, algúns deles tallados, cun valor no mercado que pode superar os 100.000 euros. Tamén tiña disecados un tigre e un león.

O traficante foi identificado como un home con dobre nacionalidade española e francesa que se instalou en Galicia no 2010. Os investigadores sospeitan que se dedicaba á compra e venda de obxectos e especies prohibidas, moitas traídas a Galicia desde o estranxeiro de forma irregular e outras derivadas de roubos, unha actividade que lle reportaba importantes beneficios.

A Garda Civil calcula que nos últimos tempos obtivo aproximadamente uns 400.000 euros como resultado da venda deste animais disecados, ás que hai que engadir material arqueolóxico e artístico de comercializacion ilegal.

Pero a clave deste negocio é que existe un mercado. Hai xente que paga por ter na súa casa un león, un tigre ou un leopardo disecado. Mentres cada semana catro leopardos das neves caen abatidos no Himalaia polas balas dos cazadores furtivos, algúns fan negocio con eles. Porque constitúe unha vergoña para todos que un leopardo das neves apareza preto das Neves.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.