Xoves 28 Marzo 2024

A ciencia galega durante o ‘Prestige’, “marxinada, relegada e censurada”

Ou fodes A Coruña ou fodes toda a costa“, dicía unha conversación entre dous responsables de Salvamento Marítimo na mañá do 14 de novembro, cando o Prestige era visible desde a Costa da Morte. Ambos avogaban por levar o barco a unha zona de refuxio. Varios técnicos aseguraron, tanto naqueles primeiros momentos como anos despois, no xuízo, que recomendaran levar o petroleiro a unha ría ou algún porto para localizar a marea negra e impedir que se espallase por toda a costa atlántica e cantábrica, como finalmente aconteceu. “Pedinlles, por favor, que deixaran de pasear o barco”, conta Antonio Figueras, director do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, que días despois daquela petición foi chamado para formar parte do Comité Científico Asesor do Goberno español.

Desde o primeiro momento, os científicos galegos autoorganizáronse

Voces autorizadas na ciencia galega coinciden en sinalar a pouca consideración que as autoridades tiveron en conta cara eles á hora de pedirlles opinión sobre o que facer co Prestige. Diante da magnitude da marea negra que se albiscaba, moitos dos investigadores máis recoñecidos no eido das ciencias mariñas e ambientais – Galicia aglutinaba naquel tempo máis da metade dos investigadores mariños do conxunto do Estado – puxéronse a disposición dos gobernos central e autonómico e comezaron a recabar datos sobre o terreo.

Publicidade

Non foi ata o día 9 de decembro, case un mes despois do accidente, cando se constituíu o Comité Científico Asesor. Ducias de grupos de investigación das universidades galegas e outras institucións xa se autoorganizaran para aportar o seu coñecemento. Naquel intervalo, clave para todo o acontecido nas semanas e meses posteriores, os gobernos español e galego basearon as súas decisións no consello dun indefinido grupo de expertos.

“Férreo control da información”

A reacción dos investigadores foi moi crítica. No 2012, o Consello da Cultura Galega editou unha obra titulada Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige, coordinada por Victoriano Urgorri, catedrático de Zooloxía Mariña na USC, e Marcos P. Señarís, investigador do mesmo departamento. No prólogo, Urgorri subliña que a comunidade científica galega foi “completamente marxinada, relegada e censurada”, en referencia á falta de transparencia gubernamental e, en concreto, ás dificultades que puxo o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía para a celebración dun simposio organizado pola Comisión de Coordinación Científica. Segundo Urgorri, este grupo de traballo, formado por investigadores de institucións de toda a franxa cantábrica, foi sometida a un “férreo control da información”, de “forma obsesiva“, por parte do Goberno español.

Co paso dos días, unha vez constituídos os comités asesores, e ante a evidencia da gravidade da marea negra, a información aportada polos científicos acabou fluíndo con máis facilidade. Non en tanto, as críticas da comunidade científica galega e española cara a xestión da crise continuaron. O 21 de decembro de 2002, 422 científicos galegos e españois, adscritos ao IEO, CSIC, as tres universidades galegas e outras institucións, escribiron unha carta que sería publicada un mes despois na prestixiosa revista Science.

422 científicos asinaron unha carta en “Science” moi crítica co Goberno español

O texto remarcaba que atribuír a expertos técnicos a decisión de afastar o barco da costa galega era “unha grave ameaza á credibilidade” dos científicos españois. Engadían que a crise revelou “unha seria deficiencia no funcionamento do sistema nacional de investigación”. A carta xiraba arredor de tres ideas: en primeiro lugar, que a decisión de afastar o barco “foi responsable da dispersión espacial do vertido” que “probablemente causará a chegada de sucesivas mareas negras”; en segundo lugar, que “a pobre coordinación das autoridades españolas deu lugar a un uso moi ineficiente das institucións, recursos e coñecemento científicos, como se reflicte en retrasos inexplicables e actuacións solapadas”, citando como exemplo que o primeiro borrador dun plan científico de actuación ten data do 13 de decembro; e por último, demandaban ás autoridades unha mellora nos “cauces e mecanismos de consulta científica e técnica”.

Fragmento da carta publicada en "Science" e asinada por 422 científicos galegos e españois.
Fragmento da carta publicada en “Science” e asinada por 422 científicos galegos e españois.

O texto concluía cunha petición que evidenciaba a tensión entre científicos e políticos durante aqueles días: “Que se absteñan de facer vagas manifestacións públicas que están danando seria e inxustamente a imaxe das ciencias mariñas e atmosféricas españolas”.

Como colofón, cabe remarcar un feito acontecido no Congreso dos Diputados en marzo de 2003. Pablo Serret, investigador da UVigo e primeiro asinante da carta publicada en Science, estaba citado para intervir na Comisión de Ciencia e Tecnoloxía. O día 12 de marzo de 2003, segundo contou El País, Serret, que aconsellara non afastar o barco da costa, foi vetado para falar minutos antes da súa comparecencia por decisión do PP, que incluíu unha modificación do orde do día para impedilo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Os científicos somos un pouco detectives: o caso dos envelenamentos por arsénico en Arizona

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O arsénico podería ser considerado o rei dos...

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli