Venres 29 Marzo 2024

A morte negra: máis de 100.000 aves atrapadas no chapapote

O fuel do Prestige, pouco soluble, pesado e denso, non afectou de igual xeito a todos os organismos. Así como os peixes e mamíferos mariños puideron fuxir máis facilmente do chapapote – aínda que moitos sucumbiron igualmente – decenas de miles de aves quedaron atrapadas. Do mesmo xeito, algunhas algas e plantas dos fondos costeiros e a zona litoral tamén sufriron un grande impacto.

Varias investigacións centráronse en cuantificar o número de aves mortas ou danadas polo fuel. No 2011, con tempo suficiente para facer un balance sosegado e completo, un grupo de científicos liderados polo galego Ignacio Munilla publicou un traballo na revista Ecosphere no que, mediante varios métodos, facían unha estimación das aves mortas a causa da marea negra. No texto, os autores sinalaban que “aínda que a nosa estimación só é válida para os álcidos (aves da familia do arao) en Galicia, indica que o vertido do Prestige, en termos de gravidade da mortalidade de aves mariñas, foi un dos peores vertidos xamais rexistrados no planeta”.

Publicidade

En 2011, un estudo cifrou, só en álcidos, arredor de 100.000 exemplares mortos 

Cos cálculos realizados, o traballo – que tamén asinaban José Manuel Arcos, Daniel Oro, David Álvarez, Patricia M. Leyenda e Alberto Velando – indicaba que arredor de 100.000 álcidos – aos que habería que sumar o resto de aves mariñas – morreron só en Galicia como consecuencia do vertido do Prestige.

Un ano despois da marea negra, SEO/BirdLife publicou, cos datos aportados por centenares de investigadores, institucións e voluntarios, un informe do impacto do Prestige sobre as aves mariñas en toda a costa atlántica e cantábrica. Segundo os datos recabados, entre o 16 de novembro, día no que se recolleu a primeira ave con restos de fuel, ata o 31 de agosto de 2003, rexistráronse 23.181 aves de máis de 90 especies. Delas, 17.061 estaban mortas e 6.120, vivas. Máis do 50 % foron recollidas nas costas galegas.

Porén, debido á magnitude da catástrofe e á súa ampla distribución xeográfica, a ONG apunta que só se rexistraron, facendo unha estima “conservadora“, entre un 10 e un 20 por cento do total das aves afectadas. Así, crese que, en realidade, o número total de aves afectadas polo fuel oscilou entre as 115.000 e as 230.000.

Aves recollidas entre o 16-11-02 e o 16-5-03. Fonte: SEO/BirdLife.
Aves recollidas entre o 16-11-02 e o 16-5-03. Fonte: SEO/BirdLife.

A ave máis afectada foi o arao. De feito, bautizouse como Fundación Arao, de xeito simbólico, o organismo creado pola Xunta de Galicia para recuperar as zonas afectadas pola marea negra. A especie máis danada foi, con diferenza, o arao dos cons (Uria aalge), que representaba un 51% do total dos exemplares (11.802 rexistradas). A unha considerable distancia figuran o arao romeiro (Alca torda), con 3.876 individuos recuperados, e o arao papagaio (Fratercula arctica), con 3.854 exemplares rescatados.

Aínda co incansable labor de expertos e voluntarios, sobreviviron moi poucos exemplares das especies máis afectadas pola marea negra. Non en tanto, como xa se indicou, a gran maioría das aves apareceron xa mortas. E segundo indica o mesmo informe de SEO/BirdLife, a taxa de recuperación foi menor ao 9% entre os exemplares de arao dos cons, arao romeiro e arao papagaio que foran rescatados vivos, debido ao seu pequeno tamaño. Especies máis grandes, como a gaivota patiamarela (Larus michahellis) ou o mascato (Morus bassanus) resistiron mellor á trampa mesta do chapapote.

Arao dos cons, arao papagaio e arao romeiro, tres das principais aves afectadas polo vertido do "Prestige". Fotos: Dick Daniels, Tomi / CC BY-SA 3.0.
Arao dos cons, arao papagaio e arao romeiro, tres das principais aves afectadas polo vertido do “Prestige”. Fotos: Dick Daniels, Tomi / CC BY-SA 3.0.

Peixes e mamíferos mariños

Polas súas características, os peixes e os mamíferos mariños tiñan máis capacidade que as aves para fuxir do fuel unha vez entraban en contacto con el. Mais no inverno do Prestige, o número habitual de varamentos nas costas galegas multiplicouse de xeito notable. En decembro de 2002 publicouse o primeiro dos informes, realizado pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e a Sociedad Española de Cetáceos.

Só entre os días 16 de novembro e 8 de decembro localizáronse en Galicia dous caldeiróns, cinco arroaces, seis golfiños comúns, un caldeirón cinsento, tres toniñas, un rorcual de ás brancas e oito cetáceos non identificados. Amais, apareceron trece tartarugas comúns e tres tartarugas de coiro. Moitos destes animais tiñan restos evidentes de chapapote, con sinais de que morreran asfixiados pola inxestión de fuel.

Un proxecto de investigación posterior, elaborado durante tres anos tamén pola Cemma, contabilizou un total de 440 exemplares de cetáceos, focas, lontras e tartarugas mariñas varados na costa galega ata finais do 2003. No 27% dos casos, comprobouse “a afección do vertido”. Estimouse que en total, a mortalidade deste tipo de animais “puido ser de 720 a 870 exemplares“, gran parte deles tartarugas (arredor de 714).

A flora

Os danos tamén se deixaron sentir nalgunhas especies de flora en perigo de extinción, segundo indicou no seu momento unha investigación da Federación Ecoloxista Galega. É o caso da Rumex rupestrix, tamén coñecida como labaza de ribeira, que só se conserva en zonas de Nigrán, norte de Ferrol, Costa da Morte, o Complexo-Ons O Grove ou o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Mesmo chegou a desaparecer en zonas como Ons debido á marea negra e, nalgúns casos, a inadecuados traballos de limpeza. Non foi ata 2016 cando se confirmou a súa reintrodución.

Outro caso crítico foi a da Omphalodes littoralis, tamén en perigo crítico de extinción. É endémica do litoral da provincia da Coruña, con núcleos no norte de Ferrol, un pequeno enclave do Barbanza e a parte noroccidental da Costa da Morte, nunha das zonas máis afectadas polo fuel. Os traballos de limpeza en zonas de dunas, onde adoita medrar esta planta, provocaron serios danos na especie.

Ler máis: Prestige e a ciencia, 15 anos despois

– A memoria da catástrofe

– Que foi o que provocou o accidente do Prestige?

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano