Sábado 20 Abril 2024

“A lentitude dos gobernos provocou a perda de datos sanitarios sobre o ‘Prestige'”

Sara del Río é responsable da campaña Tóxicos e Contaminación en Greenpeace España e da área de investigación. Hai 20 anos, tamén estivo na catástrofe

Sara del Río foi durante moitos anos responsable das campaña de tóxicos de Greenpeace e, logo de dúas décadas nunha das organizacións ecoloxistas máis relevantes do planeta, converteuse na súa xefa de investigacións. Traballou arreo durante a catástrofe do Prestige e, cos anos, seguiu adquirindo moita bagaxe en todo o que ten que ver con contaminación, tóxicos e residuos.

-Cando foi o afundimento do Prestige, xa estabas en Greenpeace. Que papel xogou entón vostede e a súa organización?

Publicidade

-Eu levaba algo máis dun ano traballando en Greenpeace. En canto vimos a gran embergadura da catástrofe que se avecinaba, todo o equipo de campañas se desprazou para Galicia. O primeiro que fixemos cando soubemos que un buque de 7.000 toneladas de fuel lanzara un SOS, foi empezar a divulgar as nosas recomendacións a través das entrevistas que nos facían en prensa. Xa naquel momento recomendamos levar o buque a porto para poder extraer de forma segura todo aquel fuel. Sabiamos que un verquido desas dimensións podía ter un alcance maiúsculo como, finalmente, tivo.

-Parece que xa pouca xente dubida de que tivera sido a mellor opción.

-Claro. Nós insistiamos en todos os medios que podiamos nesa opción e que se fixera canto antes. Non nos fixeron caso. Era a medida que considerabamos máis axeitada e ao pouco enterámosnos de que o Goberno decidira xusto o contrario.

-Ademais de facer contrainformación, cal foi o voso labor alí?

-Efectivamente. Unha das primeiras cousas que fixemos foi contradicir aquela visión que trasladaba tanto a Xunta de Galicia como o Goberno de entón. Unha das cousas nas que máis incidimos foi nas medidas de seguridade que os voluntarios debían levar ás praias. Había un coñecemento moi claro que aquel fuel era de nº6 con hidrocarburos pesados e volátiles e sabiamos que iso tiña efectos contra a saúde das persoas. A caracterización final do fuel determinaría cal era a cantidade de substancias perigosas que tiña, pero o que si tiñamos claro era que todas aquelas persoas que ían ao mar e ás praias estaban a facelo cunhas máscaras que non eran seguras, sen luvas, sen EPIs… O impacto que podía ter para a súa saúde podía ser relevante. Este foi un gran choque de realidade entre a información que estaba lanzando a Administración española e galega e o que nós diciamos.

-En que tempos acontece isto? Sorprende que tiveran que ser vostedes os que avisaran á cidadanía e non os gobernos.

-Nós damos as primeiras alertas cara o final de novembro. É unha das cousas que máis chocaban. Trataban a toda costa de ocultalo. Xa se comentou estes días, pero foi un dos primeiros actos de negacionismo. Si que foi Greenpeace unha das primeiras organizacións en dar esas alertas e en insistir en que era relevante recompilar información sobre os impactos na saúde das persoas. Especialmente, para analizar o impacto que podía ter no longo prazo.

Numerosos científicos sostiveron que afastar o buque provocou que a marea negra afectase a centos de quilómetros de costa. Foto: Stéphane M. Grueso [CC BY-SA 3.0], via Wikimedia Commons.

-Supoño que non foi doado.

-Un dos primeiros muros que nos atopamos foi o da análise do fuel para saber cantas substancias perigosas contiña. De feito, tivo que ser un instituto francés (o CEDRE) o que sacou unha mostra coa composición deste fuel. Foi a primeira vez que se acreditou que tiña compostos tóxicos con potencial impacto para a saúde das persoas. Falamos de compostos orgánicos volatiles, que son os que máis se evaporan do fuel. E os voluntarios estaban a respiralo. Non tiñan máscaras axeitadas con fitros. Tiñan FFP2 que son as mellores para a covid-19 pero non o eran para o fuel, daban unha falsa sensación de seguridade.

-No curto prazo, a saúde das persoas estaba a verse afectada?

-Si. De feito os servizos sanitarios xa estaban atendendo a persoas con náuseas, vómitos, mareos, dores de cabeza… Todos os síntomas que se derivan de estar exposto a estes compostos que estaban no fuel. Canto máis cheiraba o fuel era cando máis estaba emitindo estas substancias.

-Un dos grandes problemas aos que vos enfrentastes foi á hora de recabar eses datos sanitarios.

-O Sergas tardou tempo en ir recompilando esa información. Todo era parte da mesma situación de desinformación na que nos atopabamos. Creo que no tema da saúde tamén aconteceu, especialmente na información sobre os impactos agudos derivados das exposicións máis inmediatas. A colleita de información para tratar de ver o impacto que ía ter o Prestige a medio e longo prazo foi moi lenta. De feito, o primeiro informe de Greenpeace coa Universidade Autónoma de Barcelona (El Prestige y las personas) esixía á Administración que comezase a recabar eses datos para ver o impacto na saúde das persoas voluntarias, ben por contacto dérmico ou por respiración.

-Esixiádelo entón e tamén agora: non se fixo un estudo epidemiolóxico exhaustivo. Naquela altura ata llo pedistes persoalmente á entón ministra de Sanidade, Ana Pastor.

-Correcto. Fixemos aquel informe para facer unha proposta do estudo epidemiolóxico que se tiña que desenvolver para poder entender como se ía a comportar na saúde das persoas aquel fuel. E meses máis tarde daquela reunión, empezaron a recoller información. Todo o que ten que ver con eses primeiros datos iniciais para facer un estudo epidemiolóxico en condicións, perdeuse. Pero, gratamente, logo vimos que moitas das cousas que foron finalmente no estudo eran moi similares ás da nosa proposta.

Afundimento do petroleiro Prestige fronte a costa de Galicia no 2002.
Afundimento do petroleiro Prestige fronte a costa de Galicia no 2002.

-Vamos, que lle adiantaron traballo.

-Bueno, en certa maneira, Greenpeace traballa para iso. Para facer propostas que sexan recollidas. Así que benvido sexa.

-Coa información que se tiña entón e coa que se ten agora, estamos en condición de afirmar que o dano do Prestige sobre a saúde das persoas está recomposto?

-Coa información científica recabada ata o de agora, podemos dicir que, agora mesmo, non hai impactos que se manteñan no tempo. É certo que si que houbo moitas persoas moi expostas ao fuel que mantiveron durante máis de cinco anos problemas respiratorios crónicos, modificacións no ADN… Todo impactos relacionados coa exposición a este fuel e aos hidrocarburos. Pero de acordo con tódolos informes científicos que temos, os impactos non se mantiveron no tempo. A crise do Prestige non foi unha crise de saúde. Si que tivo impactos, pero non foi tal.

-Que aprenderon vostede e o seu equipo daquela catástrofe para o futuro?

-Creo que aprendimos o importante que é saber actuar a tempo e seguindo os protocolos para non tomar decisións erróneas como tomou o Goberno naquela altura. Pensar que levando o barco mar adentro ía desaparecer o problema… Como Greenpeace, quedounos claro a importancia das organizacións sociais para contrarrestar as informacións oficiais que se ofrecen. Neste caso foi moi evidente o bloqueo informativo. Moitos medios internacionais chamaron durante a catástrofe sorprendidos da diferenza que había entre a versión da Administración e a das organizacións ecoloxistas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O buque que verteu fuel na Arousa deberá pagar unha fianza de 230.000 euros

O barco WEC Vermeer está retido no porto de Vigo e xa recoñeceu que soltou arredor de 150 litros de combustible ao mar

Aparecen “galletas” de chapapote en praias da Illa de Arousa

Salvamento Marítimo desprega un dispositivo na zona e un buque está retido no Porto de Vigo baixo a sospeita de ter verquido augas residuais

Atopan un fungo capaz de facer desaparecer o chapapote

Un novo método empregando Aspergillus niger conseguiría limpar as praias de verteduras accidentais de diésel