Venres 19 Abril 2024

Esta planta atopada en Fisterra pode ser a próxima gran especie invasora en Galicia

No val de Duio, na chaira que separa Fisterra do resto do mundo, houbo ata hai poucos anos un viveiro de flores. A crise levouno por diante, e hoxe os terreos están abandonados. Porén, é posible que un día, antes do peche, nalgún cargamento de plantas que chegaron ata aquí viñera unha semente da planta Alternanthera philoxeroides.

Crese que foi así porque non había rexistros previos desta especie na Península. E a de Fisterra segue sendo a única poboación detectada en España e Portugal. No sur de Europa só apareceu nas beiras do río Garonne, en Francia, e do Arno, en Italia. E pode ser, se nada o evita, o foco desde onde se espalle unha nova especie exótica invasora en Galicia.

Publicidade

A historia remóntase ao verán de 2014. Entón, os profesores da USC Javier Amigo e Inmaculada Romero atopárona ao lado dos viveiros abandonados. “É un sitio polo que pasamos a miúdo, e chamounos a atención á beira dun camiño, xunto a unha gabia de rego”, lembra a profesora Romero. Meses despois, nun artigo publicado en Acta Científica Compostelana, deron conta do achado. “Nela distinguimos dúas poboacións, separadas por unha estreita estrada comarcal”, apuntaban os autores. No texto dicíase tamén que “en consulta cun propietario dun prado lindeiro, aseguraba que a planta levaba na gabia uns 10 anos”.

Ás veces, esta especie véndese ás veces como planta ornamental porque ten flores brancas, “e pode parecer atractiva para ter nun estanque”, explica Rubén Portela, doutorando no grupo Biocost da UDC, que afonda na súa tese nas características que converten a especies como a Alternanthera ou a unlla de gato (Carpobrotus edulis), en plantas con gran capacidade invasora. Porén, nas súas primeiras fases de crecemento, esta planta aparece como un tupido manto como o que se ve nas imaxes que acompañan ao texto.

A detección da Alternanthera philoxeroides en Galicia é unha noticia preocupante. A poboación de Fisterra ocupaba no 2014, cando foi descrita, uns 60 metros cadrados, e agora xa supera os 200. Atopou o ambiente idóneo: a gabia arredor da que medra dálle a auga necesaria, e facilita tamén a súa dispersión en todas as direccións a través do val.

A especie é anfibia -xa que medra moi ben na auga- e orixinaria da bacía do río Paraná, en Sudamérica, onde adoita medrar en ambientes moi húmidos. Alí, no seu hábitat natural, coñécena como lagunilla, gambarusa ou raíz colorada. Pero en China, Australia ou Estados Unidos teñen un serio problema con ela, e está considerada unha das plantas acuáticas invasoras máis daniñas do mundo. Galicia pode ser a súa seguinte parada. En China “leva máis de 50 anos, e causa grandes perdas económicas, porque pode cubrir completamente os campos de cultivos en cuestión de poucos anos e colapsar as gabias de rego”.

Unha planta de reprodución clonal

Evidencia da reprodución clonal da planta. As raíces medran nun nó do talo. Imaxe cedida por Inmaculada Romero.
Evidencia da reprodución clonal da planta. As raíces medran nun nó do talo. Imaxe cedida por Inmaculada Romero.

Así tanto Rubén Portela como Inmaculada Romero destacan a reprodución clonal como un factor que pode facilitar a expansión da Alternanthera, algo común nas especies exóticas invasoras. “Pode reproducirse non só mediante sementes, senón tamén a partir de fragmentos de talos ou raíces; no caso desta planta, os talos son ocos e permítenlle aboiar sobre a auga. E en ríos e lagoas pode formar arbustos flotantes dos que se separan fragmentos que son arrastrados pola corrente, facilitando a súa expansión”, explica Rubén Portela.

E o terreo en Galicia, con auga por todos lados, é outro punto a favor do avance desta invasora. “Temos un territorio idóneo para a Alternanthera“, adianta Inmaculada Romero. Porén, se medra nunha zona non inundada, pero con humidade, tamén é voraz. “Cando medra nun ambiente terrestre despraza ás especies nativas, formando un tapiz continuo”, engade o doutorando da UDC.

É posible erradicar a planta?

Os expertos advirten, como adoita acontecer nestes casos, que “é moi difícil erradicala unha vez establecida”, recoñece Rubén Portela. Na mesma liña fala Inmaculada Romero, que subliña a necesidade de actuacións sostidas no tempo: “A planta segue alí, e non se está facendo máis que arrincala de cando en vez; e isto non é suficiente. O tempo xoga en contra, e se non tomamos en serio o problema, pode acabar gañando a batalla“.

Ademais do traballo dos investigadores, algúns grupos ecoloxistas acudiron ao lugar para eliminar as plantas, pero volveron aparecer. Por agora non se detectou noutras zonas, pero parece cuestión de tempo.

Xa se están estudando posibles métodos para eliminar a planta, como a introdución dun depredador natural, o escaravello Agasicles hygrophila

Rubén Portela desenvolve tamén na súa tese un modelo informático que analiza o crecemento da especie en Fisterra. Nos últimos anos, este investigador realizou estancias na Beijing Forestry University e na Universidade Federal de São Carlos, en Brasil, onde afondou no coñecemento da especie, tanto no seu hábitat nativo como no lugar onde é invasora. “A simulación inclúe a posibilidade de liberar un depredador natural, o escaravello Agasicles hygrophila (nativo de Brasil), para eliminar a planta. Este depredador foi usado con bastante éxito en países como Estados Unidos, China ou Australia”. No traballo, Rubén colabora coas universidades portuguesas de Trás-os-Montes e Alto Douro.

Por agora, a Alternanthera philoxeroides é unha gran descoñecida en Galicia. Nin sequera ten nome común, como a acacia, a herba da Pampa ou a unlla de gato. Pero xa está aquí. Hai uns días, a pesar da seca, as gabias do val de Duio baixaban cargadas de auga, alimentando á poboación da especie e arrastrando, posiblemente, os fragmentos desta planta cara a outros lugares. O tempo, e as accións que se tomen, ou non, para frear o seu avance, dirá se se converte en poucos anos nun novo e grave problema.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204