A duna móbil de Corrubedo é a icona do parque. Foto: Turismo de Galicia.

A duna móbil de Corrubedo é a icona do parque. Foto: Turismo de Galicia.

Parque Natural de Corrubedo, moito máis ca unha duna

A riqueza da flora e a fauna deste ecosistema convérteno nun destino imperdible

A gran duna móbil dun quilómetro de largo, 250 metros de ancho e case 20 de altura é o emblema do Parque Natural de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán pero sería moi inxusto pensar que é o seu único atractivo. En algo menos de mil hectáreas podemos atopar unha gran riqueza de aves acuáticas, unha interesante flora nas zonas anegadas, unha rede de camiños a explorar e, por si fora pouco, existen restos megalíticos importantes no entorno do parque. A pesares de ser o parque natural máis visitado de Galicia moitas das súas posibilidades aínda son descoñecidas.

Situado entre as rías de Arousa e Muros-Noia sen dúbida que o gran referente do parque é a duna que atrae a case 300.000 persoas cada ano. Fronte ao que ocorría hai tempo, xa non se pode acceder á duna para preservala da acción do home, pero pode verse con comodidade dende os camiños habilitados ou dende a praia. A barlovento, fronte ao mar, é larga e tendida como o lombo dun animal, mentres que por sotavento se derruba cara a terra e, sen vexetación que a conteña, avanza a unha velocidade de dous ou tres metros por ano. Aínda que é de area, o seu aspecto é monumental.

Lagoa de Vixán

Lagoa de Vixán

Despois da duna o gran atractivo do parque atópase nos ecosistemas existentes grazas a presenza nun espazo reducido de dúas lagoas, a de Vixán (auga doce) e a de Carregal (auga salgada). Ámbalas dúas acollen a preto de 3.000 aves acuáticas e, ademais, conta cunha gran riqueza anfibia, xa que das 14 especies de anfibios existentes en Galicia aquí atoparemos dez, unha delas é o sapo de esporóns.

O valor ornitolóxico de Corrubedo quedou patente coa súa inclusión en 1993 no Convenio Ramsar de Humedais de Importancia Internacional. As marismas da lagoa de Carregal acumulan grandes concentración de aves laro-limícolas. Entre outras especies poderemos atopar a píllara dourada nos areais, así como o pernileiro, diversos mazaricos, pilro tridáctilo, pilro común e bilurico pativerde.

A lagoa de Vixán, que conta cun observatorio ornitolóxico, alberga as principais especies de anátidos e rálidos. A mellor época para observar as aves é entre setembro e abril, no verán redúcese o número de especies e só permanecen as aves sedentarias: a galiñola negra, o alavanco real, o mergullón pequeno e a galiñola de río. Nos últimos anos cría aquí (único lugar en Galicia na actualidade) a tartaraña das xunqueiras.

No inverno, un gran número de aves empregan a lagoa de Vixán para descansar e alimentarse. Na parte central sitúanse os patos mergulladores e o corvo mariño grande, que se alimenta dos peixes que captura mergullándose. Nas zonas próximas á beira veremos os patos nadadores, como o alavanco real, o pato cullerete, a cerceta común, o pato cincento e (aínda que menos frecuentes) o pato asubiador e o pato rabilongo.

As lagoas de Carregal e Vixán acollen a preto de 3.000 aves acúaticas

Noutra parte da lagoa poden verse garzas reais, que esperan moito tempo para atrapar peixes e ras. En épocas de frío intenso achéganse á lago especies como os cullereiros ou os cisnes reais. Esta gran variedade de aves complétase coa presenza na zona mariña de mobellas, pentumeiros e corvos mariños.

No que se refire á flora, o Parque é unha boa mostra de case todas as comunidades vexetais propias das marismas, lagoas e areais da costa galega. A orixinalidade da súa flora radica na súa gran variedade. Contra o que poida parecer a primeira vista, aquí habitan máis de 250 especies. Delas, varias están protexidas por lei por seren rarezas que só se atopan en contados enclaves do litoral galego.

Especialmente interesantes son as plantas que viven na marisma e na lagoa de Carregal, que tiveron que evolucionar para sobrevivir nun ambiente cunha elevada concentración de sales. A vexetación aquí está dominada polo xunco e outras especies propias de ecosistemas salinos, como a verdoaga marítima e a herba salgada. Na lagoa de Vixán é destacable a canaveira constituída polo carrizo, acompañado na parte posterior da lagoa por espadanas e por lirio amarelo.

O clima con certa tendencia mediterránea no verán, favorece o desenvolvemento das orquídeas. Algunhas son moi abundantes, como o satirión corpudo, propio de zonas húmidas, ou a lengüeira, mentres que outras (como a espiral de verán) están incluídas no catálogo de especies ameazadas.

O clima, de tendencia mediterránea no verán, favorece o crecemento de orquídeas

O parque conta cunha rede de camiños e pasarelas que permiten non invadir a zona dunar e, ao mesmo tempo, poder gozar dos moitos atractivos do lugar. O punto de partido das rutas e o Centro de Recepción de Visitantes, situado na zona do Vilar. Hai unha serie de itinerarios auto-guiados (Camiño da Auga, Camiño do Mar, e Camiño do Vento) que teñen baixa dificultade e permiten achegarse a boa parte dos atractivos do Parque.

Ademais, hai outro edificio denominado Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia (CIELGA), que é un museo divulgativo sobre as cuestión naturais, xeolóxicas e históricas polas que o parque merece ser coñecido.

As aves son un dos grandes atractivos do parque

As aves son un dos grandes atractivos

Para obter unha visión panorámica do conxunto do Parque é unha boa idea achegarse ata o miradoiro da Ra, situado xa máis preto de Ribeira no que se pode obter unha magnífica panorámica de todo o entorno de Corrubedo e mesmo poden verse varias das illas do Parque Natural das Illas Atlánticas.

Non hai que esquecer tampouco que o Parque e o seu entorno contan con importantes restos prehistóricos como o Castro do Porto de Abaixo, situado no sur e posiblemente habitado entre os séculos IV a II A.C e do que na actualidade pódense ver algún dos valados da súa muralla defensiva soterrados pola area. A proximidade ao Parque do dolmen de Axeitos, un das construcións megalíticas máis representativas de Galicia fai imprescindible a súa visita.

Dende logo resulta complicado atopar máis atractivos naturais e culturais no entorno dun Parque que, ademais, conta cunha privilexiada situación para gozar das praias da comarca e de paisaxes espectaculares, como o entorno do propio faro de Corrubedo. Sen dúbida que calquer tipo de visitante atopará actividades para desenvolver neste lugar.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.