Exemplos de accidentes xeográficos relacionados co permafrost xerados durante diferentes fases en diferentes macizos da Península Ibérica. Foto: Pérez Alberti para Earth-Science Reviews.

Exemplos de accidentes xeográficos relacionados co permafrost xerados durante diferentes fases en diferentes macizos da Península Ibérica. Foto: Pérez Alberti para Earth-Science Reviews.

Os vestixios dos glaciares galegos

Un estudo internacional no que participan dous investigadores da USC analiza a evolución do permafrost e os glaciares na rexión mediterránea

As actuais condicións climáticas relativamente quentes que dominan hoxe na rexión mediterránea reducen os procesos xeomorfolóxicos fríos só ás áreas  montañosas máis altas.  Non obstante, non sempre foi así. Durante o Pleistoceno Tardío e o Holoceno os procesos fríos, os chamados procesos glaciares (asociados á presenza de linguas de xeo) ou periglaciares (que favorecía a existencia de solos xeados, coñecido como permafrost), dominaron en moitas montañas, dende Anatolia ata o Noroeste da Península Ibérica.

En Manzaneda, Trevinca, Ancares, O Courel ou o Pedregal de Irimia consérvanse restos destes solos rochosos

A prestixiosa revista Earth-Science Reviews acaba de publicar o artigo Permafrost conditions in the Mediterranean region since the Last Glaciation , liderado polo profesor da Universidade de Barcelona Marc Oliva, no que se estuda a distribución e evolución do permafrost na rexión mediterránea diferenciando cinco períodos de tempo: última glaciación, desglaciación, Holoceno, Pequena Idade de Xeo e o presente actual.

Son en total máis de 50.000 anos de historia reconstruída a partires  de formas e depósitos fósiles. “Traballos como este permiten coñecer mellor a evolución do clima da Terra”, explica o catedrático de Xeografía Augusto Pérez-Alberti, un dos autores do estudo xunto co tamén investigador da USC Marcos Valcárcel Díaz. Na redacción do artigo participaron tamén especialistas de Eslovenia, Italia, Reino Unido, Turquía, Portugal, Francia, Romanía e España.

Solos xeados e glaciares en latitudes baixas

Grazas a este estudo, agora pode saberse que o límite de elevación do permafrost durante a última glaciación, que se iniciaría hai máis de 50.000 anos, se situou entre 1.000 metros e mesmo nalgúns lugares 2.000 por baixo das cotas actuais. Ademais, os solos xeados afectaron as abas que non estaban cubertas de xeo por riba da liña de neves permanentes. Nestes lugares xeráronse glaciares rochosos, a modo de linguas de pedra que descendían aba abaixo, ou campos de bloques que cubrían as cumes dalgunhas montañas.

Augusto Pérez Alberti. Foto: USC.

Augusto Pérez Alberti. Foto: USC.

Posteriormente, arredor de hai uns 20.000 anos, as condicións moi frías propiciaron a xénese de novos solos xeados, nalgúns lugares a baixa altitude. Moitos glaciares rochosos e ríos de pedra son desta época. É o caso dos que se poden ollar nas cumes de Ancares ou dos campos de bloques de Manzaneda, Trevinca, O Courel ou o Pedregal de Irimia, onde se sitúa una das fontes do Miño. “O feito de que se puideran xerar tales acumulacións de bloques indica que habería polo menos unha temperatura media anual  de -2º, que no caso das montañas galegas foi moito máis baixa, chegando a acadar os -9º nas cumes máis altas das Serras Orientais”, matiza Pérez-Alberti. Despois dunha fase de requecemento, o clima volveu arrefriar hai uns 11.000 anos, na fase nomeada Younger Dryas, o que favoreceu o avance dos glaciares e dos solos xeados. “Tamén en Galicia aparecen vestixios diso”, aclara o profesor da USC.

O estudo demostra tamén que non é probable que as temperaturas do aire rexistradas nas montañas mediterráneas durante o Holoceno, que comezou hai uns 10.000 anos, favoreceran a existencia de réximes xeneralizados de permafrost, coa única excepción das cumes dos macizos superiores a 2.500-3.000 metros, agás durante a Pequena Idade de Xeo (de comezos de século XIV ata mediados do XIX), cando o clima máis frío promoveu o reavance glaciar nas montañas máis altas e a expansión espacial dos solos xeados.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.