Venres 19 Abril 2024

O 90% das aves mariñas teñen inxerido plásticos

Un estudo internacional, liderado por científicos australianos e británicos, avaliou o impacto global dos plásticos nas aves mariñas e estiman que, na actualidade, o 90% dos paxaros vivos inxeriu algún tipo deste material. Ademais, o novo estudo predí que en 2050 practicamente todas as aves mariñas terán plásticos nos seus estómagos.

Cada ano, de 5 a 13 millóns de toneladas de plástico rematan nos océanos.
Cada ano, de 5 a 13 millóns de toneladas de plástico rematan nos océanos.

En 1960, menos do 5% das aves mariñas, incluídos os albatros, as pardelas, as gaivotas e os pingüíns tiñan plásticos nos seus estómagos. A cifra aumentou ata o 80% en 2010. Os resultados do traballo, publicados na revista PNAS, predín un dato máis alarmante para 2050. Ese ano a inxestión destes materiais afectará ao 99% de todas as aves mariñas.
“Por primeira vez realizamos unha predición global da extensión do impacto dos plásticos en especies mariñas. Os resultados son rechamantes”, di Chris Wilcox, autor principal do estudo e investigador na Organización para a Investigación Industrial e Científica da Mancomunidade de Australia (CSIRO, polas súas siglas en inglés).
Os científicos analizaron o risco das aves mariñas usando a distribución dos refugallos en todo o planeta e a de 186 especies destes paxaros. Axustaron o modelo con estudos sobre a inxestión de plásticos realizados entre 1962 e 2012, que suxerían como na actualidade se acharía un 59% de plásticos inxeridos nos animais. Co novo traballo, a cifra aumenta ao 90%.
Bolsas, botellas e fibras procedentes da roupa sintética son algúns dos materiais plásticos que se verten ao océano dende os ríos urbanos, a rede de sumidoiros e os vertedoiros. As aves confunden todos estes coloridos e brillantes refugallos por comida e inxírenos accidentalmente, o que lles provoca obstrución intestinal, perda de peso e, ás veces, mesmo a morte.

As aves confunden o plástico con comida e rematan con obstrución intestinal

“A estimación do impacto global dos plásticos nas aves mariñas confírmase nalgunhas zonas analizadas onde achamos preto de 200 anacos de plástico nun único paxaro“, lamenta Denise Hardesty, coautora e científica na CSIRO. O Atlántico Norte é das áreas con menor perigo. Segundo a investigación, a inxesta de plásticos é maior nos mares do hemisferio sur, entre Sudamérica, Sudáfrica e Australia.
“Os plásticos provocan impactos máis desvastadores nas zonas onde hai maior diversidade de especies”, certifica Erik Van Sebille, do Grantham Institute no Imperial College de Londres (Reino Unido), especialmente preocupado polos albatros xigantes e os pingüíns.
O equipo propón reducir a chegada de plásticos ao océano a través de xestións efectivas de residuos para mitigar o risco ao que se enfrontan as aves mariñas. “Medidas sinxelas poden marcar a diferenza”, aseguran os científicos. “Reducir a presenza destes refugallos no medio de Europa pode diminuír a súa inxestión en menos dunha década”, conclúen.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As gaivotas trasladan centos de quilos de plástico dos vertedoiros ás reservas naturais

Un equipo internacional liderado pola Estación Biolóxica de Doñana do CSIC desenvolveu un modelo de deposición de residuos baseado na dieta e o movemento destas aves

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos

A temperatura do mar en Vigo alcanza os 20 graos, o valor máximo rexistrado

Os datos proceden do observatorio de Torallamar, que apunta como unha das principais causas o predominio de ventos do sur

Antibióticos e cremas solares acumúlanse no mar: “Descoñecemos o seu impacto”

Científicos recompilan nun libro as substancias emerxentes no medio mariño, unha materia da que existe pouca información