Xoves 28 Marzo 2024

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023

A Sociedad Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife), a través dunha votación pública, ven de designar a tartaraña cincenta (Circus pygargus) como Ave do Ano 2023 en España. Con esta acción, SEO/BirdLife “pon o foco sobre unha especie que precisa dunha atención especial polo seu mal estado de conservación ou porque simboliza a urxencia de protexer os hábitats que a acollen para reclamar a administracións e institucións medidas para a conservación do patrimonio natural de todos/as” .

Cada vez menos tartarañas

Dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza denuncian que a nivel estatal, o censo desta rapina en 2017 contabilizou entre 4269 e 5360 parellas, o que supón un declive de entre o 23% e o 27% en só dez anos. “A situación en Galicia é aínda máis precaria, pasando dun rango de 800 a 1.548 parellas en 2002 a apenas 172-287 en 2019, o que supón un declive de entre o 59 e o 81% en só 17 anos”, reclaman. SEO/BirdLife e o Grupo Ibérico de Aguiluchos son as promotoras da realización destes censos.

Publicidade

Oportunidades perdidas e ameazas crecentes

“Isto torna máis lamentable se consideramos que desde 2007 a tartaraña cincenta está incluída como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas, e que, por lei, debería aprobarse un Plan de Conservación da especie”, lembran os ecoloxistas. A designación da especie como Ave do ano 2008 en Galicia pola Sociedade Galega de Ornitoloxía serviu para avanzar no coñecemento da tartaraña e alertar á opinión pública do estado xa desfavorable de conservación da especie.

“A redacción do Plan de Conservación desta rapina licitouse e realizouse pero, lamentablemente, ficou paralizado desde 2009, sen se aprobar nin publicar”, destacan dende Adega. Desde entón, a caída en picado das poboacións da tartaraña cincenta “foi da man co aumento descontrolado das plantacións de eucalipto (Eucalyptus nitens E. globulusnos mellores hábitats de busca de alimento e reprodución da especie (matogueiras abertas, pasteiros en extensivo, mosaicos rurais abertos, páramos), así como das plantacións de piñeiros (Pinus radiata P. pinaster) no interior e a intensificación agraria e gandeira, con perda de usos extensivos”. E rematan: “A instalación de ducias de parques eólicos tivo, ten e terá impacto tamén nas poboacións desta especie, ben por colisión directa coas aspas dos aeroxeradores como por perda da calidade de hábitat por fragmentación”.

A opinión das persoas expertas

Ademais da opinión de SEO/BirdLife, Adega considera importante pulsar a opinión do Grupo Ibérico de Aguiluchos, como grupo de traballo que, desde 1991, reúne asociacións e particulares preocupados pola conservación da tartaraña cincenta e das outras dúas especies o xénero Circus nidificantes na Península: a gatafornela (Circus cyaneus) e a tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus).

O seu presidente, o biólogo Xabier Vázquez Pumariño, comenta nun comunicado emitido por Adega que a tartaraña cincenta “debería estar en Perigo de Extinción” en Galicia e en España en vista da magnitude do declive poboacional nas últimas décadas. Comenta tamén “a necesidade de facer real ese Plan de Conservación”, que “salvagarde tamén a singularidade das poboacións galegas da especie, cunha alta porcentaxe de individuos de morfo escuro, algo único a nivel mundial”. Vázquez Pumariño manifesta a súa preocupación pola instalación masiva de parques eólicos: “Algúns aeroxeradores están proxectados non só no territorio das tartarañas cincentas, senón mesmo enriba da situación exacta dos niños da especie”.

Escollida como Ave do ano por SEO Birdlife

A tartaraña cincenta, catalogada como especie Vulnerable en España, é un bo representante da singularidade e o valor ecolóxico dos ambientes agrarios cerealistas onde habita. Poucas rapaces hai tan ligadas ás actividades humanas como a tartaraña, unha especie que, en España, depende estreitamente das grandes extensións cultivadas de cereal.

A través desta especie imos concienciar á aos políticos, aos agricultores e á cidadanía en xeral da importancia de conservar os nosos campos con vida. Para a tartaraña cincenta é necesario atopar solucións conxuntas que eviten a destrución de niños durante a época de sega e aseguren o mantemento e apoio aos sistemas de explotación agrícolas máis respectuosos coa biodiversidade. Debemos garantir políticas e axudas que conserven aos aguiluchos e aos agricultores que os teñen nas súas terras”, asegura Asunción Ruiz, directora executiva de SEO BirdLife.

E engade: “Esta especie representa algo extremadamente importante: a protección legal dunha especie non é suficiente. A mensaxe que nos lanza a tartaraña cincenta é que non abonda con protexer, fai falta actuar para conservar. E que conservar é unha oportunidade para asegurar o futuro das comunidades locais que viven en, de e polo campo”. Esta rapaz migratoria, que pasa os invernos en África, pódese ver pola península Ibérica sobrevoando os amplos campos abertos desde primavera até finais do verán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mapa que revela o territorio galego incompatible coa implantación eólica

Para a elaboración do informe a ONG SEO/BirdLife tivo en conta as figuras de protección e as zonas de alto valor ecolóxico

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos

Dez preguntas sobre a ameaza da gripe aviaria en humanos

Ata a data non foi detectada ningunha transmisión de persoa a persoa e os expertos consideran que o contaxio é "difícil"