Mércores 24 Abril 2024

Un visor xeográfico dos espazos naturais e a biodiversidade de Galicia

O 3 de marzo celébrase o Día Mundial da Natureza. Unha conmemoración que foi proclamada o 20 de decembro de 2013, na Asamblea Xeral da ONU, no seu 68º período de sesións, co obxectivo de concienciar sobre o valor da fauna e a flora salvaxes. A data elixida marca o aniversario da aprobación en 1973 da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES, nas súas siglas en inglés), a cal xoga un destacado papel na protección das especies fronte o comercio internacional. No caso de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente vén de poñer en marcha un novo visor xeográfico en liña con información completa e detallada sobre a Rede de espazos naturais e da biodiversidade de Galicia, que permite achegar uns completos contidos sobre estes enclaves de xeito sinxelo.
A información que proporciona este visor xeográfico, recén estreado, é descargable en calquera formato e pon a disposición dos cidadáns, de maneira gratuíta, información completa sobre os principais espazos naturais de Galicia, con datos relativos á superficie dos espazos naturais, ás súas zonificacións concretas, toponimia, coordenadas, referencia catastral, así como aos elementos de flora e fauna que caracterizan eses lugares.

A ferramenta é gratuíta e ofrece información descargable en calquera formato

Este visor xeográfico organiza a información por capas combinables entre si, de tal maneira que o usuario pode adaptar a consulta ás súas necesidades e obter, por exemplo, os límites dun parque natural coa información topográfica e sobre a rede viaria que lle dá servizo.
Dentro da información relativa aos Espazos Naturais, pódese obter información sobre a Rede Natura 2000 que contén as Zonas Especiais de Protección para as Aves (ZEPA), Zonas Especiais de Conservación (ZEC), e a zonificación do Plan Director da Rede Natura 2000.
No apartado da Rede Galega de Espazos Protexidos inclúense os Parques Nacionais e Naturais, os Humidais Protexidos, as Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais, os Monumentos Naturais e as Paisaxes Protexidas.

Publicidade

Fragas do Eume

fragas eume
Imaxe dun regato nas fragas do Eume. / J. Branas

Este grupo tamén contén a zonificación do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural das Fragas do Eume. No marco do traballo que se está a desenvolver na planificación proposta para esta zona, elaborouse unha cartografía do parque coa zonificación que o afecta e as fincas do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac). Dita cartografía realizouse a escala 1:2.500, co suficiente detalle para a correcta visualización das distintas propiedades. Con estas medidas trátase de dar resposta a unha antiga demanda da poboación que ten propiedades dentro do parque natural das Fragas do Eume, relativa á necesidade de coñecer as actividades e usos que poden realizar nas súas parcelas segundo a súa localización nas distintas categorías da zonificación do parque natural.
Noutro grupo denominado Outros Espazos Protexidos amósanse os Espazos Privados de Interese Natural (EPIN) e os Espazos Naturais de Interese Local (ENIL). As Reservas da Biosfera (Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Terras do Miño; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Área de Allariz e a Reserva Transfronteiriza Gêres-Xurés) teñen o seu propio apartado, onde se poden obter, por exemplo, os datos de superficie.
Así mesmo, creouse unha agrupación máis coa información relativa á Biodiversidade, na que atopamos capas de información coa localización das Árbores e Formacións Senlleiras e as Áreas Prioritarias e de Protección da avifauna. Neste grupo tamén se inclúe a delimitación das áreas de presenza, a distribucións potenciais e prioritarias contempladas en varios plans de conservación, recuperación e xestión de especies ameazadas como é o caso do plan de conservación da píllara das dunas, o plan de recuperación escribenta das canaveiras, do oso pardo, do sapoconcho común ou as diferentes zonas de xestión do plan do lobo.
O visor mantén a tecnoloxía desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio e a Amtega para as diferentes aplicacións de visualización de información xeográfica, dentro do proxecto do Sistema de Información Xeográfica Corporativa de Galicia como é o caso do visor de urbanismo da Xunta, e incorpora novas funcionalidades como a descarga de ficheiros, buscas a partir de diferentes referencias xeográficas (toponimia, coordenadas, referencia catastral) e a posibilidade de cargar o servizo WMS do Catastro.
A través das ferramentas de visualización e navegación do visor os cidadáns podén tamén acceder á cartografía dos espazos naturais de Galicia e buscar elementos de acordo con determinados criterios xeográficos ou temáticos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

Un equipo da UVigo constata que o granulado ten aditivos con "toxicidade crónica" e irritantes para os ollos

O grupo liderado por Ricardo Beiras analiza un dos informes encargados pola Xunta para coñecer a composición das bólas plásticas

As autoridades descoñecen os aditivos químicos dos plásticos un mes despois da vertedura

O único dato oficial sobre as bólas é que están feitas de polietileno, o plástico máis común, pero aínda non se sabe que outras substancias conteñen

A Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia empregará intelixencia artificial ao servizo do campo

Agricultores, gandeiros e silvicultores poderán cumprir obrigas coa administración e vixiar as súas explotacións, entre outras funcións