Venres 19 Abril 2024

O drama da ‘vaquiña de mar’: só quedan 10 exemplares vivos

A extinción desta toniña (Focoena sinus) da que quedaban 600 individuos en 1997, é un traxedia ecolóxica

Un drama ecolóxico que vivimos en tempo real. No Golfo de California, un animal inocente, antes florecente, está a piques de desaparecer do mundo para sempre: unha vítima das redes e dos humanos que as poñen. A toniña do golfo de California (Phocoena sinus), coñecida como a “vaquiña de mar“, é o cetáceo máis pequeno e acelerou a súa extinción ata o punto de que prácticamente xa desapareceu.

A semana pasada, os científicos anunciaron que só 10 destas marsopas quedan no océano, aínda que as súas estimacións oscilan entre 6 e 22 individuos. E anunciaron outra baixa o mesmo día en que os investigadores do Comité Internacional para a Recuperación da Vaquita (CIRVA) compartiron os seus números, baseados ​​nun programa de vixilancia acústica.

Publicidade

O martes pasado, os conservacionistas da organización de vida mariña Sea Shepherd atoparon un exemplar morto nunha patrulla de rutina nunha pequena área de refuxio para vaquiñas no extremo norte do golfo de California. Este pequeno anaco de auga é o único lugar que queda na Terra onde nadan estas toniñas, no medio dunha zona un pouco máis grande onde as redes de enmalle utilizadas para a pesca están prohibidas por lei.

A pesar desa lei, os equipos de Sea Shepherd atoparon unha rede de enmalle oculta, xunto cos restos dun animal que morrera mentres estaba atrapado na malla ilegal. Debido á descomposición, o cadáver non puido identificarse de inmediato, pero unha análise experta confirmou máis tarde que o corpo coincidía coa vaquiña de mar.

Vaquiña de mar.

Estamos polo tanto ante unha emerxencia de extinción. “Unha das criaturas máis incribles da Terra está a piques de ser eliminada do planeta para sempre”, dixo a avogada Sarah Uhlemann, directora de programas internacionais do Centro para a Diversidade Biolóxica, con sede nos Estados Unidos.

O problema é que, malia a prohibición do emprego de redes de enmalle no santuario das toniñas, case 400 destes aparellos foron descubertos o ano pasado.

A situación é máis grave porque o peixe que en realidade queren capturar os pescadores ilegais é a totoaba , unha especie endémica en perigo de extinción na rexión. Os peixes totoaba son moi prezados en países como China polas súas supostas propiedades medicinais.

“Só queda un mínimo de esperanza para a vaquiña”, di a consultora de vida mariña Kate O’Connell do Instituto de Benestar Animal. A evolución da súa poboación amosa cifras de escándalo. En 1997, estimouse en 600 individuos, pero caeu a só 100 no 2014. Esta cifra foi actualizada a aproximadamente 60 no 2015 e por baixo dos 30 en novembro de 2016. Agora quedan 10… ou menos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Retiran do porto de Vigo unha cría de balea morta que chocara cunha embarcación

De tres ou catro meses, o animal migraba coa súa nai cando un impacto lle produciu unha grave ferida na columna

Aparece unha balea morta na Estación Naval da Graña, en Ferrol

Foi descuberta polo persoal de garda nunha das roldas de vixilancia, sendo retirada da auga ao redor das 10:00 horas

Novos restos fósiles suxiren que a Terra viviu unha sexta extinción masiva

Unha caída global nos niveis de osíxeno fai uns 550 millóns de anos conduciu á primeira extinción masiva coñecida

Un modelo 3D revela que o megalodón podía devorar presas do tamaño dunha orca

Un equipo científico internacional realizou a primeira reconstrución tridimensional da quenlla xigante extinta