O corvo mariño, así chamado polas plumas que lle brotan da cabeza na época de reproducción, ten o 80% das súas colonias do Atlántico ibérico nos arquipélagos de Cíes e Ons. Máis a evolución das poboacións nos dous arquipélagos do Parque Nacional das Illas Atlánticas, especialmente nas viguesas, pinta un panorama negro, ilustrado en porcentaxes alarmantes: ademais do descenso do 60% da poboación en 15 anos, en 2015 o número de parellas nas Cíes baixou ás 150 cando era de 300 soamente o ano anterior. Nos santuarios atlánticos onde cría a Phalacrocorax aristotelis parecen conxugarse dende hai xa máis dunha década os ingredientes dun cóctel perfecto: desequilibrios na cantidade de individuos dos dous sexos, irrupción de especies exóticas como o visón americano, un menor éxito reprodutor mantido anos despois dos vertidos do Prestige e mesmo unha perda de diversidade xenética.
Estas son algunhas das constatacións que o investigador Álvaro Barros, especialista en aves mariñas, expuxo na súa tese doutoral en febreiro de 2015 logo de analizar factores climáticos, contaminación por hidrocarburos e o impacto de especies invasoras nas colonias galegas e do occidente asturiano. Fóra do estudo, aínda que nunha lista de tarefas pendentes para acabar de entender un descenso tan rápido e brusco no número destas aves, queda o impacto de artes de pesca como o trasmallo. Barros chama a facelo para revertir o proceso. “A situación nas Cíes é excepcionalmente preocupante. Non hai nada que poda explicar un descenso do 50% nun ano se non hai un factor humano polo medio e o único que hai agora mesmo é a pesca”, advirte e o investigador.
Barros estudou durante anos 18 puntos do litoral galego e da costa occidental de Asturias onde cría o corvo mariño. O descenso é xeralizado, pero en ningunha outra parte tan notorio como no Parque Nacional das Illas Atlánticas e, sobre todo, no arquipélago das Cíes. En Ons, nos últimos anos, mesmo houbo unha melloría na poboación e nas illas de Sagres, pertencentes as Ribeira, hai una colonia pequena pero boiante. Na Costa da Morte, Cabo Vilán e as Illas Sisargas, e nas Rías Altas, o litoral de Oleiros, completan o mapa galego das zonas de cría máis importantes de Galicia. Na costa de Lugo as colonias están máis diseminadas e no occidente asturiano aparecen tres colonias xa preto do límite con Galicia. “O último censo oficial que se fixo en Galicia é do 2007 e entón falabamos de 1200 parellas. O estado é de claro descenso. A finais dos 90 a poboación entre Cíes e Ons superaba as 2000 parellas e na actualidade estamos a falar de pouco máis de 1000”, sinala Barros.
O Prestige segue deixando a súa pegada anos despois das inesquecibles imaxes das aves tinguidas pola masa pegañenta vertida ao océano. O éxito reprodutor do corvo mariño descendeu claramente nas zonas máis afectadas,un 45%, fronte á ausencia de cambios importantes no litoral ao que o chapapote apenas chegou, como o norte de Galicia e a costa asturiana. “Cando hai unha marea negra todos estamos acostumados a ver animais mortos e sabemos que o impacto inicial é bestial. Pero a presenza de contaminantes no medio mariño pode ter un efecto sobre as especies no longo prazo. O que vimos é que o derrame do Prestige afectou á reprodución, os corvos criaron peor ao ano seguinte do vertido e dez anos despois, cando xa moita xente e mesmo científicos daban por feito que eses efectos se diluíran, vimos que os corvos mariños das zonas afectadas tiñan unha redución no número de polos que lograban sacar adiante da metade con respecto a zonas que non se viran afectadas”, explica Barros, que conseguiu definir o problema estudando a supervivencia das crías antes e despois de novembro de 2004. O ritmo anterior ao desastre aínda non se recuperou.
O clima tamén lle cambiou a vida ao corvo mariño nos últimos anos. De xeito silencioso as variacións climáticas sostidas no tempo inciden no futuro do corvo mariño trastocando o equilibro entre o sexo dos polos nacidos e facendo do emparellamento unha competición máis dura. Nos invernos secos e fríos críanse máis femias; os machos son máis abondosos en temporadas húmidas e cálidos. O cambio tería que ver cunha morte diferencial por sexos en estado embrionario ou co descarte do sexo máis difícil de sacar adiante con poucos alimentos, neste caso os machos, un 20% máis grandes que as femias. Eles sofren máis as épocas de seca.
Por se fora pouco, a solta de visóns, especie exótica e depredadora, tamén entrou en xogo. Mesmo se o plan para erradicar esta especie das Cíes –a Ons non chegou- foi exitoso e na actualidade está practicamente expulsado, cando a mediados dos 2000 os primeiros visóns americanos chegaron ao arquipélago a nado conseguiron acabar co 4% dos corvos mariños adultos con capacidade para reproducirse. Ao ano seguinte, a perda de poboación nas Illas Cíes foi dun 29%. Mais Barros explica tamén que o corvo mariño soubo adaptarse ao seu novo inimigo con rapidez. “A depredación de corvos baixou moito ao ano seguinte, o que suxire que os corvos foron capaces de responder dalgún modo á presenza do visón. Puido ser un cambio no uso do hábitat, que optaran por facer os niños en sitios inaccesibles para o depredador, como paredes verticais”, conta Barros. Con todo, un niño máis seguro fronte aos depredadores non ten por que ser un niño mellor, porque as aves crían peor se o refuxio non os protexe o suficiente das inclemencias meteorolóxicas.
O visón chegou ás Cíes –tamén a Sálvora- a nado, probablemente dende as costas de Baiona, onde a mediados dos 2000 se produciron varias soltas intencionadas desta especie exótica tan apreciada pola industria peleteira. En augas libres, sobre todo con illotes polo medio, o visón americano pode nadar até cinco quilómetros, o necesario para arribar ás Cíes e meter en problemas ao corvo mariño, veciño vello.
O Phalacrocorax aristotelis é hoxe unha especie xeneticamente menos diversa. Barros estudou o xenotipo de case un cento de corvos mariños do Parque Nacional e comprobou que, dez anos despois do vertido, perderan diversidade xenética, algo que á súa vez afecta á mortaldade dos adultos.
A especie é hoxe xenéticamente menos diversa, algo que afecta á supervivencia dos adultos
Malia as evidencias científicas que Barros puido levar á súa tese, o investigador tamén avisa de que para comprender a redución do corvo mariño e poñerlle remedio cómpre aínda analizar o efecto de pescarías como o trasmallo, unha demanda que non é en absoluto nova pero que tropeza sempre co paradoxo de que o Parque Nacional, concibido baixo o espírito da preservación dos valores naturais das Illas Atlánticas, non ten competencia ningunha en materia de pesca. É a tarefa máis urxente que facer “e hai que facela xa”, demanda. “Sabemos que as zonas onde mais pescan os corvos mariños nas Cíes teñen moitos trasmallos. No Parque Nacional vense sen disimulo, hainos por todas partes”. Unhas das zonas preferidas polas aves para alimentarse é a canle que separa a Illa de San Martiño da Illa do Faro. Os animais xúntanse en grupo nestas zonas e somérxense para pescar. “Cando os ves sabes que algúns deses corvos non van volver subir”, lamenta o investigador.
“O feito de que o corvo mariño se recupere ou se manteña en Ons pero baixe en picado en Cíes dinos que é probable que se pesque de xeito diferente nos dous lugares, que en Ons se usen menos trasmallos ou en zonas menos sensibles para os corvos. Pero eu non quero falar de visións, quero estudos concretos, que as administracións financien e apoien un estudo concreto de onde e por que están morrendo os corvos e propoñan medidas correctoras. Non hai que botarse as mans á cabeza e comezar a tremer porque é probable que unha parte importante do problema se solucione con medidas moi suaves”, tranquila tamén, xa que a especie cría só en zonas moi concretas. “Pero por agora non, non se están dando pasos. É a crítica máis forte que temos. O corvo mariño quere vivir, é unha especie que estaba no Parque moito antes de que este se crease. Non necesita nada para vivir, só que o deixen en paz”.
“É probable que unha parte importante do problema se solucione con medidas moi suaves”
Xa a Sociedade Galega de Historia Natural e a Sociedade Galega de Ornitoloxía presentaran alegacións ao Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional queixándose do dano causado polas artes de pesca. Na interacción de home e corvo mariño, en realidade moi recente, tamén pesan as condutas irresponsables, e prohibidas, dos condutores de lanchas a motor, que espantan as aves como divertimento. “Pero as aves mariñas que crían en Cíes fano na zona dos cantís, na cara oeste das illas, que son zonas ás que os turistas non poden acceder”, lembra o investigador.
O que si pode extraerse dos estudos de Barros son consecuencias parellas para outras aves mariñas que habitan as Illas Atlánticas e que crían nos mesmos cantís que o corvo mariño, que non é, con todo, a única especie que sufriu unha considerable regresión dos seus efectivos no Parque. As gaivotas tamén foron a menos, aínda que o investigador ve máis factible queunhas das explicacións pode ser a desaparición dos vertedoiros ilegais no continente, onde se alimentan e onde pasan os meses de inverno. “Baixa a cantidade de comida e esas aves que se alimentan mal están en malas condicións de criar e mesmo poden morrer de fame”, apunta.
A situación é grave, pero non ten por que ser irreversible. Depende de equilibrios que cómpre non rachar e da vontade de solucionar os conflitos que aínda non se abordaron, defende Barros. A reducción á metade dos corvos mariños nun só ano nas Cíes dá conta da voracidade da doenza. “Estamos dous anos máis así e acabouse. Adeus corvo mariño das illas Atlánticas!”.