Xoves 28 Marzo 2024

O Goberno rexeita declarar o eucalipto como invasor en contra do seu comité científico

“Os argumentos científicos son claros”, di Adolfo Cordero, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. Cordero foi un dos expertos consultados polo Comité Científico de Flora y Fauna Silvestres, que asesora ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e Medio Ambiente, para elaborar un ditame no que se resolveu que as especies do xénero Eucalyptus debían ser incluídas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. A especie globulus, a máis abundante en Galicia, xa figura como invasor, de feito, na comunidade, segundo o Plan Estratéxico Galego de Xestión das Especies Exóticas Invasoras.

Pero non vai ser así. O Ministerio rexeitou o ditame do seu Comité Científico e o eucalipto seguirá fóra da lista española de especies invasoras. Confirmárono onte fontes consultadas por GCiencia, e cóntao este xoves Materia, que tivo acceso a documentos da Subdirección General de Política Forestal. Este organismo do Goberno criticou duramente o informe dos seus propios asesores científicos, acusándoos dunha “actitude tendenciosa” por emitir “un xuízo de valor premeditado en canto ao carácter invasor destas especies, presuntamente baseado en criterios non científicos e en opinións persoais e políticas”.

Publicidade

Bases científicas

A pesar das críticas do Ministerio, o ditame do Comité Científico enumera decenas de investigacións que sustentan a declaración do eucalipto como invasor. O equipo, coordinado por Inés Álvarez, do Real Jardín Botanico de Madrid, e formado tamén por Ángel Bañanes, Mario Díaz e Montse Vilà, recoñecidos expertos neste eido, consultou tamén a investigadores galegos, como Adolfo Cordero e María Calviño, da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra.

Así tumbou o Goberno a declaración do eucalipto como especie invasora

Na súa argumentación, que fixo pública esta semana a Asociación Ecoloxista Adega, o Comité di que os estudos demostran que o eucalipto emprobrece as cadeas tróficas, altera as propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo, provoca perda de biodiversidade, fragmenta os espazos naturais, coloniza espazos abertos e aumenta o risco de incendio, entre outras razóns.

Neste senso, Galicia, onde o eucalipto ocupa máis dun 26% da superficie forestal, estes danos vense incrementados, tal e como sinala o propio Comité. Fala tamén de problemas concretos en espazos protexidos, como as Fragas do Eume, onde se demostrou que o eucalipto “altera significativamente estas propiedades en maior medida que os incendios forestais en bosques autóctonos de carballos”. Outras investigacións demostran tamén que a biodiversidade de aves é menor nos eucaliptais que nos piñeirais e nos bosques autóctonos, así como as súas capacidades pirófitas, é dicir, que medra moito mellor que outras especies en zonas que foron afectadas por incendios forestais.

A petición do Concello de Teo

Este procedemento comeza o 18 de setembro de 2017, cando o alcalde de Teo, Rafael Sisto, presenta un escrito dirixido á Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental y Medio Natural, no que solicita a inclusión das especies – son centos – do xénero Eucalyptus no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.

Había precedentes que xogaban a favor da petición do Concello de Teo. As especies camaldulensis e globulus xa estaban incluídas no Anexo II do catálogo, consideradas como “con potencial invasor”. Ademais, en 2012, outro ditame do mesmo Comité Científico xa recomendou a inclusión nese catálogo do nitens (tamén presente en Galicia, e que soporta mellor a altitude e o frío que o globulus). Pero un novo Real Decreto anulou o Anexo II, e a inclusión do nitens non se chegou a aceptar, polo que as tres especies mencionadas seguiron sen ser consideradas especies invasoras.

Erradicación do eucalipto

De saír adiante, a inclusión do eucalipto no Catálogo Español de Especies Invasoras levaría consigo, segundo a normativa, un plan de erradicación. Unha medida que deixaría moi ferido ao sector forestal, que dá emprego a milleiros de persoas en Galicia. Algo que, sen dúbida, pesou na decisión do Goberno. Segundo informa Materia, o Concello de Teo xa presentou un recurso contra a decisión.

Aquí podes consultar o ditame do Comité Científico de Flora e Fauna Silvestre sobre o eucalipto

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que é tan urxente que o Goberno español regule o acceso dos menores á pornografía?

Existen diferentes alternativas como métodos de intelixencia artificial de recoñecemento facial ou aplicacións de verificación da idade

Un mapa forestal de Galicia para loitar contra os incendios

A investigadora Laura Alonso propón a creación dun inventario específico para non depender do español, que está desactualizado e non ten en conta o minifundio galego

Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento

Un proxecto da UVigo estuda como obter bioetanol a partir de eucalipto e mimosa

O obxectivo é investigar novas rutas de aproveitamento de biomasa forestal, concretamente de especies moi abundantes e invasoras en Galicia