Xoves 18 Abril 2024

Os expertos alertan dunha “dramática perda” de zonas húmidas en toda Galicia

O último inventario data de 2003 e incluíanse máis de 1.100 destes espazos naturais, dos que tan só cinco están protexidos internacionalmente

É difícil describir o ulido da natureza. Pode que o termo máis apropiado, polo menos en Galicia, sexa humidade. De feito, calquera sería capaz de recrear a intensidade que desprende a herba mollada despois da choiva. Pero non todos os lugares ulen da mesma maneira. Hai un en particular onde o olfacto se agudiza: as Brañas de Xestoso; unha zona húmida protexida pola Rede Natura 2000 que leva anos agonizando. Este enclave, situado entre os concellos da Estrada, Silleda e Forcarei, non é un caso illado. É máis, a súa preocupante situación é extensible a outros hábitats semellantes repartidos por toda a nosa xeografía. Unha inquedanza xustificada e que tamén transmiten as voces expertas no Día Mundial das Zonas Húmidas, que se celebra este xoves: “Hai unha dramática perda en toda Galicia”

Unha frase tan contundente só podería ser atribuída a Pablo Ramil, director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago (USC). É toda unha referencia en Galicia no estudo de zonas húmidas e foi un dos editores do libro Conservación e Xestión de Humidais en Galicia; a obra máis exhaustiva e recente —publicada en 2017— sobre estes particulares espazos naturais. Un estudo necesario, tendo en conta que Galicia é o territorio do Estado cun maior número de zonas húmidas. Concretamente: 1.131, aínda lonxe das 800 que ten Estremadura e as 726 de Cataluña. Porén, este dato non está actualizado e extráese do primeiro e último Inventario de Humidais de Galicia, publicado en 2003. “A situación é complexa. Hai algunhas zonas húmidas ben conservadas, pero tamén perda de superficies. Se ese número de 2003 se actualizase, só veriamos unha redución”, asegura Ramil.

Publicidade

Malia que Galicia ten o maior número de zonas húmidas, esta afirmación non é extrapolable no que respecta á súa protección. No ámbito internacional, na lista Ramsar —creada a partir dun convenio asinado en 1971 para a conservación destes hábitats— Galicia só conta con cinco espazos protexidos dos 1.131 que figuran no seu último inventario. Unha cifra que, segundo subliña Ramil, contrasta considerablemente con outros territorios, como Andalucía, que posúe 25 zonas húmidas de relevancia internacional. “As diferenzas son importantes. Hai moitos terreos galegos que cumprirían cos valores establecidos por Ramsar”, incide Ramil. Ante o interrogante de por que non están incluídos, o director do Ibader é aínda máis contundente: “Iso habería que preguntarllo aos responsables políticos”.

Novas medidas da Xunta

O último movemento da administración autonómica semella ir encamiñado a valorar e protexer con máis esforzo as zonas húmidas, uns espazos moi sensibles e de altísimo valor ecolóxico. A pasada fin de semana, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou a inclusión de 400 espazos naturais nun inventario de zonas húmidas de Galicia. O rexistro, de carácter público, conterá toda a información existente sobre estes espazos e, polo tanto, é clave para impulsar a súa xestión. O anuncio fíxose con motivo da celebración do Día Mundial das Zonas Húmidas e durante unha visita á lagoa de San Pedro de Muro, en Porto do Son, que será un dos espazos naturais incluídos no inventario. Na nota de prensa difundida pola propia Xunta, recoñecíase que as zonas húmidas son “escasas e delicadas” e que precisan dunha especial protección.

“Se actualizaramos o número de zonas húmidas de Galicia, veriamos unha redución”

PABLO RAMIL, director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader)

As críticas non tardaron en chegar. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) valorou o anuncio como unha “triste noticia”. Segundo traslada o colectivo, tan só se dará un recoñecemento legal a 400 zonas húmidas, mentres que Galicia contabiliza máis de 1.100. É dicir, quedarían fóra deste recoñecemento máis de 700 espazos naturais. Ademais, dende a SGHN tamén criticaron a denominación escollida pola Xunta para designar estes hábitats. Consideran que o termo máis axeitado dende o punto de vista científico é o de “humidal” e non o de “zona húmida” posto que unha das características destes sistemas é que son azonais. “Unha incorrección que nos retrae ao século pasado e deixa clara a reducida calidade técnica da mesma”, insisten dende o colectivo ecoloxista.

A lista Ramsar

O seu presidente, Serafín González, tamén investigador do CSIC, é especialmente crítico coa xestión da Xunta. “Lamentablemente, o proceso de seca e desaparición de zonas húmidas en Galicia estase acelerando”, asegura o experto. Igual que Ramil, pon o foco no reducido número de espazos naturais galegos que figuran na lista Ramsar. E non só iso, senón que algúns dos que están incluídos neste recoñecemento internacional xa non cumpren cos requisitos polos que foron declarados zonas húmidas de importancia mundial. González exemplifica as súas afirmacións mencionando a ría de Ribadeo. “Por mor das intervencións humanas como a introdución da ostra xaponesa estragouse boa parte das pradeiras de zoostera que había. Tamén son especialmente preocupantes as limpezas sucesivas do porto de Ribadeo”, expón o investigador. Todo isto derivou nun “declive sostido e, de momento, imparable” da poboación de aves acuáticas invernantes.

Outra das críticas que González dirixe ás zonas húmidas galegas incluídas na lista Ramsar é que todas son litorais. Nomeadamente, os espazos naturais que a integran son a ría do Eo, a lagoa e areal de Valdoviño, a ría de Ortigueira e Ladrido, o Complexo intermareal Umia-O Grove, e o Complexo das praias, dunas e lagoa de Corrubedo. Porén, hai moitas zonas húmidas continentais que merecen atención. Por exemplo, a lagoa Sacra de Olives, integrada nas Brañas de Xestoso. Pero tamén as gándaras de Gudiño, en Porriño, directamente ameazadas polas canteiras e recheos, así como polo próximo polígono industrial. Volvendo de novo ao litoral, está a lagoa de Traba, na Coruña, nunha situación delicada pola concentración parcelaria. Ou a de Baldaio, en Carballo, “completamente alterada”.

“Na ría de Ribadeo estase a producir un declive sostido e, de momento, imparable da poboación de aves acuáticas invernantes”

SERAFÍN GONZÁLEZ, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)

Curiosamente, moitos destes espazos naturais están protexidos pola Rede Natura 2000 pero González considera que non é suficiente. De feito, asegura con ironía que esta forma de conservación das zonas húmidas é “papel mollado”. “Estar ao furgón de cola da superficie protexida do Estado demostra a absoluta carencia de interese por parte da administración para conservar a biodiversidade”, insiste o presidente da SGHN. O investigador engade que o lema do Día das Zonas Húmidas deste ano focalízase na recuperación destes espazos. Polo tanto, el cre que as políticas medioambientais que se fagan ao respecto teñen que ir encamiñadas ao impulso destes enclaves. Ademais, o experto cre que o proceso de recuperación non é tan complicado. “Os humidais son un dos ecosistemas máis agradecidos que existen. A pouco que se interveña para recuperar a normalidade, a permanencia e a calidade da auga, a vida e a biodiversidade colonízana rapidamente”, asegura.

A gandería industrial, principal ameaza

Polo tanto, reverter a “dramática situación” non é doado, pero tampouco imposible. González fala de exemplos en Lleida e Valencia que demostran a recuperación de hábitats húmidos, algo que podería ser facilmente trasladado a Galicia. Porén, máis alá da súa recuperación, é preciso facer fronte constante ás amezas que poñen en serio perigo ás zonas húmidas. Unha das que máis afectan é a gandería intensiva. Como alternativa, dende a SGHN apelan a optar por un sistema extensivo que non só é “aceptable, senón necesario”. González exemplifícao falando dos procesos de recuperación que a SGHN lidera na lagoa de Antela, na Limia. Os traballos estanos levando en estreita colaboración cun gandeiro en extensivo que “axuda a menter o ecosistema”. “O inimigo é a gandería industrial”, engade.

Pero a gandería e a agricultura intensivas non son as únicas ameazas. Tal e como se recolle no libro Conservación e Xestión de Humidais en Galicia, e explica o propio González, os incendios e a instalación de parques eólicos tamén afectan gravemente estes singulares espazos naturais. “Son instalacións que adoitan estar en zonas elevadas e ventosas e xa supuxeron unha desfeita ben grande nas turbeiras do Xistral“, asegura o presidente da SGHN. Polo tanto, afectan especialmente a turbeiras e matogueira húmida, que son as que se adoitan atopar en zonas elevadas. Os vales, onde hai máis brañas, son espazos menos interesantes para as promotoras de eólicos. Ademais, o impacto non só vén pola instalación dos aeroxeradores, segundo González: “As turbeiras vense afectadas directamente cando as empresas abren pistas e alteran a hidrografía. Non fai falla que instalen os muíños enriba”.

“A apertura de pistas e as alteracións da hidrografía bastan para por en peligro as zonas húmidas”

SERAFÍN GONZÁLEZ, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)

Os expertos prognostican un futuro complicado. Ramil asegura que hai exemplos de boa xestión, pero que a situación xeral é “dramática”. González, porén, asegura que a medio e longo prazo a situación será aínda máis difícil se non cesan as presións que poñen en xaque estes espazos naturais. “Resulta paradigmático que os únicos humidais de importancia internacional estean no litoral, como se os de interior non cumprise con estes valores”, insiste o investigador do CSIC, salientando precisamente que os máis pequenos son tamén os máis sensibles ao cambio climático e á fragmentación. O que acontece, por exemplo, coas Brañas de Xestoso e a súa lagoa Sacra de Olives, situada a uns 650 metros de altitude. Un deses lugares que morre lentamente e vai secando —non de forma estacional, senón permanente—. A súa posible desaparición acabaría, sobre todo, coa súa altísima riqueza ornitolóxica. E tamén con aqueles elementos inmateriais, ás veces pouco valorados, que cada vez son máis difíciles de atopar. Por exemplo, ese ulido intenso e húmido que desprende a veces a natureza.

O caso da Lagoa de Antela

Fotografía aérea da Lagoa de Antela dende o sur-surleste, coa vila de Xinzo de Limia en primeiro plano. Reproducida do libro Martínez Carneiro, X.L. (1997) Antela, a memoria asolagada.

A “xoia da coroa”. Así define a SGHN a antiga lagoa de Antela, situada no amplo complexo húmido da Limia. En 1958 comezaron os traballos para secala ata que conseguiron facela desaparecer. O traballo incansable da SGHN está conseguindo devolvela á vida, non sen esforzo. Algunhas das iniciativas que levaron á cabo na última década consisten na compra de parcelas para restauralas e convertelas en humidais estacionais. Tamén lograron un acordo de custodia do territodio dun gandeiro en extensivo.

Os seus intentos xa están dando os seus froitos. “A antiga lagoa de Antela tiña entre 3.200 e 3.500 hectáreas, dependendo da época do ano. Desas, 20 están practicamente rematadas de restaurar tal e como eran”, confirma o presidente do colectivo, Serafín González. Continúa explicando que durante o inverno era unha lagora e en verán convertíase nun pasteiro húmido. Nos traballos de restauración, trátase de conservar o mesmo patrón que tiña a antiga lagoa de Antela. González asegura que son os colectivos ecoloxistas os que se están a mover e critica a “pasividade total” da administración na recuperación destes espazos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Para que divulgar ciencia e, ademais, en galego?

Nunha charla sobre a mina de ouro de Corcoesto decateime de que a mellor maneira de chegar ao público era a través do exemplo

“O lobo é patrimonio de todos como o é a catedral de Santiago”

O investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, cualifica de “mala noticia” a revisión do status de protección da UE

As luces e sombras dos eólicos mariños en Galicia: “É un escenario complexo e incerto”

Os expertos demandan máis estudos para analizar o impacto sobre as aves, os cetáceos, as correntes e a actividade pesqueira

A Xunta preme o botón das declaracións ambientais: 60 eólicos despachados nunha semana

A Consellería de Medio Ambiente publica 11 informes no último día de prazo e deixa fóra outros 20 por falta de tempo