O seu movemento paseniño fai cóxegas nas mans. Tres segundos son suficientes para notar como as pugas do ourizo de mar se cravan lixeiramente na pel. “Sen medo, non fan dano”, di Sira Pereira, do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (UVigo). Tanto para ela como para o resto do seu equipo xa é toda unha rutina. Nos últimos oito meses analizaron 4.700 exemplares das cinco especies que hai en Galicia. O obxectivo: fomentar a súa conservación. “Hai un gran interese económico pero sabemos moi pouco sobre os ourizos de mar. Coñecer o estado do recurso é fundamental para evitar a sobreexplotación”, explica José Manuel García Estévez, director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), onde se está a desenvolver a investigación.
“En Nadal chegaron aos 22 euros por quilo”, asegura Pereira, dando conta do prezo desorbitado que os ourizos de mar poden alcanzar no mercado. Un produto que non só está cada vez máis cotizado, senón que xa é considerado todo un manxar. En Galicia, por exemplo, tan só unha das cinco especies que hai nas rías se pode comercializar. É o Paracentrotus lividus, cunha talla mínima de explotación de 55 milímetros, e do que hai moi pouco coñecemento científico. Como exemplo, aínda non se comprende ben a súa xenética nin o tipo de patoloxías que padece. “Se non hai información non pode haber unha boa xestión do recurso. Se seguimos así e se sobreexplota, pódese producir un desequilibrio ecosistémico“, advirte García Estévez. De non reverterse a situación, o director da Ecimat teno claro: “Repetiremos os mesmos erros que coas ameixas, as ostras e os berberechos”.
Pode alcanzar un prezo desorbitado no mercado: “En Nadal chegou aos 22 euros por quilo”
SIRA PEREIRA, técnica de xestión de Ocimer+
Co obxectivo de evitar este escenario, un equipo da Ecimat impulsou en 2019 un proxecto para optimizar técnicas de cultivo dos ourizos de mar e repoboar as zonas sobreexplotadas. Dous anos despois puideron continuar coa súa investigación baixo o nome de Ocimer+, un proxecto financiado pola Fundación Biodiversidad. As liñas de investigación desta segunda fase van encamiñadas ao desenvolvemento do cultivo, pero tamén á xestión do recurso e, sobre todo, á súa conservación. Para iso, os investigadores da UVigo analizaron 2.700 exemplares adultos e 2.000 xuvenís, que recolleron en diferentes puntos da ría de Vigo, como son as praias de Rodas, Liméns e Nerga; pero tamén no Berbés e en Bouzas. No que respecta aos usos, os individuos adultos empregáronse para realizar estudos de patoloxías, xenética, cultivos e criopreservación. Os xuvenís, pola contra, foron sometidos a cambios bruscos de temperatura e salinidade ao abeiro dun experimento sobre cambio climático.
As posibilidades de cultivo
Os resultados aínda están na fase de análise e sairán nos próximos meses. Polo de pronto, García Estévez xa se aventura a dicir que “aínda queda moito por facer”. Isto débese, fundamentalmente, a que o Parque Natural das illas Atlánticas onde se recolleron os ourizos é un “ecosistema particular”. “Hai estudos feitos noutros países pero as súas conclusións non teñen que funcionar en Galicia”, asevera o director da Ecimat e líder de Ocimer+. “Canto máis se saiba sobre os ourizos galegos, mellor saberemos como se comportan. A partir de aí decidiremos se merece ou non a pena o seu cultivo”, engade García Estévez, sempre en atención ás características singulares das especies galegas, das que só o Paracentrotus lividus se comercializa. O motivo polo que se consome unha soa especie non está claro: “Non podemos sabelo porque non hai estudos. A hipótese é que o resto son de máis difícil extracción“, explica Pereira, técnica de xestión do proxecto.

Sobre as posibilidades do cultivo do ourizo de mar en Galicia aínda non hai conclusións definitivas, malia que xa se estea a producir noutras partes do mundo. “Ten un crecemento moi lento. O seu cultivo é arriscado”, matizan Pereira e García Estévez. De feito, os estudos actuais van encamiñados a saber se se pode criar máis rápido e ata que punto é un obxectivo plausible. É dicir, se a propia xenética do ourizo de mar permite un aceleramento do crecemento. Amais deste hándicap, o seu cultivo é “moi custoso” porque estes equinodermos son animais moi voraces. “As apariencias enganan. Non só comen moito; tamén se moven moito”, asegura a técnica de xestión de Ocimer+. Ao velos pousados na man de Sira é fácil corroborar a súa afirmación. Non só están a mover constantemente as súas pugas; tamén é habitual velos comendo algas.
O Echinocardium cordatum é a única especie de Galicia que non ten pugas
Nos tanques de auga dun dos laboratorios da Ecimat non só hai Paracentrotus lividus. O proxecto Ocimer+, ademais de estudar a única especie comercial, pretende afondar no coñecemento científico das outras catro especies que habitan as rías galegas. A de maior tamaño, dunha cor rosada, é o Echinus esculentus. “É a única de Galicia que está nunha situación de vulnerabilidade, aínda que non se extraia nin se consuma”, explica Pereira. Outra delas é o Sphaerechinus granularis, cunha cor máis escura e en tons morados. As outras dúas que faltan son a Psammechinus miliaris e Echinocardium cordatum. Esta última ten unha particularidade: a diferenza das catro anteriores, é a única que non ten pugas. Tocalo é unha experiencia semellante a acariciar a pelaxe dun animal. Ademais, é propio de substratos brandos e para atopalo hai que chegar aos seis ou sete metros de profundidade.

A acuicultura de conservación
Os tanques de auga do laboratorio da Ecimat están cheos de ourizos de mar á espera de volver á ría. No marco do primeiro proxecto Ocimer, desenvolvido en 2019, os científicos da UVigo xa fixeran unha solta de 50.000 xuvenís en colaboración coas confrarías. Un dos aspectos máis rechamantes é que a idade dos ourizos nada ten que ver co seu tamaño, segundo explica Pereira. Hai exemplares que naceron o mesmo día e experimentaron un crecemento moi dispar. “Depende moito da alimentación e doutros factores. É moi difícil saber cando tardan en medrar”, continúa dicindo a investigadora da Ecimat. Ao tempo, insiste que o tamaño dos ourizos de mar “non indica nada” porque o seu crecemento non é estandar, senón que varía enormemente entre os diferentes individuos. De media, Pereira atrévese a estimar un período de tres anos para o seu desenvolvemento completo, pero advirte que tan só é unha aproximación.

Independentemente do seu tamaño e das súas posibilidades de cultivo, aínda sen determinar, García Estévez aposta por unha “acuicultura de conservación” como se fai con outros animais. Como exemplo, ofrece os bogavantes, os linguados ou mesmo os cabaliños de mar. “O que se busca é manter as especies e suplementar a poboación natural coas crías en catividade. O único que queremos é buscar un equilibrio e evitar o colapso da especie“, continúa indicando García Estévez ante os asentimentos de Sira Pereira. “As capturas do ourizo de mar están controladas pola Xunta, obviamente. En que meses se captura, quen debe facelo ou os quilos que se poden extraer”, apunta a técnica de xestión de Ocimer +. Con todo, os dous investigadores coinciden en que hai “certa tendencia a pasar” o límite máximo permitido. Do Paracentrotus lividus extráense “moitas toneladas” ao ano. “Pódese atopar en zonas rochosas de toda Galicia”, indican, ao tempo que insisten no elevado prezo que acada no mercado. “Cada vez hai máis perigo porque cada vez se explota máis”, conclúe Sira Pereira. Ela e o seu equipo están a facer o que se fixo sempre: previr antes que curar. Anticiparse e botar man da ciencia como solución, case sempre, universal.