Venres 29 Marzo 2024

Couso, ou como transformar a xestión forestal: “Cambiamos os eucaliptos polos cogomelos”

Esta comunidade de montes de Gondomar converteuse en referente ao mudar as explotacións clásicas galegas por outras máis sostibles como o arando ou o shiitake

Na parroquia de Couso, na parte alta do concello pontevedrés de Gondomar, un grupo de comuneiros está a revolucionar a tradición da xestión forestal galega. Movidos por unha vontade ambientalista e de coidado da súa contorna natural, o equipo liderado por Xosé Antón Araúxo leva agora case quince anos á fronte dun proxecto de transformación do monte que xa foi recoñecido pola Organización das Nacións Unidas como referente internacional na xestión de espazos naturais. Dende 2019 forman parte das Áreas Conservadas por Comunidades Locais (ICCA) da ONU. Un recoñecemento que os “enorgullece e reafirma en que este é o mellor xeito de traballar”, explica Araúxo.

“Tamén se pode ser rendible sen plantar piñeiro e eucalipto”

XOSÉ ANTÓN ARAÚXO, presidente da Comunidade de Montes de Couso

E que é o que fan que non adoita ser habitual na xestión forestal galega? Pois precisamente fuxir da tradición das explotacións de coníferas (nomeadamente, piñeiros) e eucaliptos, ademais de traballar na expulsión de outras especies invasoras como as acacias “que devastan o monte e minguan a biodiversidade” dun dos espazos naturais autóctonos máis coidados da comarca do Val Miñor. A principal clave desta xestión colectiva e que tamén recoñeceron nos Premiso Elino Ostrom (convocados pola Universidade de Arizona xunto con outras universidades e colectivos ambientalistas) é a preservación das especies de árbores frondosas autóctonas como os castiñeiros e os carballos. Mais non só as preservan, tamén lle sacan rendemento económico. Ese foi un dos principais argumentos que a directiva liderada por Araúxo tivo que poñer enriba da mesa para convencer a tódolos comuneiros do cambio de modelo que vén imperando en Galicia dende os oitenta: “Tamén se pode ser rendible sen plantar piñeiro e eucalipto. Realmente, quen fan negocio aí son as pasteiras e as madereiras, non os propietarios do monte”.

Publicidade

Producir cogomelos: as potencialidades do shiitake

Un dos proxectos que sostén a esta comunidade de montes e a produción de shiitake, un cogomelo de orixe xaponés que vén gañando presencia na gastronomía occidental dende hai máis dunha década. As súas propiedades pasan polo fortalecemento do sistema inmunolóxico, ten capacidades antioxidantes, axuda ao control da hipertensión e inculso na reducción do colesterol. Ademais, o seu prezo de mercado está arredor dos doce euros o kilo. Un dato que os comuneiros tiveron en conta para lanzarse a abandonar as explotacións de madeira para pasta de papel: “A rendibilidade das plantacións de eucalipto e piñeiro é ridícula”.

Exemplares de shiitake producidas en Couso

A idea era arriscada máis polo intención de dar un xiro na mentalidade dos comuneiros que polo investimento necesario para arrincala. De feito, explica Araúxo, comezou como unha experimentación que, hoxe, xa ten a capacidade dunha explotación profesional. A comunidade de montes puxo en marcha en xaneiro de 2014 o primeiro cultivo de shiitake. Baseouse na colocación de trescentos troncos de carballo e castiñeiro aos que lle inocularon micelio (os filamentos que constitúen o aparello vexetativo dos fungos) desta especie (Lentinula edodes) para poñelos a producir. Agora, a zona de produción conta con máis de mil troncos e preto de vinte e unha hectáreas de superficie forestal coutada para ampliar a produción. “Todo provisto de sistemas de rega e toldos para garantir as condicións de temperatura e humidade que require a especie”, explican dende a directiva. “Estamos a demostrar que é posible cambiar os eucaliptos e os piñeiros polos cogomelos e os froitos do bosque”, reivindica Xosé Antón Araúxo.

“Estamos a demostrar que é posible cambiar os eucaliptos e os piñeiros polos cogomelos e os froitos do bosque”

XOSÉ ANTÓN ARAÚXO, presidente da Comunidade de Montes de Couso

Esta iniciativa da comunidade non son tivo beneficios recoñecidos a nivel medioambiental, tamén promove a fixación de poboación en territorios rurais: “Permitiu a contratación de catro traballadores que atenden o recinto á vez que realizan outras tarefas no monte”. O investimento inicial, engade, foi de 30.000 euros, financiados ao 30% pola Xunta de Galicia con fondos europeos Leader e ao 70% con microcréditos persoais de comuneiros: “E non lle debemos un só euro aos bancos”.

Estrutura de cultivo de shiitake na Comunidade de Montes de Couso

Froitos do bosque: diversificar a produción

A Comunidade de Montes de Couso ten unha visión a medio e longo prazo onde aspiran a unir a rendibilidade económica co respecto e coidado do medioambiente. Por iso, en paralelo á produción de cogomelos para uso gastronómico tamén traballan arreo en mellorar a súa silvicultura con explotacións racionais de framboesas, arandos e máis grosellas. Comezaron en 2013 e, xa daquela, as primeiras producións estiveron arredor da media tonelada e unha facturación de preto de seis mil euros. Eses ingresos, segundo as estimacións coas que traballan, poderían chegar a cuadruplicarse nestes próximos anos. As estimacións nacen dun estudo económico que encargaron antes de poñer en marcha unha plantación de arredor de 20.000 metros cadrados e que requeriu un investimento de oitenta mil euros.

“Ademais, a nosa produción é toda en ecolóxico e iso dános un valor engadido ademais da proximidade”

XOSÉ ANTÓN ARAÚXO, presidente da Comunidade de Montes de Couso

“A día de hoxe cústanos competir coas grandes empresas e por iso tentamos ir cara un nicho de mercado diferente. Non podemos loitar en prezos nin contra as multinacionais nin contra as grandes superficies que comercializan os seus produtos”, reflexiona Araúxo. Por iso venden os seu produtos frescos e transformados a través do comercio local da comarca do Val Miñor. “Ademais, a nosa produción é toda en ecolóxico e iso dános un valor engadido ademais da proximidade”, apunta. Paradoxicamente, aos comuneiros cústalles máis envasar as marmeladas que producir a materia prima que as compón. “Aínda así, segue a compensarnos o tránsito a este modelo de negocio. A rendibilidade da plantación de eucalipto anda en 1,14€ o metro cadrado cada vinte anos. É penoso”, lamenta o presidente da Comunidade de Montes de Couso.

Framboeseiro da comunidade de montes

A castaña, un froito con futuro

Malia estaren decididos a cambiar o modelo, polo de agora, o principal ingreso da comunidade segue a ser a madeira. Pero nesa vontade de cambio tamén teñen claro que é necesario investir: nove de cada dez euros que ingresan vai reinvestido no monte para tarefas de silvicultura e de mantemento eficiente dos seus espazos naturais. Nese coidado, especialmente das árbores frondosas, tamén aspiran a seguir diversificando os seus ingresos coa venda de castañas ao natural e en outro tipo de produtos máis elaborados.

Un dos soutos da Comunidade de Montes de Couso

Máis alá do medioambiente: o Bosque da Lingua

Nesta vontade manifesta de conservación dos valores medioambientais, os comuneiros están buscando financiamento para ir máis alá na consolidación do seu proxecto que tamén é social. Nese contexto, levan algo máis dun ano preparando o que será o Bosque da Lingua: un espazo no seu monte no que interiorizar as artes plásticas, visuais, escénicas e literarias, tamén a ciencia e o compromiso ecolóxico. Un enclave para gozar de propostas lúdicas en equilibrio coa natureza. Os obxectivos, explican, pasan por utilizar, promover e divulgar a lingua galega en todas as actividades que se leven a cabo no espazo para que se constitúa como un referente natural. Tamén achegarlle a lingua e o coñecemento da realidade sociocultural galega ás persoas neofalantes e estranxeiras. Iso pasa, explican, por “manter informada á comunidade educativa e veciñal de acontecementos vinculados a este espazo a través de actividades de dinamización ou exposicións naturais. E sobre todo, dotar ao espazo de accesibilidade e uso dos materiais axeitados naturais e sustentables para a construción, divulgación e uso para o coñecemento da lingua e cultura galegas a través de distintas áreas: culturais, científicas, artísticas, tecnolóxicas, entre outras”, rematan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estes son os 10 cogomelos máis raros que podes atopar en Galicia

Pola súa forma, ou polo seu tamaño, incluso os hai que brillan na escuridade. Recompilamos as especies máis peculiares dos montes galegos

Cal é a mellor época para coller cogomelos?

Un estudo da USC conclúe que os 'boletus' apañados entre outubro e decembro son recursos micolóxicos de primeira categoría

Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento

Un proxecto da UVigo estuda como obter bioetanol a partir de eucalipto e mimosa

O obxectivo é investigar novas rutas de aproveitamento de biomasa forestal, concretamente de especies moi abundantes e invasoras en Galicia