Xoves 25 Abril 2024

Así se ven as cicatrices que deixan os incendios do Courel, Valdeorras e o Invernadeiro

Todos os lumes forestais están controlados ou estabilizados, pero xa deixan máis de 30.000 hectáreas queimadas segundo Medio Rural

Máis de dez días despois, a situación comeza a mellorar. Segundo a última actualización da Consellería de Medio Rural, todos os incendios forestais que devastaron parte de Galicia están controlados e estabilizados. Con todo, o reconto final dá conta das dimensións que alcanzaron os lumes, considerados xa os peores da historia do país dende que hai rexistros. A estimación sitúase nas máis de 30.000 hectáreas arrasadas, cos focos principais en tres zonas ben delimitadas.

Por unha parte, o incendio do Courel, o que deixa máis superficie queimada, con 11.100 hectáreas calcinadas. Segundo trasladan dende a Xunta, xuntáronse cinco lumes, dous na parroquia de Vilamor, outro na de Seceda e outros dous na de Saa, afectando principalmente aos concellos do Folgoso do Courel e da Pobra do Brollón.

Publicidade

En segundo lugar, o de Valdeorras, que tamén afectou o Parque Natural da Serra da Enciña de Lastra, deixando 10.500 hectáreas queimadas. Por último, o de Vilariño de Conso, que afectou o parque do Invernadeiro, calcinando 6.500 hectáreas. Nas seguintes imaxes de satélite pódense ver as fondas cicatrices que deixaron os lumes nestes tres puntos, segundo a misión Sentinel-2 vencellada ao programa Copernicus:

  • Superficie queimada no incendio do Courel. Crédito: Sentinel-2
  • Superficie queimada no incendio do Invernadeiro. Crédito: Sentinel-2
  • Superficie queimada no incendio de Valdeorras. Crédito: Sentinel-2

Amais destes tres grandes incendios, Medio Rural informa doutros dous lumes. O de Quiroga, en Lugo, tamén está controlado. Iniciouse na parroquia de Outeiro e deixa 250 hectáreas queimadas. O último que se notifica é o de Oímbra, que entrou dende Portugal. Extinguiuse onte, luns 25 de xullo, ás 22.43 horas, pero xa arrasou con 2.100 hectáreas.

A orixe está nos raios

Comprender o desastre incendiario en Galicia non é doado. Son moitos os factores que confluíron e desencaderon unha situación sen precedentes. Segundo contaba a GCiencia o experto en lumes forestais e director da Escola de Enxeñaría de Pontevedra, Juan Picos, un dos trazos máis característicos destes incendios é a súa orixe natural. É dicir, todos eles se derivaron dos máis de 6.000 raios que caeron sobre Galicia a noite do xoves 14 de xullo, a raíz dunha tormenta explosiva que sacudiu o país. Isto provocou que moitos lumes apareceran en zonas afastadas, complicando aínda máis os labores de extinción.

Amais disto, outras circunstancias que prexudicaron gravemente a situación vivida a semana pasada no Courel, Valdeorras e O Invernadeiro foron as condicións climatolóxicas. As altas temperaturas pero, sobre todo, os baixos niveis de humidade, provocaron que os incendios atoparan unha gran cantidade de combustible e se puideran propagar moi rápido. Polo tanto, o estrés hídrico que está a sufrir Galicia tan só foi un estímulo máis que contribuíu a empeorar a situación.

Por último, o abandono rural é un factor importante á hora de falar de incendios forestais. Como indicaba Picos, a baixada de poboación e a dispersión das aldeas non mellorou a situación, senón que a complicou. De igual modo, salientaba a dificultade de traballar nese tipo de terreo a causa do relevo, que facía que o tránsito fose moi difícil para as brigadas de extinción. “Un evento singular e pouco frecuente en Galicia”, concluía o investigador.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea