As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións

Galicia recibiu esta fin de semana unha aparición estelar: en tan só 24 horas, a costa das Rías Baixas foi escenario do regreso dunha manda de entre oito e dez candorcas. Unha das interaccións con embarcacións produciuse na ría de Pontevedra, preto do Grove, onde chegaron a romper o temón dun veleiro; o suceso repetiuse no norte da ría de Vigo. Así foi a chegada, por terceiro ano consecutivo, do grupo liderado pola avoa Toñi, un exemplar de 60 anos, e do coñecido macho Pingu. Segundo a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) tamén estaban presentes Gladis Dalila, Gladis Branca e Gladis Tarik, á espera da confirmación de máis exemplares, como o cachorro que acompañaba ao grupo. Os avistamentos realizáronse na costa da Vela, na contorna comprendida entre as illas de Ons e Cíes.

Toñi é a gran protagonista da historia, identificada como a matriarca do grupo. Pero hai unhas semanas, a CEMMA anunciaba un ataque contra este exemplar: chegou ao Estreito con marcas compatibles con ulceracións causadas polo disparo de perdigóns, posiblemente bólas de chumbo de postas para xabaril de nove milímetros de diámetro. Cada cartucho carga nove bólas, que coinciden coas marcadas na aleta. Así, conclúen que estas feridas están realizadas a menos de 15 metros de distancia. A pesar do dano, a avoa segue a surcar os mares galegos.

Publicidade

Máis de 30 avistamentos en verán

A aplicación GT Orcas, dependente da CEMMA, permite dispoñer da información necesaria sobre os avistamentos e interaccións das candorcas, ademais de ofrecer un mapa coas zonas de máis actividade da especie. A aplicación rexistra máis de 30 avistamentos entre xullo e agosto, con máis rexistros no sétimo mes do ano. Nas Rías Altas, foron moitas as notificacións de interaccións con contacto físico, sobre todo nas augas fronte á cidade da Coruña e O Vicedo. Os novos rexistros producidos na fin de semana do 29 e 30 de agosto súmanse á lista de avistamentos rexistrados en Galicia.

Por que volven as candorcas?

O biólogo mariño da CEMMA Alfredo López explica nunha peza deste xornal que a presenza de candorcas nas rías galegas están relacionadas coa busca de alimento, concretamente do atún vermello, a súa presa principal, que marca o ritmo dos seus desprazamentos. Dende o Estreito de Xibraltar, viaxan ata o Golfo de Biscaia e fan escala en Galicia ou regresan cara ao sur, seguindo rutas varias tras este peixe. “As candorcas sempre se moverán segundo o alimento“, sinala o experto. O seu método de captura consiste en navegar cara a mar aberto, a uns 200 ou 300 metros de profundidade, para logo acurralar os bancos de atún e empurralos cara á costa, onde lles resulta moito máis doado capturalos e alimentarse. 

Publicidade

Interaccións, non ataques

Dado os numerosos rexistros de interaccións entre candorcas e embarcacións durante este verán, cabe destacar a diferencia entre estas accións coa palabra “ataque”. Estes cetáceos non amosan unha actitude agresiva durante estas situacións, senón que son resposta a un estímulo; neste caso, son os humanos a bordo das embarcacións. Entre os comportamentos máis habituais están nadar xunto aos barcos, ás veces chegando a tocalos. O principal obxectivo das candorcas adoita ser o leme, unha pela esencial para manobrar o barco, pero non deseñada para soportar presións tan intensas. O contacto cun animal de varias toneladas fai que a estrutura absorba unha gran cantidade de enerxía e, se a forza exercida supera a súa capacidade de torsión, o material, sexa madeira ou metal, pode chegar a romper.

  • Grupo de candorcas avistado nas Rías Baixas a finais de agosto de 2026. Foto: CEMMA
  • Grupo de candorcas avistado nas Rías Baixas a finais de agosto de 2026. Foto: CEMMA
  • Grupo de candorcas avistado nas Rías Baixas a finais de agosto de 2026. Foto: CEMMA

Con todo, a CEMMA manda unha mensaxe clara fronte á presenza das candorcas nas costas galegas: non se lles debe atacar, tal e como aconteceu coa avoa Toñi na súa chegada ao Estreito. É por iso que Alfredo López conclúe que “nin manteñen unha actitude agresiva, nin se van comer a ninguén”; simplemente son unha forma máis de contacto entre o ser humano e a fauna mariña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro