Sábado 20 Abril 2024

As algas enchen de vida as praias galegas

“Os depósitos de algas proporcionan non só unha estrutura física que pode ser usada como refuxio ou lugar de cría, senón que ademais representa unha importante fonte de nutrientes e enerxía para a fauna das praias”, explica a investigadora Marina Gómez, autora dunha tese de doutoramento sobre o impacto das macroalgas en catro praias galegas. Durante máis de dous anos, Gómez estudou de xeito pormenorizado a cantidade, localización e composición específica dos depósitos de algas que chegaron aos areais de Praia Ladeira na Ramallosa, Nigrán; Arnelas e A Cantareira, na Illa de Arousa e Mañóns en Boiro. Este traballo foi realizado ao abeiro do grupo de investigación de Ecoloxía Costeira da Universidade de Vigo, ao que pertencen os dous directores da tese, os profesores Mariano Lastra e Jesús López.

As catro praias elixidas por Marina Gómez foron areais estuáricos, é dicir, protexidos ou pouco expostos ás ondas do mar aberto. Os resultados obtidos non deixan lugar a dúbidas: a maior parte da biodiversidade destas praias depende en gran medida da varada e descomposición das algas que a forza da marea deposita nelas.

Publicidade

Toma de mostras na area
Toma de mostras na area

A selección destes catro enclaves non se fixo ao azar, senón atendendo ás súas características físicas (por exemplo, o grao de protección fronte ás ondas) e das súas características biolóxicas (presenza de bancos moluscos bivalvos, entre outras). “O que fixen foi analizar o efecto que teñen estas achegas de algas sobre a biodiversidade das praias e determinar que especies de macrofauna se atopan asociadas aos procesos de degradación que sofren unha vez depositadas na area”, recalca Gómez, ao tempo que aclara que a investigación incluíu un experimento de campo no que se analizou en detalle este proceso de degradación.

Os depósitos de alga son puntos quentes cunha gran actividade química e biolóxica

Os resultados da tese amosan que a arribazón de algas son a base dun complexo sistema trófico que proporciona diferentes vías para a transformación dos nutrientes, desde as achegas externas de algas ata os consumidores primarios e secundarios (crustáceos, insectos…) e incluso máis arriba da cadea trófica (peixes, aves mariñas e incluso os réptiles das dunas). “Os valores de respiración medidos sobre os parches de algas probaron que estes depósitos crean unha zona activa ou punto quente cunha actividade biolóxica e química especialmente distinta a do seu arredor”, apunta a autora da tese, que explica que isto indica que os procesos acontecidos durante as diferentes fases da degradación de todo este material vexetal producen efectos fervenza que afectan a toda a súa contorna e aos organismos asociados. “Son toda unha serie de detalles que poñen en relevancia o papel que estas acumulacións de macroalgas teñen sobre o funcionamento do ecosistema”, recalca Gómez.

O grupo Ecoloxía Costeira, ao abeiro do cal se realizou esta investigación, conta cunha dilatada experiencia sobre o papel das algas en praias oceánicas, expostas directamente ás ondas, pero ata o de agora apenas existía información sobre este tipo de praias protexidas, de gran relevancia en Galicia, tanto porque son moi numerosas, “boa parte das nosas praias están dentro das rías e, por tanto, protexidas da acción directa das ondas”, como polo tipo de actividades que se realizan nelas, ligadas ao turismo ou a actividades tradicionais como a pesca ou o marisqueo.

Recollida de algas nun areal
Recollida de algas nun areal

A tese aconsella elaborar plans de actuación para as ‘mareas verdes’

“En gran parte das praias protexidas da nosa costa lévanse a cabo importantes actividades económicas como a extracción de moluscos bivalvos, cun elevado número de mariscadores traballando a pé de praia”, salienta a investigadora, que explica que un dos principais conflitos que xorden nestas zonas de marisqueo son as acumulacións de algas, que en moitos casos acostuman darse de forma masiva en algunhas épocas do ano e que están relacionadas cos procesos de afloramento de augas profundas que se producen na costa e que fertilizan o medio. “Ademais, nestes ambientes abrigados e protexidos das ondas danse as condicións óptimas para o crecemento das que se coñecen como ‘algas oportunistas’, como a ulva ou leituga de mar, que favorece a formación de densas acumulacións de algas que quedan flotando á deriva e que, xeralmente, acaban varadas sobre as praias”, explica Gómez, que fai fincapé en que este fenómeno, que acostuma coñecerse como marea verde, é un problema para os bancos de moluscos bivalvos, xa que cobren a superficie do sedimento durante a baixamar provocando a morte dos moluscos por asfixia, “por iso a eliminación destes depósitos é unha práctica moi estendida”.

Ante a existencia deste conflito entre intereses económicos e ecolóxicos respecto ao manexo destas varadas de algas, a autora da tese defende como “de vital importancia” dispoñer do coñecemento necesario para afrontar este problema e establecer plans para a conservación e xestión das praias protexidas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos