Xoves 28 Marzo 2024

“Non hai animais bos nin malos: é perigoso humanizalos”

Adrián Vilas (Pontevedra, 1989) é xornalista e está especializado na realización de documentais de natureza. Traballou como cámara para a Unidade de Historia Natural da BBC despois de formarse como xornalista na TVG, V Televisión e Radio Galega. Mudouse a Inglaterra para realizar un máster sobre documentais de natureza en Bristol.

-Que precisa un documental para ser atractivo para o público en xeral?
-Hai que conectar coa audiencia, provocando emocións na xente. Risa, medo, empatía, tristeza, alegría… Ten que haber un arco narrativo que nos leve dun punto ó outro da historia. E que nos deixe tempo para reflexionar, mesmo en voz alta, de compartir.

Publicidade

-Hai unha fórmula para isto?

-Por suposto que non hai unha fórmula para isto. Pero si hai certos ingredientes, como a música e outros efectos de son, o ritmo da edición, as técnicas de cámara… Todo para seguir mantendo a capacidade de fascinar á audiencia.
Todo isto depende dos estilos e narrativas. Antes en televisión, e hoxe en día na internet baixo demanda, é onde se ten máis en conta á audiencia á hora de construír a espiña dorsal do documental. Nunha narrativa determinada podemos combinar distintos estilos e temáticas. Por iso incluimos novos comportamentos ou descubertas científicas, pero tamén personaxes cos que empatizamos. A loita pola supervivencia dun pitiño é un bo exemplo da narrativa clásica.

-Como empezou vostede?

-Despois de rematar a licenciatura en Xornalismo traballei en Galicia durante tres anos entre televisión e radio, tanto pública como privada. Aprendín o oficio e curtinme en roldas de prensa e sucesos de todo tipo. Algunhas historias, como a da mina de Corcoesto, marcáronme bastante. Xurdiu aí a necesidade de afondar máis nas historias e explicar o contexto, algo fundamental no documental. Decidín cambiar de aires e marchar a Inglaterra para facer un Máster. Alí dirixín o meu primeiro proxecto sobre os Indios Pés Negros e os Bisontes Americanos e tamén puiden gravar para varios documentais de natureza a nivel internacional, incluíndo á Unidade de Historia Natural da BBC. A motivación principal é a de dar voz ós que non a teñen. Os animais e as plantas non dan roldas de prensa nin poñen anuncios nos xornais.

-En poucas palabras, como é o proceso para preparar un documental?
-Cando unha idea agroma, hai que dedicar varios meses a investigar ata saber se é posible facer un documental sobre ese tema. Hai que buscar un enfoque, unha historia sinxela, que sexamos capaces de resumir en dúas liñas. Despois da preprodución elaboramos unha proposta co enfoque, historia, personaxes, localizacións… e buscamos financiación. Se todo vai ben localizaremos, gravaremos e editaremos, e acabaremos dando os últimos retoques na posprodución. Despois aínda queda publicitalo, distribuílo… Un proceso ben longo e tedioso. No caso dos documentais de natureza, faremos un guión, e veremos se podemos cumprir con el ou non. Moitas veces é imposible conseguir unha determinada secuencia ou comportamento dunha especie. Necesitamos moita preparación, horas de campo e un pouco de sorte.

Pounding Hooves Trailer from Adrián Vilas on Vimeo.

-Que hai de natural (real) e que hai de ficción?

-En canto prendemos a cámara e comezamos a gravar, comezamos a construír, a escoller. Xa non estamos na realidade. A partires de aí, entra en xogo a ética e a responsabilidade profesional para facer un documental que se axuste máis ou menos á realidade. Hoxe en día hai documentais de natureza que filman certos planos en zoos ou en estudios. Se é así, conviría sempre esclarecelo, por ética profesional. Con todo, a maioría de secuencias que vemos nos grandes documentais poden ser gravadas con días ou semanas de diferencia entre planos, pero ilustrando unha situación ou comportamento que acontece na “realidade”. Hai por suposto diferentes grados de “realidade” e “construción” nos documentais. É un debate moi amplo.

Adrián Vila fixo en Montana (Estados Unidos) un documental sobre os indios Pés Negros

-Que técnicas se empregan para humanizaraos animais ante as cámaras?

-A familia, as probas que hai que superar na vida para sobrevivir son tramas ou historias sinxelamente equiparables entre humanos e animais. Con todo, é perigoso humanizar ós animais. Este excesivo antropocentrismo lévanos a etiquetar (a forma de coñecemento máis simple) e a crear animais bos e malos, mellores e peores. Boto de menos a utilización da idea da interdependencia, da conexión, para empatizar cos animais e plantas. Concebimos a natureza como separada e independente do ser humano e iso é un grave erro. Os documentais de natureza tamén poden e deben ser sobre nós. Citaría un dos últimos filmes do director alemán Werner Herzog, Lo and Behold, onde se fala da evolución da sociedade en paralelo á tecnoloxía e da nosa concepción do universo. É un documental de natureza porque nos lembra que somos un minúsculo punto no universo, que se desenvolve baixo unhas condicións moi especiais. A historia creacionista da Biblia queda moi curta se a comparamos coa realidade da evolución, o fracaso, a adaptación, a resiliencia… Aí é onde está o material para que a audiencia se enganche á verdadeira historia da vida. Lembrándome de Jacques Cousteau, diría que temos que ser capaces de explicar o fráxil equilibrio que nos outorga o privilexio de vivir aquí, no Planeta Terra. Se só puideramos viaxar ó espacio e mirar cara a esa bóla azul, e darnos conta de que esa é a nosa casa, como fixo o astronauta Piers Sellers, que non podo deixar de recomendar, veriamos que estamos todos no mesmo saco.

-Cal foi o momento máis fascinante que viviu, que máis o marcou?

-Non me podería quedar só con un. Pasar unhas semanas na sabana en Kenia con rangers armados con AK-47, convivir cos Pés Negros en Montana ou observar os bisontes europeos en liberdade nos bosques de Europa son experiencias que marcan.

Ata que punto poden influír os documentais en que haxa unha maior conciencia polo coidado do medio ambiente?
-Na sociedade audiovisual actual teñen un gran papel que xogar. Os documentais deben ser quen de sensibilizar, é dicir, conectar co espectador a un nivel primario. Pero o coñecemento científico tamén ten que estar presente na narrativa para educar e achegar ó gran público os problemas do medio natural. Esa é unha maneira importante de concienciar. Pero por ese orde: educar e chamar a atención sobre os problemas ambientais, que non son poucos. Hai que comprender que todo o que acontece na natureza ten influencia sobre nós. Estamos no incio dunha extinción masiva, no medio dun cambio global na temperatura, nos ciclos de nutrientes, da destrución de hábitats, da acidificación dos océanos, nun mundo inxusto no que aínda morre xente de fame nuns lugares e noutros a comida chea de pesticidas e químicos apodrece nos andeis dos supermercados.

“Dubido que poidamos facer aquí, por exemplo, un documental sobre ENCE”

-Ten Galicia, e a televisión pública, potencial dabondo para producir documentais da natureza dende aquí? Que hai na BBC que non haxa aquí?
-A BBC ten un “know how” de medio século e, polo momento, medios económicos. É unha televisión pública de calidade, internacionalmente recoñecida, sen un alto grao de manipulación. Cando traballas para a BBC o importante é conseguir o estándar de calidade máis alto posible, non servir a certos intereses. Os medios están aí e a independencia tamén. Tes a opción de destacar os últimos coñecementos científicos, aínda que contradigan á postura político-económica do momento. Non podo deixar de retrotraerme ó século XVI, ó Concilio de Trento, ou máis tarde á Ilustración, ou mesmo á Guerra de Independencia. Estas son a clase de escollas que facemos neste país. E seguímolas facendo. Seguimos desconfiando do coñecemento científico. Estamos máis satisfeitos crendo que a Xunta cría lobos e logo os solta nos montes. Tomamos como datos certeiros mitos e lendas populares. Algúns líderes dos principais partidos españois seguen desconfiando da ciencia, do cambio climático. A estratexia da Xunta para o futuro é aproveitar os montes para biocombustible e madeira barata, como no terceiro mundo. Por iso non podemos ter unha BBC. E non é unha visión elitista. Hai que ser humilde ante o coñecemento. Hai que espirse antes de bañarse nas súas frías augas. Valorar cada pinga de auga e presada de terra para entender a realidade cambiante na que vivimos.Hai que escoitar, falar, poñer en común e actuar. Somos unha terra que carece dos importantes fíos que crean comunidade. Hai que volver mallar no centeo xuntos e apoiarnos os uns nos outros. Solidariedade e coñecemento son ferramentas importantísimas para afrontar os cambios que se aveciñan.

-Suponse que en Galicia temos material dabondo para documentais de natureza…

-En España e en Galicia é moi difícil facer documentais científicos e de natureza de calidade para Televisión, pola propia estrutura dos nosos medios, altamente controlados e cunha rixidez que afoga calquer tipo de pensamento crítico e de independencia. Dubido que poidésemos, por exemplo, dedicar un capítulo á desfeita de ENCE, ós eucaliptos e a desaparición dos nosos bosques autóctonos, á algunhas restauracións desastrosas de zonas húmidas e ríos ou á sobrepesca, por citar algunhas cuestións xerais. Agora, material para facer documentais aquí haino de sobra, moito máis que na maioría de Europa.

-Non semella que dea moitas esperanzas…

-Con todo, hai posibilidades. Hai xente tomando en serio o futuro e traballando día a día. Somos un sustrato importante de colectivos e individuais os que cremos na divulgación e que só temos que atopar o momento para sentar xuntos e comezar a traballar. Seguro que nos vindeiros anos haberá boas noticias para o documental de natureza en Galicia. Ademais, a internet e as redes sociais están aí, desprazando ós medios tradicionais. Os máis novos ven cada vez menos a Televisión e acceden a contidos máis libres. Cunha boa educación e bos ventos poderán aprender a peneirar a información.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artigo anterior
Seguinte artigo

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.