Xoves 5 Marzo 2026

Alerta no mar: a temperatura da auga en Galicia dispárase tres graos por riba do normal

O Atlántico vive un episodio de anomalía térmica que, segundo as predicións, manterase no tempo durante o mes de xuño

Aínda que poida parecer o contrario nestes primeiros días de calor que empurran aos galegos a darse o primeiro baño nas praias do ano, o mar está moi quente. Unha anomalía térmica que chegará aos 3 graos e que, segundo os modelos cos que traballan os meteorólogos, manterase ao longo do mes de xuño que estrearemos en poucos días. Unha situación, a do Atlántico e o Cantábrico que bañan a esquina noroeste da península ibérica lonxe do que se vive no Mediterráneo, pero que comeza a preocupar como patrón que se instala ano tras ano.

Anomalía na temperatura do mar a 29 de maio (ECMWF)

Nestas datas, finais do mes de maio, cando a primavera dá os seus primeiros pasos para facerse verán, a temperatura promedio da auga de alta mar que arrodea Galicia móvese nos 15 graos. A tres días de dar a benvida a xuño, sitúase nos 17 graos. E subindo. Porque o episodio de calor que vive a península ibérica na derradeira semana de maio fará que a temperatura do mar suba aínda máis, dándose por feito que chegará ao 18, é dicir, tres graos por riba do normal para esta época do ano.

Publicidade

Unha oscilación térmica que pode non parecer moita, pero que ten moita relevancia. “Na temperatura do aire, non falamos de anomalía ata que se chega a máis de dez grados respecto ao normal para a época. Hai días fríos e días cálidos. Pero a auga é completamente distinto. O océano ten moitísima inercia térmica. Un grado ou dous por baixo do normal é xa unha anomalía moi grande. É moitísima enerxía acumulada cando a auga está máis quente ou perdida no caso de que sexan frías”, explica Víctor González, meteorólogo e divulgador para Meteored.es.

A anomalía térmica que chega ás costas de Galicia abarca unha xigantesca extensión oceánica. Debuxa unha sorte de triángulo con vértices nos Azores, Islandia, as illas Británicas e a península ibérica. Nesa vasta zona con lados de máis de mil quilómetros, a temperatura da auga está dous graos por riba da que debería marcar nestes momentos. En Islandia, por exemplo, tería que estar a 8 graos e atópase a 10.

Publicidade

Unha suma de factores

A explicación a este escenario de quecemento oceánico está nunha conxunción de factores, como sinala Víctor González. Por unha banda, é unha consecuencia da temperatura global. O planeta atópase nestes momentos un grao e medio por riba do que debería para estas alturas do ano. E non todas as zonas quencen da mesmo forma. Namentres na extensión que separa Islandia a as Bermudas o ritmo de subida das temperaturas é menor, o Atlántico que baña as nosas costas e, sobre todo, o Mediterráneo quencen a un nivel por riba da media global.

As previsións apuntan a un aumento da anomalía co paso dos días. Esta é a predicción para o martes 2 de xuño (ECMWF).

A isto súmanselle factores locais. Porque, do mesmo xeito que hai días máis cálidos ou fríos en terra, tamén se producen no mar. Existen o que se coñece como olas de calor mariñas, consistentes en períodos de tempo (cando menos cinco días consecutivos) nos que a temperatura do mar se dispara. “Temos un momento no que coinciden un período cálido, que o planeta estase a quentar e que na zona da península é xa de por si máis cálida. O resultado é un quecemento máis acelerado e este tipo de anomalías térmicas bastante peculiares”, engade o meteorólogo.

A previsión é que, lonxe encamiñarse cara a un escenario de volta á normalidade, a temperatura do mar continúe en ascenso. A península vive un episodio de calor infrecuente para a época que mesmo podería deixar marcas de máximas históricas. Polo tanto, o aire cálido que quedará estabilizado sobre esta zona do globo fará que a temperatura do mar se eleve aínda un chisco máis ata acadar os 3 graos de anomalía térmica, deixando o Atlántico nos 18 e ao Mediterráneo por riba dos 20.

É alí, no mar Mediterráneo, onde a situación é máis preocupante. Tanto polo ritmo no que cada ano se elevan as temperaturas das súas augas como polo mantemento destas anomalías térmicas. Deste xeito, en 2024 bateron as marcas de temperatura desde que hai rexistros. Case toda a rexión viviu olas de calor mariñas, con até 5 graos por riba da media en gran parte dos meses de xullo e agosto. Unha situación que se mantivo entrado o outono e que xogou un papel clave no desastre provocado pola Dina de finais de outubro.

A influencia atlántica

En Galicia, as dinámicas oceánicas do enorme Atlántico impide que a temperatura das súas augas se dispare a niveles como as do Mediterráneo, pero non é alleo a unha evolución global. “Ao ser un océano aberto hai máis posibilidade de renovar con correntes e igualar as diferencias. Por iso o quecemento está indo máis amodo. Pero en xeral, Galicia está experimentando esa anomalía practicamente igual que o resto da fachada atlántica e cantábrica“, sinala o divulgador de Meteored.

Os modelos predictivos chegan ata o 8 de xuño. (ECMWF).

Unha volta á normalidade está fiada aos ceos. A entrada dunha borrasca tardía ou unha corrente superficial máis agresiva farían que as augas se remexesen e que as temperaturas volvan a valores máis propios desta época do ano, é dicir, aos 15 graos. Pero o factor de inercia térmica que teñen os mares fai que os cambios deste tipo se produzan dun xeito moito máis lento que os atmosféricos.

Polo tanto, a previsión é que esta anomalía térmica se manteña durante semanas, cando menos, ao longo de todo o mes de xuño. “Unha volta á normalidade é ase o menos probable. Non podemos saber se isto se vai prolongar durante todo o verán, pero en xuño vanse manter, moi probablemente, durante todo o mes”, apunta González.

Por que segue fría na beira

Con todo, o escenario debuxado en alta mar non chega ás praias, onde Galicia segue cumprindo ca súa postal de raíña da península en augas frescas. De novo, o océano Atlántico é o factor principal, pero non ó único. Tamén xogan un papel fundamental as correntes e as brisas, que arrefrían a temperatura da auga nas beiras, facendo que sexa difícil chegar aos 20 graos.

Nas zonas pegadas á costa, a auga que hai en niveles inferiores acostuma a saír á superficie, especialmente cando sopra o vento de terra a mar. Un fenómeno que, como subliña o divulgador meteorolóxico, dáse moito nas Rías Baixas e no litoral coruñés. “O aire sopra do este e empurra a auga da superficie mar cara dentro. E para encher este oco, a auga de capas inferiores xurde pola zona de costa”. Isto fai que nos primeiros quilómetros de costa a auga sexa máis fresca que a mar aberto, onde a capa superficial mantense máis intacta.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vivenda, traballo e lecer: cal é a provincia máis feliz de Galicia?

Ourense e Lugo sitúanse á cabeza do benestar segundo datos do IGE, mentres Pontevedra rexistra as valoracións máis baixas

Unha masa de aire africana empeora a calidade do aire en Galicia

Os modelos de Copernicus prevén un aumento das partículas en suspensión e unha posible deposición húmida durante as próximas horas

Máis de 50.000 galegos participaron nun ensaio para avaliar a vacina contra o virus sincitial

Sanidade analizará os datos achegados durante a campaña Sincigal para medir a súa efectividade na redución de hospitaliacións

Entre o “Teño, teño” e o “Carallo!”: a linguaxe da dor en Galicia (e en galego)

Dous documentos testemuñais de finais do século XX recompilan as expresións populares empregadas por pacientes para describir o seu malestar