As Perseidas tomadas cunha longa exposición fotográfica.

As Perseidas tomadas cunha longa exposición fotográfica.

As Perseidas chegan á Casa das Ciencias da Coruña

Chega a choiva de estrelas á Casa das Ciencias da Coruña. As Perseidas son unha das citas máis importantes do ano para as persoas afeccioadas á astronomía. Este ano a corrente de meteoros alcanza o seu punto álxido a noite do 12 ao 13 de agosto, aínda que pouco despois da medianoite a ausencia de Lúa permitirá apreciar os meteoros máis débiles.

Afortunadamente, como a choiva de estrelas fugaces non é un fenómeno puntual, nos días seguintes poderemos seguir gozando delas. No período de máxima actividade poden chegar a verse máis de cen estrelas fugaces cada hora baixo un ceo escuro e despexado, ademais este ano espérase unha actividade especialmente intensa. A contaminación lumínica fai que nas proximidades das cidades ou en zonas con iluminación forte o número de meteoros visibles diminúa.

Entre o 6 e o 12 de agosto todas as sesións no planetario da Casa das Ciencias incluirán recomendacións para observar as Perseidas. Ademais, a sesión das 18.00 h estará dedicada en exclusiva a este fenómeno astronómico.

Sen prismáticos

Para gozar das Perseidas non se necesitan instrumentos ópticos, como prismáticos ou telescopios, nin se requiren coñecementos especiais de astronomía, xa que os meteoros poden verse por toda a bóveda celeste. Iso si, todas as traxectorias teñen a súa orixe na constelación de Perseo (de aí o seu nome) que emerxe polo horizonte en dirección nordeste pasada a media noite.

As Perseidas tamén se coñecen como Bágoas de San Lorenzo, xa que o día 10 de agosto está dedicado no santoral a este diácono de Roma que sufriu martirio asado nunha grella no ano 258. Pero en realidade non son outra cousa que pequenos fragmentos da cola do cometa Swift-Tuttle, que cun tamaño inferior ao de grans de arroz, entran na atmosfera a gran velocidade, deixando ao seu paso un rastro luminoso que pode chegar a durar varios segundos. Este cometa achégase á Terra cada 120 anos, renovando a corrente de partículas que o noso planeta atravesa cada ano por estas datas, no seu percorrido ao redor do Sol.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.