De arriba cara a abaixo, o Aquarium Finisterrae, a Domus e a Casa das Ciencias. Imaxes: coruna.gal.

De arriba cara a abaixo, o Aquarium Finisterrae, a Domus e a Casa das Ciencias. Imaxes: coruna.gal.

Os museos científicos tamén son para o verán

Co comezo de xullo o curso chega ao seu fin e quedan por diante máis de dous meses de tempo de lecer para os máis cativos. Praia, montaña, campamentos, diversión… pero a ciencia tamén pode ser outra opción para gozar do verán. Neste senso, os Museos Científicos Coruñeses amplían o seu horario para que o maior número posible de visitantes poidan coñecelos e aprender coas exposicións e actividades que albergan no seu interior. Desde as 10 da mañá ata as 8 da tarde, a Domus, o Aquarium Finisterrae e a Casa das Ciencias estarán abertas ao público.

Domus

Con máis de 150 módulos interactivos, o museo que conta a historia do ser humano a través da evolución, a xenética ou a medicina. Exposicións como Xogo de Neuronas, Homínidos e homínidas ou Mocidade, Ciencia, Futuro son algúns dos atractivos do edificio. Ademais, hai varias sesións diarias de cinema en tres dimensións (12:00, 13:00, 17:00, 18:00 e 19:00 horas).

Aquarium Finisterrae

338 especies diferentes, catro salas de mostras, e a posibilidade de mergullarse no mundo mariño coma se foramos Jules Verne na sala Nautilus, rodeada dunha enorme piscina de cinco millóns de litros de auga onde viven todo tipo de peixes.

Entre as actividades que se poden realizar, están as visitas guiadas (todos os días ás 11 e ás 16.30 horas), a alimentación de tiburóns (luns, mércores e venres ás 11.30), alimentación de focas (todos os días de 12 a 17 horas) e o obradoiro infantil na Poza das Caricias (todos os días ás 13 e ás 19).

Tamén é posible visitar exposicións ben interesantes, como Mar de Plástico, coa que a asociación Mar de Fábula e o colectivo RetoqueRetro pretenden concienciar sobre a cantidade de lixo que botamos aos nosos ríos e océanos cada día. Hai tamén unha parada obrigada na Oceanosfera, onde podemos contemplar o planeta e aprender de xeito interactivo diversos fenómenos naturais.

Casa das Ciencias

O máis antigo dos museos Científicos, inaugurado en 1985, mantén o seu magnetismo cara aos visitantes, comezando polo enorme péndulo de Foucault que preside a entrada do edificio. Nesta planta baixa están actualmente expostas as fotografías de Ceos Galegos, o proxecto fotográfico de varios profesionais que retrataron a fermosura do firmamento deste diversas partes do país. Pero hai moito máis.

Xogos interactivos para ficar coa boca aberta, como Física en Acción ou Puro Swing, e numerosas leccións de astronomía ao alcance da man. Na última planta está o Planetario, un xermolo de vocacións científicas. A súa carteleira, que se pode ver todos os días, ofrece varias sesións diarias adaptadas a todos os públicos; A noite do vampiro (12 horas), A noite é necesaria (13 e 19 horas), A nena que sabía camiñar do revés (17 horas) e O ceo dunha noite de verán (18 horas), son as proxeccións entre as que se pode escoller.

Entradas:

Bono tres casas (12 euros): permite unha visita a cada museo, na data que se queira.

Tarxeta 20 (20 euros para o público xeral, 10 euros para menores de 14 anos e maiores de 65): permite acceder as veces que se desexe, durante un ano, aos tres museos. Inclúe tamén un prezo reducido nas sesións de cine 3D e o planetario.

Casa das Ciencias: Entrada xeral, 2 euros (tarifa reducida*, 1 euro); acceso ao planetario, 2 euros(tarifa reducida, 1 euro).

Domus: Entrada xeral, 2 euros (reducida, 1 euro); cine 3D, 4 euros (reducida, 2 euros).

Aquarium Finisterrae:  Entrada xeral, 10 euros (reducida, 4 euros).

*Menores de 16 anos, maiores de 65, desempregados, usuarios do Carné Xove e familias numerosas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.