Xoves 28 Marzo 2024

Lúa López: “Hai fuga de cerebros en Galicia; cómpre investir en ciencia”

A bióloga galega, que recibiu o Premio Ángeles Alvariño, investiga en especies vexetais ameazadas e invasoras na Universidade Estatal de California

A galega Lúa López é bióloga e profesora na Universidade Estatal de California, nos Estados Unidos. Como investigadora, dedícase á ecoloxía evolutiva, con especial atención ás especies vexetais invasoras e ás ameazadas. O seu traballo inclúe xenómica, trasncriptómica, ecofisioloxía e ecoloxía de campo… e mesmo ten investigado a través de vellos herbarios para pescudar sobre plantas recollidas décadas ou séculos atrás. Lúa López vén de recibir o Premio Ángeles Alvariño, que concede o Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses.

-Qué supón para vostede este premio Ángeles Alvariño?

Publicidade

-Supón un recoñecemonto á perseverancia e a todas as horas de traballo duro. Este premio é unha desas cousas ás que agarrarse cando os proxectos non funcionan ou dubidas de ti mesmo. Por riba diso, ten un compoñente sentimental porque o recoñecemento vén da casa. Finalmente, un premio con nome de muller pioneira en ciencia como Ángeles Alvariño é unha doble honra.

A investigadora Lúa López.

-Estuda dende a ecoloxía evolutiva tanto solucións para especies ameazadas como invasoras… que comparten unhas e outras?

-Tanto especies ameazadas como invasoras vense afectadas a nivel ecolóxico e evolutivo polas actividades humanas. Os humanos, coas nosas accións, modificamos o medio para ó noso beneficio o cal afecta directamente a todas as especies que habitan dito espazo. Por exemplo, cando deforestamos ou, cando un campo deixa de cultivarse, estamos a crear unha perturbación e abrimos un novo espazo que pode ser ocupado por novas especies introducidas. Do mesmo xeito, a deforestación e fragmentación do espazo natural fai que as poboacións de especies en perigo mermen e aumenta o seu risco de extinción. Finalmente, o cambio climático tamén representa cambios para invasoras e especies ameazadas. Cambios asociados á temperatura e/ou precipitación poden tanto axudar especies introducidas a expandirse ou pola contra, poden dificultar dita expansión. No caso de especies ameazadas, o futuro pinta máis pesimista xa que moitas especies ameazadas son especialistas (teñen requerimentos ecolóxicos moi concretos) e calquera cambio no seu habitat ponas en maior perigo. Existen modelos de distribución que teñen en conta o cambio climático e tentan predicir escenarios futuros. Sen embargo, os resultados varían segundo a especie, e neste momento non é posible facer xeralizacións precisas.

“Ler e descifrar notas de fai centos de anos doutro naturalista ten un certo aire detectivesco”

-Emprega herbarios como ferramentas de estudo… como é o traballo con un rexistro tan antigo e sorprendente?

-É unha beleza! Ter acceso a esos rexistros históricos é un privilexio. Ler, e as veces, descifrar as notas de fai centos de anos que outro naturalista deixou é emocionante e ten un certo aire a traballo detectivesco. O complicado e delicado do traballo con este tipo de mostras é a parte técnica, de laboratorio. Estes exemplares son únicos e se colles un fragmento para os teus análisis debes ter unha elevada certeza de que vai funcionar. Senón, ese fragmento do exemplar pérdese para sempre. Por iso, cando traballas con museos, estes requiren que teñas un protocolo en funcionamento cun alto grado de éxito. Por último, o material xenético que obtés destas mostras está dañado o que engade unha complicación a maiores durante a análise de datos. Por sorte, tanto as técnicas de laboratorio, como de secuenciación e a bioinformática teñen avanzado moito na última década e este tipo de traballo agora é posible máis alá de estudos con humanos e grandes mamíferos.

-Estuda a diversidade das plantas ante o cambio climático… que escenario é máis preocupante neste eido se as previsións de quecemento global se confirmasen?

-O máis preocupante non é o cambio no clima per se se non a velocidade e a magnitude á que está sucedendo. Durante toda a historia evolutiva das especies, houbo cambios climáticos, cando estes cambios son graduais, hai tempo para que as especies podan evolucionar cara un proceso de adaptación. Sen embargo, a velocidade a que o cambio esta a acontecer agora é moi rápida e moitas especies están en perigo porque non hai tempo para que sucedan cambios xenéticos favorables e se fixen na poboación. Se realmente isto se cumple, o cambio climático conlevará unha perda de diversidade enorme e un desequilibrio dos ecosistemas tal e como os coñecemos, con enormes consecuencias a nivel económico e a nivel de saúde (por exemplo perda de cultivos por novas pestes ou sequías/asolagamentos).

-Ten estudado as especies invasoras, como a unlla de gato en Galicia, que está por todas partes… o mesmo sucede coa herba da pampa… Sería viable un plan de erradicación? De que dimensións? Impulsado por quen?

-Témome que ambas especies xa pasaron o punto no que un plan de erradicación xa non é posible. Cando facemos manexo de especies invasoras, as etapas nas que sabemos que un plan de erradicación pode ser efectivo é durante a etapa asentamento e antes de que exista unha expansion xeográfica e un impacto medioambiental. A miña proposta, para ambos casos, é un plan de control. Facer monitoreo continuado das poboacións para limitar a súa expansión xeográfica e tentar minimizar o impacto que ten no ambiente. Pero aquí volvemos o mesmo, recursos económicos e de persona. Este tipo de xestión require dun goberno motivado a preservar o noso entorno e a pór os recursos precisos para facer ditos esforzos. Por desgraza, a estas alturas carecemos diso. De feito, cada vez que muda o goberno vemos cambios en medioambiente que fan que moito do acadado anteriormente se desfaga ou simplemente se deixe esquecido. Por último, hai unha parte fundamental que é a educación na poboación. Moita xente aínda descoñece cales son especies invasoras e o impacto que teñen. Este descoñecemento facilita que a xente recolla e prante estas especies nas súas casas, porque son bonitiñas. Este traballo de educación ambiental debería estar xestionado por órganos de goberno a nivel local, provincial e autonómico. Desafortunadamente, máis unha vez, este eslabón na cadea de prevención e control falla.

-A acacia negra (Gleditsia triacanthosvén de ser incluida agora no rexistro de especies invasoras… Non se tarda demasiado en incluir especies nestas listaxes?

-De seguro que sí. Pero esto ten un compoñente biolóxico e un administrativo. A nivel biolóxico, unha especie considérase invasora cando existe expansión xeográfica e ten un impacto no novo entorno. O problema é que moitas especies pasan desapercibidas durante longos períodos de tempo porque non son conspicuas ou porque non presentan impacto algún. So cando se tornan un problema é que nos decatamos da nova especie. A nivel administrativo, se non existen recursos para monitorear e catalogar o medio natural, o proceso para declarar unha especie invasora é implementar planes de xestión é resulta simplemente eterno. Unha posible forma de mellorar isto último é incluir á poboación como parte do proceso de monitoreo. Aquí, nos Estados Unidos, existen múltiples iniciativas onde os cidadáns, con axuda de aplicacións no móbil, identifican e suben fotos de especies que atopan no seu entorno. Estas bases de datos creadas por cidadáns son un recurso enorme para deteción temperá de especies introducidas. De feito, eu estou a empregar este tipo de datos na miña clase de bioloxía de especies invasoras para que os alumnos fagan mapas de expansión desas especies no seu proxecto final.

“O eucalipto, máis que unha especie invasora, creo que é unha especie naturalizada”

-E que opina do gran debate: debe ser o eucalipto calificado como invasora? Portugal está de acordo, pero en España o último ditame negou esta posibilidade…

Podo absterme de responder a esta pregunta? Porque ten tela… Bromas aparte. Calificar o eucalipto como invasora tería unha serie de ventaxes a nivel de ferramentas legais para o seu control. Igual que no caso da unlla de gato, fai moito que pasamos o punto de erradicación. De feito, dende o meu punto de vista, o eucalipto neste momento sería máis ben unha especie naturalizada. Leva moito, moito tempo no territorio galego e existe un ecosistema propio arredor deles. Por riba disto, é un recurso económico e a súa eliminación suporia unha perda económica moi grande para moita xente. As veces temos que buscar un equilibrio entre economía e natureza. Dito isto, é unha especia cunha gran capacidade de alterar o seu medio, por iso eu avogaría por limitar a súa expansión xeográfica mitigando así o impacto en novas áreas. E neste punto vou facer de avogada do diaño, temos moitas outras especies que foron introducidas fai moito tempo e a dia de hoxe están naturalizadas e moita xente nin sabe que non son especies nativas. Eu comprendo que o eucalipto ten un impacto ambiental pero tamén creo, opinión puramente personal, que ten un compoñente estético. Se fose unha especie arbórea frondosa veríamos se sería tan impopular.

-Traballa nos Estados Unidos… tería en Galicia os medios e oportunidades que ten aí? Hai un problema de fuga de talento científico en Galicia?

-Exiten centros de investigación en Galicia que son pioneiros no seu campo. Ter, temos instalacións de primeira e científic@s de primeira. Sen embargo, estes centros son poucos e as oportunidades para traballar de forma permanente son aínda máis escasas. Galicia precisa dun plan de investimento, a medio e longo plazo, para crear unha infraestructura sólida en ciencia. De feito, aqueles países que posúen unha forte inversión en ciencia están tamén á fronte de calidade de vida e teñen unha economia sostible. En canto á fuga de cerebros, a miña opinión é de que si, rotundamente. As posibilidades de retorno son escasas e na maioría dos casos son retornos temporais e cun baixo soldo. Para investigar en Galicia case a única posibilidade que existe e un posto na universidade. Galicia carece de infraestructura tecnolóxica e de centros de investigación non asociados a docencia. A cantidade de profesorado universitario que fai falla é limitado, polo que moit@s galeg@s marchan a outras comunidades españolas ou a outro país.

-Unha última pregunta. É tamén divulgadora científica… Ante esta pandemia, é optimista ou pesimista coa percepcion social da ciencia? Cre que a confianza mundial na ciencia medrará, tras éxitos como o das vacinas fronte ao coronavirus… ou debemos preocuparnos polo avance dos antivacinas, negacionistas, etc…?

-Actualmente son pesimista pero teño esperanzas no futuro. Creo que esta pandemia puxo de manifesto que a ciencia non está a comunicarse de forma adecuada á poboación. Moita xente considera a ciencia como unha entelequia moi afastada do seu día a día cando é todo o contrario. A ciencia é o motor que impulsa a nosa sociedade, teléfonos moviles, internet, etc. Se a ciencia non é ben explicada e comunicada, de repente se converte en algo moi complicado, difícil de comprender que te pode facer sentir “tonto”. E ninguén quere sentirse así! Por iso, moita xente tórnase anti-ciencia, porque se algo se explica en termos tan complicados ten que ser que é porque se están a ocultar cousas, non se quere que a xente comprenda. E esta desconfianza está alimentada por certos políticos e governos que o empregan como unha ferramenta para inspirar medo e obter votos. Dende a miña perspectiva, a solución pasa por incluir a divulgación científica como parte da educación que recibimos dende unha idade moi temperá. A maiores, parte do adestramento que os científic@s recibimos debería incluír comunicación científica. Eu comprendo que moit@s científic@s non fagan divulgación, é complicado pór nunha linguaxe simple algunas das cousas altamente especializadas que facemos, e por riba, non se nos paga por facelo, a maioría facémolo “por amor á arte”. Se comezamos a incluir ciencia como un sinónimo das cousas que nos rodean e fan avanzar a sociedade, e facilitamos que a divulgación científica se faga de xeito rutinario, entón o noso futuro como sociedade será moito máis positivo.

1 comentario

  1. Super interesante, gracias? Hay que luchar para que los gobiernos iviertan en investigación ? Y qué nuestro@ talento no se marchen por falta de inversión, todos nuestros talentos ,que son muchos los que se fueron….. Ésto tiene que cambiar, no es normal? ¿Que clase de políticos tenemos?…..perdonar por las gatas de octografia… Fui muy poco a la escuela… gracias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Creada a primeira base de datos sobre o impacto das plantas invasoras en Europa

Investigadores do CSIC participan na plataforma Plantimpactseurope, que inclúe información de 104 especies de 29 países europeos

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

Velutinas, porco vietnamita, cangrexo vermello… Así chegan a Galicia as especies invasoras

María José Servia, investigadora da UDC, augura novos exemplares “co foco poco posto nos himenópteros: avespas, formigas e abellas”