Venres 19 Abril 2024

GCiencia recibe na Coruña o Premio Prismas de divulgación

O acto de entrega do galardón, un dos máis prestixiosos no panorama da divulgación científica, celebrouse no salón de plenos de María Pita

O salón de plenos do Concello da Coruña, na praza de María Pita, acolleu este sábado a entrega da 32ª edición dos Premios Prismas á Divulgación, que outorgan os Museos Científicos Coruñeses, e que están valorados como un dos principais galardóns do eido a nivel estatal. O portal GCiencia foi un dos galardoados, na categoría de Novos Medios. Os seus directores, Pablo López e Eduardo Rolland, recolleron o galardón de mans do xurado, cuxo fallo valorou o xurado por combinar “xornalismo e divulgación científica desde Galicia, cunha linguaxe amena, popular e rigorosa, comentando con regularidade todas as noticias máis importantes que se producen no mundo da ciencia”. A entrega estivo presidida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Foto de familia dos galardoados, o xurado e as autoridades participantes na entrega dos Prismas 2019.
Foto de familia dos galardoados, o xurado e as autoridades participantes na entrega dos Prismas 2019.

Xunto a GCiencia, outro premio con acento galego foi o dedicado ao mellor libro de divulgación científica, que recoñece ao profesor da Universidade de Santiago José Edelstein, coautor xunto a Andrés Gomberoff da obra “Einstein para perplejos. Materia, energía, luz, espacio y tiempo”, editado por Debate Libros.

Publicidade

O premio ao mellor vídeo foi para “Desextinció: revivir una especie”, emitido en TV3. Esta reportaxe foi realizada por Pere Renom e Cari Pardo, e dirixido por Jaume Vilalta.

O Prisma ao mellor texto orixinal e inédito foi concedido a “La trastienda de la ciencia”, escrito de Miguel Ángel Sabadell. E o Prisma ao mellor artigo xornalístico foi para “No, el ser humano no se está volviendo más tonto”, de Sergio Ferrer, publicado na Axencia SINC.

O Prisma á mellor peza de radio foi gañado por “Ciencia Extrema: del Amazonas a la Antártida”, de Ciencia Cruda. E a obra, “El enigma Agustina” que conta a ciencia en forma de radio, cine e tratro, recibiu o premio ao mellor proxecto singular,

Pola súa parte, o Prisma Especial do Xurado foi por unanimidade para Rafael Bachiller García, investigador especialista en astronomía, polo “seu gran prestixio internacional, múltiples apoios e recoñecida capacidade de divulgar”.

O xurado dos Premios Prismas estivo presidido por Lluis Montoliu, investigador científico do CSIC, e composto polos seguintes membros: Esther Rodríguez Belmonte, profesora titular da Universidade da Coruña; María José Rodríguez Malmierca, responsable de eLearning no Centro de Supercomputación de Galicia; Javier Salas Quesada, xornalista científico en Materia; Marta Palomo de Udaeta, investigadora e comunicadora científica, e César López García, responsable da unidade Fomento da cultura científica da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT)

Antes do acto de entrega, a Domus acolleu a presentación de cada un dos proxectos gañadores, a cargo dos seus responsables. A xornada dos Prismas pechou as celebracións da Semana da Ciencia nos museos coruñeses, que acolleron durante estes días diversas actividades de divulgación, ademais de abrir as portas de balde ao público.

GCiencia, que cumpre a finais de novembro seis anos de traxectoria, naceu en 2013 como un desafío á dobre crise da economía e dos medios de comunicación, cun proxecto esencialmente xornalístico. Coa vocación de facer divulgación científica a través do xornalismo, o portal da ciencia galega é na actualidade un medio capaz de atraer a 360.000 usuarios únicos mensuais, cun tráfico superior aos dous millóns de páxinas vistas.

Estas cifras, sumadas ao seu crecente impacto en redes sociais, fan de GCiencia, a pesar do seu carácter non xeneralista, o nativo dixital máis lido de Galicia e o quinto do total da comunidade autónoma, incluídos os tradicionais de información xeral con versión en papel.

Nestes seis anos GCiencia tamén se converteu nun activo axente de divulgación científica a través de distintos medios, como conferencias, obradoiros para nenos, exposicións, publicacións en papel ou convocatorias de premios.

Ademais, ao longo da súa traxectoria GCiencia logrou o Premio de Xornalismo Dixital do Foro da Comunicación de Galicia (2015), o Premio Galicia de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias (2017), o Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores de Normalización dá Lingua (2019) e o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña (2019), ademais de resultar finalista dos Premios da Crítica de Galicia ou da feira de actividades culturais Culturgal. Agora, o premio Prismas engádese a esta lista de recoñecementos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

O planetario da Casa das Ciencias estrea unha proxección para público infantil

Un filme con dous esquíos como protagonistas ensinaralle os nenos de 4 a 7 anos as condicións de vida doutros planetas do sistema solar

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas