Queik foi atopado xunto a outro exemplar na costa do Alentejo. Imaxe: Cemma.

Queik foi atopado xunto a outro exemplar na costa do Alentejo. Imaxe: Cemma.

Queik, o arroaz que ’emigrou’ de Galicia ao Alentejo

Grazas a un sistema de identificación, científicos portugueses notifican á Cemma da presenza nas súas costas dun exemplar catalogado en Galicia

O arroaz Queik, un Tursiops truncatus duns 25 anos de idade, é un vello coñecido da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma). No ano 2004, mentras a entidade realizaba o seu catálogo anual, rexistraron a un exemplar con grandes amputacións no bordo posterior da súa aleta, o que indicaba que a súa vida non fóra sinxela. Identificárono coa técnica Foto-ID, que consiste na recollida de imaxes fotográficas das aletas dorsais dos arroaces para desenvolver un traballo de rexistro e catalogación. Posteriormente, estas mostras serven para facilitar as campañas de seguimento.

Nos 11 anos seguintes, Queik foi detectado ata 40 veces entre as rías de Vigo e Arousa, viaxando nunha manda de entre 15 e 30 exemplares. Polo seu comportamento, foi catalogado como arroaz resistente (aqueles que fican nun mesmo lugar durante moito tempo).

Porén, a última vez que a Cemma tivo noticias de Queik foi o 19 de febreiro de 2015 fronte á praia de Cabío, na Pobra do Caramiñal. É posible que se movera durante algún tempo máis polas costas galegas, pero como sinalan desde a entidade, a falta de financiamento para as campañas do seu barco Toniña Un, con base no porto de Vigo, impediu realizar as actividades de seguimento fóra desta ría.

Queik foi atopado xunto a outro exemplar na costa do Alentejo. Imaxe: Cemma.

Queik foi atopado xunto a outro exemplar na costa do Alentejo. Imaxe: Cemma.

Pero Queik reapareceu tres anos despois nun lugar pouco esperado. A comezos de xullo, científicos da Sociedade Portuguesa para a Vida Selvagem contactaron coa Cemma para comunicar a presenza deste arroaz, xunto a outro exemplar, na costa do Alentejo, ao sur de Lisboa. Ata agora non se certificara a viaxe dun arroaz tan ao sur, cun percorrido de máis de 500 quilómetros.

Esta é a novidade que supón a viaxe de Queik. Mediante a metodoloxía Foto-ID, segundo explica a Cemma, xa se tiñan identificado movementos dos arroaces entre diferentes rías, o norte e o sur de Galicia e mesmo ata Euskadi. En Portugal xa se detectara outro exemplar, Gaspar, que aparecera en Aveiro.

A presenza de mandas estables de arroaces na costa alentejana non é habitual, polo que a visita de Queik e o seu compañeiro de viaxe – ao que se está intentando identificar – chamou á atención.

Desde o ano 2000, a Cemma realiza estas campañas, para as que conta con autorización desde 1997. Nestes 18 anos, a entidade realizou xa a identificación de 500 aletas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.