Venres 19 Abril 2024

Científicos logran o fito histórico de criar polbo de acuicultura

O polbo á feira ‘de piscifactoría’ está máis preto que nunca. Un grupo de científicos vai revolucionar o mundo da acuicultura tras conseguir o cultivo completo deste prezado cefalópodo dende a súa fase larvaria ata a súa comercialización final como adulto. E a multinacional Pescanova vai facerse coa patente, que nas probas realizadas alcanza un éxito de supervivencia de ata o 90 por cento, cando ata hai pouco tempo era de apenas o 3 por cento.

Os resultados das probas xa realizadas son “espectaculares“, segundo o califican fontes do proxecto consultadas por GCiencia. E o novo sistema patentado soluciona o que os científicos chamaban o ‘bottleneck’, o funil no que fracasaban os sistemas empregados ata o de agora: a morte na fase larvaria, durante os 60 ou 70 días nos que o cefalópodo vive na columna de auga antes de asentarse na vida bentónica.

Publicidade

O novo protocolo patentado fixo ‘cambios revolucionarios’ que se saldan con éxito

Para conseguir estes avances, a nova patente fixo “cambios revolucionarios“. Mudaron moitas das condicións nas que se facía a cría con anterioridade. E as probas comerciais do novo sistema tiveron tal éxito que se espera un anuncio inminente, que probablemente chegará nas vindeiras semanas a través de Pescanova. As consecuencias de producir polbo de acuicultura poden supoñer toda unha revolución económica, porque afecta á produción dunha das especies máis demandadas do mercado, cando precisamente vén de pasar por un tempada de escaseza e elevados prezos.

Despois de decenios de investigación e de “colos de botella” que parecían insuperables, conseguiuse reducir a mortalidade das crías de polbo común (Octopus vulgaris) ata facer rendible a súa produción e comercialización. Ata o de agora, o cultivo en catividade do polbo só era posible en instalacións de crecemento e engorde, pero sempre a partir de crías capturadas no mar.

Proxectos anteriores

Non en tanto, os avances dos últimos anos en proxectos distintos á patente actual foron achegando cada vez máis o fito. Así, en xaneiro deste ano, os investigadores do proxecto Octowelf, no que participan IEO, CSIC e as universidades de Vigo, Granada e La Laguna, anunciaron que conseguiran “porcentaxes de supervivencia superiores aos obtidos en estudos previos, mediante novas técnicas de cultivo e alimentación”, segundo informou naquel momento o Oceanográfico de Vigo.

Do mesmo xeito, acadouse “un crecemento notable destas larvas, o que permitu que estas inicien a fase de asentamento, que ten lugar cando a paralarva deixa a vida plantónica (nadando libremente) e entra na fase bentónica, vivindo no fondo mariño, onde desenvolven a fase xuvenil e adulta”. Agora, os resultados conseguidos coa patente deste novo proxecto, alleo a Octowelf, destinados á produción comercial son aínda máis positivos.

Tras do éxito da investigación anunciada en xaneiro polo IEO, o investigador deste organismo Pedro Domingues xa provocou un balbordo o pasado 10 de outubro cando no foro ACUI celebrado no Grove dixo: “Desta vai, sen ningunha dúbida”. Tras asegurar que tiñan “resultados espectaculares” despois de cambiar o protocolo de cultivo de xeito radical. Pero o científico tivo que morder a lingua “para non falar de algo que non podo falar”.

Pero o éxito é tan grande que o converte tamén nunha nova científica de impacto. De feito, GCiencia puido saber que se prepara unha importante presentación deste fito histórico nas próximas semanas. Todo apunta a Pescanova, que tamén leva meses realizando probas con este protocolo patentado para comprobar a súa viabilidade comercial.

Así que o polbo á feira ‘de piscifactoría’ pode ser unha realidade moi pronto. E revolucionar o mercado e a economía de Galicia.

Unha carreira de obstáculos

As elevadas taxas de crecemento e fecundidade e o seu curto ciclo de vida, ademáis da súa importancia gastronómica e as súas propiedades nutritivas, converten ao polbo común nun candidato ideal para o cultivo comercial. Porén ata o de agora, as súas necesidades alimentarias durante as primeiras fases de crecemento só se podían conseguir no medio natural: non era posible producir a gran escala un alimento que fose efectivo para dar de comer aos milleiros de paralarvas dunha planta acuícola, o que reducía moito a supervivencia na transición da fase plantónica á bentónica.

O máis que se conseguira ata agora foi a comercialización de exemplares engordados tras ser capturados no mar. E tamén se conseguira desenvolver o cultivo pero doutras especies, como o polbo vermello (Octopus maya) en México, xa que o seu ciclo vital ofrecía menos obstáculos no paso da fase larvaria á xuvenil. Porén, esta especie ten unha fecundidade moito máis baixa que o Vulgaris, polo que o seu cultivo comercial é moito menos rendible.

9 COMENTÁRIOS

  1. Hace años que una empresa andaluza, Andalmar Biotech, S.L avanzó en muchos aspectos de la reproducción de pulpo así como su engorde en cautividad , garantizando la supervivencia y el alto crecimiento ,de hecho tiene dos patentes publicadas y aprobadas sobre el pulpo

  2. Estralampa, el rodaballo, el langostino, el salmón,el besugo… Exactamente todas las especies de acuicultura han servido para aliviar la exploración pesquera. Simplemente se cubre una demanda de otra manera . No solo eso, han conseguido productos asequibles para el consumidor medio. Otra cosa ya es la calidad de esos productos, su seguridad alimentaria y la contaminación que la acuicultura provoca… Por no hablar de bienestar animal, etc.

    • Calidad de los productos acuícolas: superior a la de los pesqueros, porque la acuicultura monitoriza la calidad de agua (la pesca no), de la comida (la pesca no) y las enfermedades (la pesca no- anisakis). Seguirdad alimentaria del producto acuícola: superior a la de la pesca (véase lo anterior). Contaminación provocada por la acuicultura: infinitamente menor que la de la pesca, que extingue cientos de especies, el arrastre que arrasa fondos marinos, residuos peligrosos como redes, gasoil, plásticos, artes de pesca, por no hablar de guerras (fletán, Somalia), contrabando y pesca pirata…

  3. Carles Nicolau, agradeço um só exemplo de espécie de interesse comercial à que a piscicultura tivesse contribuído a aliviar a exploração extractiva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte