“O glifosato afecta o sistema nervioso de humanos, roedores, peixes e invertebrados”

Tres investigadores da UVigo acreditan a neurotoxicidade do herbicida máis usado no mundo nunha revisión sistemática dos estudos da última década

O glifosato, comercializado por empresas como Monsanto, utilízase como herbicida en vías públicas, terreos privados e cultivos agrícolas.
O glifosato, comercializado por empresas como Monsanto, utilízase como herbicida en vías públicas, terreos privados e cultivos agrícolas.

O glifosato é o herbicida máis utilizado no mundo e tamén un dos máis controvertidos. A súa probada toxicidade e potencial risco para a saúde humana e animal, a declaración de produto “probablemente canceríxeno” pola OMS en 2015, avalada cun informe da súa Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), ou a súa acreditada permanencia de días e ata meses no medio ambiente non impiden un uso intensivo e a gran escala deste produto.

O conflito de intereses está servido. A industria e axencias reguladoras europeas e americanas matizan, á baixa, a toxicidade do glifosato e os seus efectos sobre a saúde e o medio ambiente. Pola súa banda, a ciencia tenta demostrar ata que punto o glifosato é lesivo para as persoas, os animais, a calidade das augas ou a biodiversidade.

É esta realidade a que levou os investigadores Carmen Costas, Lilian Ferreira Rafael Durán do departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo (UVigo), a facer unha revisión sistemática da literatura científica sobre o tema co fin de unificar os resultados dos estudos da última década sobre os efectos do glifosato e as súas formulacións comerciais na saúde animal. A revisión foi publicada no International Journal of Molecular Sciencies.

Investigacións proban a corelación entre o glifosato e certos tipo de autismos

“Centrámonos no sistema nervioso porque non había unha revisión sistemática neste campo, como si noutros: cancro, hormonas…” explica Lilian Ferreira, coautora dunha revisión que deixa constancia do potencial neurotóxico do glifosato, que pode causar alteracións importantes na estrutura e función do sistema nervioso de humanos, roedores, peixes e invertebrados.

Tres factores determinan a revisión: o feito de que o laboratorio no que traballan os investigadores da UVigo estuda desde hai anos a toxicidade de distintos pesticidas; que o glifosato sexa o pesticida máis utilizado no mundo e as discrepancias que hai entre o eixo axencias reguladoras-empresa e as evidencias científicas.

Axencias como a EPA (Environment Protection Agency) de Estados Unidos sinala que son necesarias cantidades moi grandes de exposición ao glifosato para que sexa daniño: máis de 600 mg/Kg ao día. Unha cantidade que, tal como explica Lilian Ferreira “contradí o traballo experimental e a literatura científica, que constata efectos nocivos en doses moito menores”. Achegar luz a estas discrepancias, poñendo o foco nos efectos sobre o sistema nervioso guía a revisión.

Efectos acreditados

O traballo realizado por Costas, Ferreira e Durán apunta a que a exposición ao glifosato ou as súas formulacións comerciais induce varios efectos neurolóxicos. Queda acreditado que a exposición a este herbicida nas primeiras etapas da vida pode afectar seriamente o desenvolvemento normal das células ao desregular algunhas das vías de sinalización involucradas neste proceso, o que leva a alteracións na diferenciación, o crecemento das neuronas e a melificación.

O glifosato tamén exerce un importante efecto tóxico sobre a neurotransmisión e pode impulsar o estrés oxidativo, desinflamación e disfunción mitocondrial, procesos que conducen á morte das neuronas e á aparición de trastornos da conduta e motores.

En decembro de 2022 finaliza a prórroga para o uso do herbicida na UE

A literatura científica non se pon de acordo en cales son as doses de glifosato precisas para causar estes efectos neurotóxicos, no que si concorda é en subliñar que son inferiores aos límites establecidos polas distintas axencias reguladoras.

Non se pode obviar, indica Lilian Ferreira, investigacións que proban a corelación entre a exposición ao pesticida e enfermidades como o párkinson, ou co desenvolvemento de certos tipos de autismo en poboación que vive preto de áreas de cultivo tratadas con glifosato (granxas, aldeas rurais, etc.).

A revisión e tamén un convite a seguir profundando na investigación dos efectos do glifosato.

Cuestionado

O glifosato foi introducido no mercado, baixo a marca Roundup, en 1974 pola compañía norteamericana Monsanto —adquirida por Bayer en 2016— para o control de malezas na agricultura.

A investigación científica, a crecente conciencia ecoloxista, a opinión pública e a mobilización social tecen unha crecente oposición ao glifosato, cuxo uso está xa prohibido en Austria e nalgunhas rexións de Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, España, Nova Zelandia, Eslovenia, Malta ou Suíza e restrinxiuse en varios países entre eles Francia, Bélxica, Dinamarca ou Portugal. Precisamente en decembro de 2022 finaliza a prórroga concedida pola Unión Europea (UE) para o uso deste herbicida nos estados membros.


Referencia: Toxic Effects of Glyphosate on the Nervous System: A Systematic Review (Publicado en International Journal of Molecular Sciences)

1 comentario

  1. Correlación non é causalidade.
    Os informes non son concluíntes.
    Mais non perdamos un bo clickbait. Lamentábel

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.