Venres 19 Abril 2024

Cal é a relación entre coronavirus e cancro? Un equipo galego acha novas evidencias

Un estudo liderado polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago atopa un posible vínculo xenético entre as dúas doenzas

O SARS-CoV-2 aínda é un gran descoñecido. Polo menos, dende o punto de vista científico. Investigadores de todo o mundo seguen afanados en atopar respostas e mellorar o coñecemento sobre un virus que revolucionou o mundo. Sen ir máis lonxe, un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) vén de publicar un estudo que suxire que o SARS-CoV-2 podería actuar como un oncovirus. É dicir, podería ter a capacidade de producir ou axudar a desenvolver tumores. O artigo, publicado na revista Journal of Infection, detalla as evidencias moleculares que atopou o equipo galego, mostrando a posible relación xenética entre a infección da covid e o cancro.

“O noso estudo non está pechado nin temos a evidencia definitiva, pero ábrese unha liña o suficientemente relevante como para seguir investigando”, explica Antonio Salas Ellacuriaga, asinante do estudo xunto con Federico Martinón-Torres e Alberto Gómez Carballa. O xenetista galego, que apela á prudencia e fai fincapé en que se trata dun tema sensible, asegura que esta non é a primeira vez que se fala dos virus oncoxénicos. “Hai moitos. Talvez o máis coñecido é o do papiloma. Tamén o de Epstein-Barr, a da Hepatite B, o herpes…”, enumera o investigador. Segundo continúa explicando, hai moitos virus que teñen esa capacidade de producir ou axudar a desenvolver cancros, pero non todos.

Publicidade

A proteína p53, unha das claves

“Un tumor non se xera nunha semana nin nun mes. Leva tempo. Por iso, tratamos de averiguar que pasaría naqueles casos onde hai unha infección persistente“, di Salas, recordando a premisa da que partiu a investigación. De todas formas, o científico galego incide en que eles son un equipo de xenetistas e, polo tanto, achegan unha visión moi concreta que debería ser complementada dende a oncoloxía. O que eles estudaron en concreto foi a proteína p53, da que o xene TP53 é o seu responsable. “É unha proteína oncosupresora. É dicir, funciona como un elemento que está nas células vixiando que a situación non se descontrole”, apunta Salas. E engade: “p53 está involucrada en moitos procesos tumorais. De feito, sabemos que unha das ferramentas que empregan moitos virus oncoxénicos é a alteración desta proteína”.

Partindo desa base, o equipo de Santiago, en colaboración co grupo Gen-Covid e o Imperial College de Londres, tratou de averiguar que pasaba no caso do SARS-CoV-2. E descubriron que a proteína p53 tamén estaba alterada neste caso. “Podería estalo pola propia infección ou por un proceso que pode derivar en tumor?”, pregúntase Salas. “Sabemos que hai mecanismos básicos da infección que son capaces de alterar o ciclo celular. É obvio, o virus quere empregar toda esa maquinaria en beneficio propio”, continúa detallando o científico. Porén, esa alteración da proteína iba máis alá e descubriron que non era propia, unicamente, da infección aguda. “Nese tipo de paciente persistía, co paso do tempo, a diminución e a inhibición de p53. E iso, en principio, é o que nos indica que podería ter consecuencias no desenvolvemento dun tumor”, recalca o investigador do IDIS.

A covid, novo factor de risco?

Seguindo esta hipótese, o SARS-CoV-2 podería ser un factor de risco cando se fala de cancro. Pero queda moito traballo de investigación por diante ata ser capaces de facer afirmacións contundentes ao respecto. “Imaxinemos un escenario no que hai un paciente cun cancro de pulmón e, ademais, ten covid. Ata que punto a infección podería axudar ou contribuír ao desenvolvemento do tumor? De momento, non temos a resposta”, aclara Salas. O investigador recorda que hai moitísimas mutacións que predispoñen a presentar tumores. Algunhas supoñen un risco pequeno e outras, un moi elevado. “Por exemplo, o tabaco no cancro de pulmón ou a exposición solar no melanoma”, indica o científico do IDIS. Con todo, non se pode valorar aínda que papel desenvolvería o SARS-CoV-2 como factor de risco. “Só consideramos a posibilidade de que a infección axude ou contribúa ao desenvolvemento do tumor, estea nas fases iniciais ou xa establecido”, recorda o investigador.

“O mellor escenario sería que as nosas evidencias non conduzan a ningunha parte”

ANTONIO SALAS, investigador do IDIS

De confirmarse a hipótese que formulan dende o IDIS, habería un “impacto enorme” sobre a saúde. “Todo o que implique engadir un axente de risco de cancro non é algo ben recibido. Máis aínda nun contexto pandémico, cun virus circulando por todo o mundo”, matiza. De feito, Salas expresa con contundencia que un dos seus desexos é que as hipóteses que eles poñen sobre a mesa non sexan certas. É dicir, que as evidencias que eles atoparon non conduzan a ningunha parte. “Ese sería o mellor escenario posible”, engade. Se isto non ocorrera e, por tanto, se demostrara a capacidade oncoxénica do coronavirus, habería que estudar que impacto real ten o SARS-CoV-2. “Habería que calibrar o seu efecto. Se inflúe tanto como o tabaco, se é máis ben como a contaminación nas rúas… Aínda así, oxalá veña alguén mañá a dicir que o que nós expoñemos é algo erróneo”, volve dicir Salas.

O experto do IDIS reclama, por tanto, máis investigación. Eles levaron a cabo tres estudos con pacientes sans e infectados con diferentes niveis de gravidade. Pero non hai suficiente evidencia científica como para facer afirmacións contundentes. “Nós continuaremos nesta liña na medida en que teñamos datos do noso ámbito, que é a xenética”, explica. Pero este campo concreto, o da relación entre coronavrius e cancro, non é o único sobre o que están a poñer a atención. “Hai moitas outras patoloxías que nos interesan en relación á covid, porque está relacionada cun espectro moi amplo de afeccións: as neurolóxicas, as xinecolóxicas…”, apunta Salas, non sen antes volver recordar o seu desexo de que a ciencia, a investigación, negue as máis recentes evidencias entre coronavirus e cancro.


Referencia: Is SARS-CoV-2 an oncogenic virus? (Publicado en Journal of Infection)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor