Venres 19 Abril 2024

Vehículos microscópicos para gañarlle a carreira ao cancro

O proxecto Nanoevers, financiado polo programa Ignicia, desenvolve desde Galicia moléculas que facilitan o traballo de diversos fármacos

No ámbito da loita contra ou cancro, xorden distintas ramas da innovación que buscan solucións alternativas. A medicina personalizada é un exemplo disto; consiste na adaptación do tratamento médico ás características individuais de cada paciente. Baixo este prisma xorde, no ano 2013, o proxecto “Nanoevers, solucións para a medicina personalizada“, no eido do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) de Santiago de Compostela. Trátase do resultado dun equipo de investigadores liderado pola doutora María de la Fuente Freire, e formado por Rafael López López, Abi Judit Vázquez Ríos, Ana Belén Dávila Ibañez e Gloria García López.

Nanosistemas como aplicación da medicina personalizada

No laboratorio desenvólvese unha tecnoloxía propia: un novo tipo de nanosistemas moi biocompatibles e versátiles, que permiten asociar distintos tipos de moléculas terapéuticas e actuar como vehículo de fármacos. Ademais, os materiais que se utilizan son baratos, seguros e sinxelos de producir, de maneira que se adapten ao proceso de industrialización.

Publicidade

Segundo de la Fuente, agora mesmo hai moléculas moi potentes como péptidos, proteínas e ácidos nucleicos que non se poden administrar soas porque non serían efectivas. “Nanoevers ofrece unha oportunidade a todas estas moléculas que necesitan un vehículo para poder ser trasladadas á clínica”, aclara a doutora.

“Nanoevers ofrece unha oportunidadae ás moléculas que precisan dun vehículo para o seu traslado á clínica”

Os nanosistemas permiten facer chegar os fármacos ao seu lugar de máxima efectividade: “Apostamos por terapias novas máis eficientes baseados en moléculas non convencionais”. O equipo tiña unha folla de roteiro moi clara: traballar para traslación, de xeito que ou seu proxecto tivese aplicación para o beneficio último dos pacientes.

Triple aplicación

Algúns grupos de investigación ou farmacéuticos teñen moléculas terapéuticas con moito potencial, pero existen factores que limitan a súa translación. Neste sentido, Nanoevers busca ofrecer solucións baixo demanda que cubran este tipo de problemas, dotando a estas moléculas dun vehículo que facilite a súa asimilación.

Co obxectivo de estender esta tecnoloxía aos laboratorios de investigación, póñense en marcha uns kits de nanodelivery, previamente definidos e con produtos empaquetados. Deste xeito, os laboratorios ou farmacéuticas que queran probar a tecnoloxía poden facelo sen necesidade de interacción, simplemente adquirindo un kit e aplicándoa pola súa conta.

Xunto a estas dúas metas súmase unha a longo prazo relacionada co I+D+i: o desenvolvemento de nanomedicamentos cara á aplicación clínica para a resolución de necesidades que non están cubertas. “Agora mesmo estamos a facer probas de concepto sólidas e robustas en modelos preclínicos, pero para realmente chegar á clínica hai que entrar en temas regulatorios e estatísticos”, explica de la Fuente.

A participación na convocatoria IGNICIA

O proxecto acadou en marzo deste ano medio millón de euros de financiamento do programa Ignicia, da Academia Galega de Innovación (GAIN), cuxo obxectivo é apoiar a transferencia da investigación xerada nos centros de investigación ao mercado.

De la Fuente define a participación na convocatoria como “clave” para impulsar a translación da súa tecnoloxía ao mercado: “Participar supuxo un cambio de perspectiva importante e o comezo dunha forma de traballo máis dirixida cara ao produto, así como a incorporación de recursos humanos máis profesionais e con experiencia”.

A colaboración permite cubrir unha serie de necesidades que, segundo palabras da doutora, doutra maneira sería imposible, como estudos de patentabilidad e de regulatoria. A doutora explica que non hai outras convocatorias que apoien este tipo de proxectos, e que é clave cubrir estas necesidades para acadar o seu obxectivo: trasladar a tecnoloxía ao mercado para que a sociedade poda beneficiarse da investigación xerada arredor dela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero

Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade

A investigadora Cristina Candal presenta un traballo pioneiro sobre mala praxe científica

A tese inclúe a descrición das "paper mills", é dicir, organizacións ilegais que fabrican artigos para a súa venda