Tecnoloxía ao servizo directo da mellora da calidade de vida das persoas. Esta é a proposta que están desenvolvendo en ACE, proxecto nacido da colaboración de Gradiant e a Fundación Biomédica Galicia Sur. A iniciativa propón unha aplicación a través da cal analizar feridas crónicas para, co apoio do persoal sanitario, realizar unha recomendación de tratamento. Unha ferramenta especialmente útil cando a persoa encargada da cura é un ou unha profesional sen formación especializada neste tipo de lesións.
Este sistema está adestrado mediante técnicas de deep learning, que posibilitan a análise en profundidade de miles de imaxes para recoñecer unha serie de patróns nas feridas. Isto, xunto cunha serie de preguntas á persoa que estea tratando a lesión, serve para estimar cales serían os procedementos idóneos para a cura e, así, axilizar a recuperación do paciente.
No desenvolvemento do proxecto tivo un papel esencial o apoio do Programa Ignicia, que busca promover a transferencia de tecnoloxía. Grazas ao soporte e á subvención recibidas desta iniciativa da Axencia Galega de Innovación estase a levar a aplicación a estado comercial. Prevese que este apoio derive na constitución dunha spin-off en agosto de 2025.
Como xurde o proxecto
A orixe de ACE, acrónimo de Advanced Cutaneous Evaluator ou avaliador cutáneo avanzado, remóntase a 2017. Foi entón cando José Manuel Rosendo, enfermeiro referente no tratamento de feridas crónicas do hospital Montecelo de Pontevedra, se pon en contacto con Gradiant e coa Fundación Biomédica Galicia Sur. Cóntalles a súa experiencia de moitos anos traballando con este tipo de úlceras cutáneas, un tipo concreto de lesións que dura máis de seis semanas e poden alargarse meses. Danse, polo xeral, en persoas cun perfil de idade avanzada e polimedicación, con máis dunha patoloxía e problemas nutricionais ou de mobilidade.
Estas feridas requiren habitualmente dun tratamento en entorno húmido, que replica o contexto de curación natural do corpo. Pero para isto hai distintas ferramentas e produtos, o que para persoal non especializado pode xerar incertezas ou dúbidas sobre o mellor enfoque. Rosendo, a quen frecuentemente lle facían consultas sobre estas feridas, propón a posibilidade de utilizar tecnoloxía para solucionar este problema mediante un sistema de soporte á decisión. Así se pon a primeira pedra para o proxecto actual de ACE.
“Empezaron a traballar nun sistema de intelixencia artificial”, lembra o seu CEO, Óscar Pérez García, “de modo que ti co teu dispositivo móbil fas unha foto da ferida. Hai unha rede neuronal que clasifica o tecido”, que foi adestrada con miles de imaxes doutras lesións semellantes, xa tratadas e cos distintos tipos de tecido identificado. Esta establece que tipo de tecido en concreto ten a ferida, porque as diferencias van supoñer cambios na abordaxe de cada caso. “Fan dúas ou tres preguntas ao profesional, porque hai cousas que co móbil non podemos percibir”. É o caso, por exemplo, do olor, que pode chegar a converterse nun problema psicosocial para a persoa afectada.
Comparación con miles de imaxes
“Empezaron a traballar nun sistema de intelixencia artificial”, lembra o seu CEO, Óscar Pérez García, “de modo que ti co teu dispositivo móbil fas unha foto da ferida. Hai unha rede neuronal que clasifica o tecido”, que foi adestrada con miles de imaxes doutras lesións semellantes, xa tratadas e cos distintos tipos de tecido identificado. Esta establece que tipo de tecido en concreto ten a ferida, porque as diferencias van supoñer cambios na abordaxe de cada caso. “Fan dúas ou tres preguntas ao profesional, porque hai cousas que co móbil non podemos percibir”. É o caso, por exemplo, do cheiro, que pode chegar a converterse nun problema psicosocial para a persoa afectada.
Tratamento á carta
Co que detecta o sistema de intelixencia artificial, a clasificación de tecidos e as preguntas, a aplicación fai unha serie de recomendacións de decisión clínica en base ao catálogo de produtos a disposición do persoal. “Neste caso estamos a traballar co Sergas, pero o día de mañá, cando saiamos da contorna de Galicia, se é nacional ou internacionalmente, a solución adáptase para o produto ou produtos que teñan dispoñibles”.
Todo o procedemento é áxil e sinxelo: o persoal recibe á persoa con esa ferida e, como primeiro paso, a limpa. Abre a aplicación no móbil ou tablet que leve consigo e fai unha fotografía que se sube ao sistema. Este devólvelle dúas ou tres preguntas, en función de cada caso, e realiza a recomendación de tratamento ao ou á profesional da sanidade, que por suposto será quen teña a última palabra sobre como proceder. En total: un minuto ou minuto e medio. Todo respectando o anonimato da persoa á que se está tratando.
O CEO de ACE destaca as posibilidades que a aplicación abre para aquelas persoas sen experiencia concreta en feridas crónicas. Especialmente para cando atendan en visitas domiciliarias ou traballen en puntos máis remotos da xeografía, onde é máis complicado ter o soporte dun enfermeiro Rosendo, alguén con maior pericia que oriente sobre como proceder. “Dáslle ese coñecemento experto que, por falta de anos de experiencia ou porque non tivo exposición a este perfil de paciente ou de ferida, suple automaticamente o sistema”.
Seguintes pasos
Segundo explica Pérez García, “a ferramenta está practicamente lista para o que se chama o MVP, o mínimo produto viable”. Agora comezarían coa parte de certificacións necesarias do sistema de calidade. “Todo este proceso de montar o sistema, pedir toda a documentación, os rexistros, as licencias, é onde nos va a levar toda esta subvención, ademais de, por suposto, a validación técnica como tal do produto”, destaca o CEO.
Outro dos elementos esenciais nestas fases a curto prazo é a validación clínica, o ensaio que levarán a cabo coa fundación. “O que vai a facer é, cunha serie de pacientes, contrastar que o resultado ou a recomendación da nosa ferramenta é compatible cun conxunto de expertos. É dicir: ten sentido o que estamos recomendando? E segundo: cal é o impacto? Cal é a mellora?”. Da resposta positiva que se prevé nestas fases nacerá a spin-off.
A previsión é que se adianten semanas de tempo de curación, algo que supón un aforro en termos de material empregado e de tempo de profesionais pero, sobre todo, de benestar para a persoa afectada. Ao final, é todo tan sinxelo como tecnoloxía que axuda a curar feridas máis rápido: un exemplo perfecto de transferencia en favor da sociedade.