Lot of Sotavento Canned Products
Lot of Sotavento Canned Products

Sotavento: conserva artesanal con peixe de proximidade

Nun sector dirixido tradicionalmente por homes como o conserveiro, aparece unha pequena empresa familiar levada só por mulleres

No Lugar de Nebra, no concello de Porto do Son, atopamos unha pequena conserveira. Sotavento é unha empresa familiar creada en 2016 para elaborar conservas artesás. Non é unha conserveira máis. Ten varias características que a diferenzan do resto das que podemos atopar en Galicia. A primeira é que aquí as conservas teñen un envasado artesanal e utilizando produtos case exclusivamente da súa proximidade. A segunda é que, tendo como ten Galicia unha tradición das mulleres traballando nas conserveiras, é estraño poder velas nos postos de mando. Conservas Sotavento é unha excepción, xa que tanto a dirección como a xerencia da empresa está composta na súa totalidade por mulleres. Por iso, o proxecto foi apoiado polo GALP Costa Sostible. A dirección da empresa está composta por unha licenciada en administración e dirección de empresas, e por unha especialista en dirección comercial. As irmás Eva González Lojo e Maika Pereira Lojo, que desde pequenas viron na súa casa como os seus pais envasaban todo tipo de produtos para garantir a súa conservación, decidiron levar ese coñecemento familiar ao mercado.

A nai de Eva e Maika xa se dedicara sempre ao mundo do peixe: primeiro como vendedora e despois traballando nas conserveiras da zona de Portosín. O que facía na conserveira trasladábao un pouco á casa. Entre ela e o seu marido facían conservas caseiras con peixe excedente que collían amigos seus coas súas embarcacións. Para poder tirar man delas ao longo do ano, metíanas en botes de conserva. A Eva, mentres estudaba fóra, mandábanlle conservas que compartía cos seus coñecidos e “a todo o mundo lle encantaban e preguntaban onde se podían comprar”. De tanto escoitar repetidamente esta mensaxe, Eva González fixo como traballo final da carreira “como montar unha conserveira”. Tras falar coa súa familia, decidiron que isto non quedaría só nos papeis da Universidade e animáronse a poñer este proxecto en marcha.

Os seus piares son: materia prima de peixes e mariscos adquiridos na súa contorna; envases de vidro para que o consumidor teña a oportunidade de ver a mercadoría, e o deseño. A utilización de cristal nas conservas non é unha elección arbitraria. O cristal permite mostrar o produto desde o primeiro momento, sen ter que esperar a abrilo para ver o contido. “Cremos que é importante saber que estas comprando, que aspecto ten a comida que vas adquirir”. Conta Eva que a artesanía está ligada ao cristal. Nos procesos de empacado, os produtos son colocados dentro dos envases. As latas permiten o uso de máquinas empacadoras, o cal axuda a mecanizar o proceso. En cambio, o cristal non permite, ata a data, o uso de maquinaria para envasar conservas. Por tanto, este envase require a delicadeza das mans artesás para colocar unha a unha as pezas dentro do envase.

Cada sardiña que envasan pasa ata catro veces polas súas mans antes de pechar os botes

Trátase dunha conserveira que traballa un volume moi pequeno. Isto permite elevar os niveis de calidade e ser moi esixente co que envasan. “Cada sardiña que vai nos nosos botes pasou 4 veces polas nosas mans. Non queda nunca un peixe en mal estado. Traballamos cunha materia prima súper fresca, pero incluso pezas que sexan mal tratadas, as rexeitamos”. Como é un produto artesanal, xa non entran nun mercado a gran escala, senón que buscan os lugares de delicatessen, onde polo nivel de prezo xa non necesitan escatimar. “Se empezas a tratar de aforrar custos, o resultado nota a diferenza. Usamos un aceite de oliva virxe extra, porque onde estamos colocados no mercado non necesitamos baixar o importe de venda”.

Teñen 14 especialidades nas súas conservas que se moven entre as liñas tradicionais (sardiña en aceite de oliva, algas ao natural, navallas…) e as máis innovadoras (mexillóns á salsa Sotavento, polbo ao allo), ademáis dun liña que veñen de sacar este ano de afumados (sardiña ou xureliños afumados). Os seus peixes levan a etiqueta de pesca quilómetro 0 MarGalaica, salvo no bacallau e nas cocochas.

A presenza da muller na dirección da empresa no mundo das conserveiras é algo que resulta moi chamativo. As grandes conserveiras galegas teñen século e medio de vida. O sector conserveiro sempre contou cun maioritario volume de man de obra feminina. Os pescadores faenaban e as súas mulleres traballaban na conserveira. Actualmente, o 80% do traballo nas conserveiras é realizado por mulleres, pero isto non se ve nos postos de dirección e xerencia. De feito, Eva González apunta que “sempre que imos ás feiras estamos rodeadas de homes”. En Conservas Sotavento non hai homes traballando de forma directa, aínda que Eva admite que as ideas do seu pai sempre as teñen “moi presentes”.

Tras case 4 anos desde que puxeron o proxecto en marcha, entenden que vai “amodo”, xa que é unha empresa a longo prazo. Foron conseguindo obxectivos que consideran incribles, como entrar no Club Gourmet de El Corte Inglés, porque as tendas delicatessen son o seu lugar de venda. No Nadal é cando chegan as mellores vendas, precisamente por esta condición de produto de consumo excepcional. Recoñecen que os beneficios aínda non son moi altos, pero a filosofía da empresa resulta innegociable. “Se agora empezamos a meter en lata sardiña de Marrocos con aceite de xirasol, xa non existiría Sotavento. De ir cambiando cousas, penso que só poden ser para ir a mellor”, sentenza a reponsable de produción desta conserveira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.