Venres 29 Marzo 2024

Un proxecto galego de luz ultravioleta como desinfectante do coronavirus

A empresa pontevedresa SETGA aplica a súa experiencia previa para aplicala na loita contra a pandemia

A loita contra os efectos da Covid-19 ten tantas frontes que a ciencia e a industria poden poñer en marcha alianzas insospeitadas para enfrontarse á pandemia. Dende a veterana empresa de iluminación SETGA, fincada desde hai 30 anos en Pontevedra, pronto viron a oportunidade de tratar de contribuír cos seus coñecementos técnicos a combater os efectos do coronavirus. Actualmente están en plena investigación do uso da luz  ultravioleta para  desinfectar EPIs, máscaras e outros obxectos que empregan os sanitarios na atención aos pacientes que contraen a enfermidade.

O proxecto  STERIONICS é un dos oito que foron seleccionados pola Axencia  Galega de  Innovación  (GAIN) da Xunta de Galicia entre as solucións innovadoras que expuxeron as empresas galegas para a loita contra esta pandemia. En total investiranse 750.000 euros para apoiar estas iniciativas. As propostas seleccionadas foron aquelas que obtiveron a mellor puntuación en aspectos como a viabilidade técnica e as súas posibilidades de acabar chegando ao mercado.

Publicidade

Vicente Alonso, enxeñeiro de  SETGA que coordina o proxecto, explica que a idea de poñelo en marcha xurdiu ao pouco tempo de desatarse a pandemia coa intención de que a empresa puidese aplicar o seu ‘know-how’ en materia de iluminación técnica a un sector que ata o momento lles resultaba alleo como o sanitario. “Evolucionamos desde a iluminación tradicional á tecnoloxía LED e vimos a posibilidade que había de aplicar estes coñecementos á desinfección de equipos sanitarios”, sinala Alonso.

As investigacións, nas que colabora o grupo de investigación de  Fotónica da Universidade de Santiago, consisten polo momento en analizar a utilización da luz  ultravioleta de tipo  C, que posúe capacidade biocida, para poder  desinfectar obxectos que utilizan os sanitarios durante a súa atención a pacientes de  Covid-19. Segundo explica Alonso, xa se empezaron a deseñar prototipos de cabinas nas que se poderían  desinfectar estes obxectos aínda que queda camiño para investigar cal debe ser a cantidade de luz  ultravioleta que hai que aplicar aos obxectos para desposuílos desa carga  vírica.

A luz ultravioleta destrúe as cadeas de ARN do coronavirus

“A luz  ultravioleta destrúe as cadeas de ARN do coronavirus e doutros virus polo que se podería utilizar para a desinfección de obxectos utilizados polos sanitarios para atender a pacientes con distintas patoloxías”, explica Alonso, quen tamén lembra que hai que ter moito coidado co manexo desta tecnoloxía porque a luz  ultravioleta é canceríxena e, ademais pode ocasionar danos na retina, por exemplo. A previsión de SETGA é contar nuns tres meses cos primeiros prototipos operativos e en nove meses ter lista unha primeira serie industrial para o seu uso en hospitais e xeriátricos.

Unha das claves na investigación que se está a desenvolver é determinar cal é a dose necesaria para desactivar ao SARS-CoV-2 nos distintos elementos que reciban este tratamento. Por iso tamén se buscou a colaboración de laboratorios de  microbioloxía neste proxecto. Trátase de sumar coñecementos de diversas áreas para lograr un resultado positivo e conseguir un avance que, sen dúbida, podería ser moi útil para facilitar que se poida reutilizar este tipo de equipamento sanitario.

Aínda que a tecnoloxía da luz  ultravioleta non é barata, Alonso sinala que de chegar a alcanzar o éxito neste proxecto de investigación se poderá contar con equipos que permitirán rematar aforrando custos porque non haberá que adquirir unha cantidade tan grande de equipamento desbotable e tamén se poderán aforrar os custos de loxística que implica a adquisición de grandes volumes destes equipos, como veu ocorrendo nas últimas semanas.

A aplicación da I+D é a base deste proxecto, algo ao que  SETGA está moi afeita xa que traballan permanentemente no desenvolvemento de proxectos de I+D en colaboración con outras empresas e institucións. Case a metade do persoal da empresa de Pontevedra (50 traballadores en total) está formada por profesionais con coñecementos de enxeñería e participan de diversas formas en proxectos de investigación. “A I+D está no noso ADN”, conclúe Alonso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais