Senseitrade, un termómetro bolsista das redes sociais creado en Galicia

Hoxe en día, unha simple mensaxe en Twitter ou Facebook pode xerar auténticos terremotos económicos e políticos. As empresas, os grandes fondos bolsistas e os pequenos inversores procuran, cada vez máis, estar ao tanto do que se di, se le e se fala nas redes sociais. Son precisas, por tanto, novas ferramentas que axuden a comprender mellor todo este entorno.

Un grupo de emprendedores galegos viu unha oportunidade se conxugaban o mundo bursátil coas redes sociais, e puxeron en marcha Senseitrade. Deseñaron unha aplicación para dispositivos móbiles que analiza as mensaxes publicadas en Internet e ponas en relación coas posibles flutuacións no valor das accións. David Conde, CEO da empresa, sinala: “Viamos que un tuit ou unha opinión dun inversor publicada nas redes facía mover os mercados”. Así, despois dunha ampla experiencia na banca privada, decidiu iniciar este novo proxecto.

Publicidade

Moitos estudos amosan a “relación entre a bolsa e as redes sociais”, sostén David Conde

“Hai moitos estudos que amosan a relación entre o que se publica nas redes sociais e o valor das accións”, di Conde. Sinala, en concreto, un estudo da universidade de Munich que sostén, despois de analizar 250.000 tuits, que se pode predicir a evolución dos valores bolsistas cun 87 por cento de acerto. Do mesmo xeito, explica que existe tamén un 80 por cento de relación entre o volume de mensaxes e o volume de movementos sobre unha determinada acción.

Así, a través da compilación dos mensaxes e unha análise semántica dos mesmos, desenvolveron unha aplicación xa dispoñible para iOS e Android que conta con tres apartados diferenciados.

Pantalla de Senseitrade.
Pantalla de Senseitrade.

“En ‘Top Values’ aparecen as compañías máis comentadas, sexa para ben ou para mal”, explica David Conde. Na sección ‘Alertas‘, a aplicación avisa ao usuario de cando pode ser un bo momento para mercar ou vender determinadas accións. Por último, esta a sección ‘Trader‘, na que se poden probar os indicadores que aporta a aplicación e competir nos torneos que organizan desde Senseitrade.

Desde a posta en marcha da versión definitiva, en novembro de 2016, Senseitrade xa conta con arredor de 10.000 descargas e está en constante mellora. A proposta xa foi seleccionada na aceleradora ViaGalicia, da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, e participou en varias iniciativas da Axencia Galega de Innovación, como o programa Principia, a través do que recibe un apoio para a contratación dun investigador.

O xerente da compañía sinala que xa traballan en máis prestacións. Destaca, entre elas, a creación dun axente bolsista en liña para que os usuarios de Senseitrade poidan traballar con accións reais, mercando e vendendo directamente desde a propia aplicación. Deste xeito, incrementarían os ingresos, que polo de agora proceden de unha modalidade de subscrición a través da cal os usuarios reciben información en tempo real.

A empresa conta actualmente con catro socios e tres empregados, que traballan entre o polígono de Porto do Molle (Nigrán) e a Tecnópole de San Cibrao das Viñas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

De herexe a referente: homenaxean o xeógrafo Pérez Alberti pola súa traxectoria

O catedrático e investigador leva décadas viaxando polo mundo para comprender os procesos que mudan as paisaxes

Identificadas as catro candorcas que entraron na ría de Arousa

Os exemplares corresponden á avoa Toñi, matriarca do grupo, o macho Pingu, e as femias Gnomo e Gladis Estrela

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo