Martes 23 Abril 2024

Proyectopía: fogares 4.0 que garanten a eficiencia

A compañía pontevedresa desenvolve uns sistemas construtivos modulares que contan cun deseño único e consumo enérxetico case cero

Proyectopía é unha empresa ubicada en Pontevedra, que se dedica a proxectos e obras relacionadas coa arquitectura, a cultura e a investigación. Pretenden, como o seu nome da a entender, facer realidade unha utopía. Para iso buscan conxugar o mellor da construción convencional e da modular. Os seus modelos son ecoeficientes, é dicir, de consumo enerxético preto de cero, e de deseño exclusivo. 

Tras recibir no 2015 unha axuda do Centro de Desenvolmento Tecnolóxico-Industrial polas súas características innovadoras, conseguiron o seu principal produto. Consiste nun sistema construtivo modular que permite un deseño personalizado adaptado ao cliente, á parcela, e ao clima. Conseguen deste xeito vivendas ecoeficientes que son transportables e de fácil montaxe sen case medios auxiliares. “As vivendas que facemos, ou son ecoeficientes, ou non nos interesa facelas. Iso deixámolo moi claro aos nosos clientes”, comenta Carolina Meire, arquitecta técnica de Proyectopía. Unha vivenda convencional de 200 metros cadrados consume uns 3.120 euros por ano. Unha de Proyectopía está aproximadamente nos 325 euros ao ano, é dicir, un 90% menos. 

Publicidade

No 2017, a Axencia Galega de Innovación vailles conceder unha axuda do programa Innovapeme, cofinanciado no marco do Programa Operativo FEDER Galicia. O novo reto era a deslocalización do mercado. Necesitaban solucións que facilitaran a comunicación con empresas colaboradoras na construción, cos clientes e a súa interacción, e sistemas que permitisen as experiencias virtuais a distancia. O que conseguiron foi unha variante do seu sistema construtivo. Este está orientado a ampliación de espazos de vivendas xa existentes, ou de crear vivendas mínimas para os mozos, de reducidas dimensións, pero cun deseño combinable e personalizable. Este produto pódese vender a distancia mediante un portal de vendas virtual que xa teñen creado e a punto para facer o seu lanzamento. 

No anteproxecto constrúen a vivenda en 3D. Isto permite ofrecer tanto perspectivas interiores como exteriores. Aquí atopamos arquitectura 4.0 a prezos que rondan os 1.000 euros por metro cadrado, que inclúen todo: proxecto, visados, dirección de obra, execución da vivenda, trámites, baños, instalacións eléctricas, cociña…O cliente debe asinar un precontrato entregando unha cantidade pequena a restar do prezo final da vivenda, e poderá dar un paseo virtual pola súa casa en parcela en tres dimensións. O prazo de construción, como ven reflectido no contrato, é inferior a seis meses desde a consecución da licenza.

O prazo de construción, unha vez deseñada a vivenda e obtida a licenza, é inferior a seis meses

Proyectopía non ofrece un catálogo. Nunca traballa con modelos predeseñados. Crean un proxecto pensado con e para cada familia, tendo en conta tamén o estudo microclimático de cada parcela. Ademais, segundo explica Carolina Meire, “tomamos o mellor da construción prefabricada, que agora está tan de moda, ofrecendo un prezo pechado, chave en man. Ata que o cliente non saia cun sorriso, non quedamos tranquilos”.  Agora mesmo teñen 50 proxectos en marcha. Xa son visitables as primeiras vilas ecoturísticas de Galicia, nun complexo que se chama Mardesía, e que se atopa na Lanzada. Consta de 5 vilas que incorporan estruturas pasivas para diminuír o consumo enerxético. “Creamos construcións de consumo case nulo, cun excelente comportamento ambiental, baixa demanda de enerxía e que aproveitan ao máximo as condicións microclimáticas da parcela”.

A industria automobilística como referencia

O sistema construtivo de Proyectopía ten como referente a industria automobilística en canto a precisión da montaxe dos seus compoñentes. Poden ensamblar milimetrícamente os paneis, que son previamente mecanizados e numerados. Así non hai erros humanos, nin problemas de tempos, ou condicións meteorolóxicas, amais de evitar accidentes ou posibles desvíos. “Non deixamos en mans dun operario, que pode ter un mal día, a posibilidade dunha mala execución e que logo teñas toda a vida unha humidade na túa vivenda. É imposible a filtración, como sucede nun automóbil”, comenta a arquitecta técnica de Proyectopía. 

Esta empresa ofrece tamén un servizo posventa, que consiste na monitoraxe telemática da vivenda durante o primeiro ano de uso. Este sistema permite garantir unhas condicións idóneas de confort hidrotérmico e un baixo consumo enerxético. “Sabemos se o cliente que vive nesa casa abre demasiado as ventás ou non. Para que a vivenda sexa ecoeficiente debe usala correctamente”. O ciclo de vida da vivenda de Proyectopía é moito maior que o dunha vivenda por catálogo, e as intervencións a realizar son moito máis económicas que nunha “vivenda convencional”. Isto débese a que os seus compoñentes modulares pódense substituír áxilmente, tanto os vinculados ás instalacións (que se actualizan con maior frecuencia), coma os vinculados á estrutura. 

Proxecto dun kit de autoconstrución

Con respecto a investigación, están traballando nun proxecto que contén un kit ecoinnovador de autoconstrución lixeira transportable e autosuficiente en destino, mediante a aplicación de técnicas avanzadas de rotomoldeo. “Traballamos sempre con aluminio e con materiais de luxo, pero isto está pensado para vivendas sociais noutros mercados como Latinoamérica”, comenta Carolina Meire. Para iso, o que pretenden e aumentar a capacidade térmica de materias que atopen no seu destino: area, auga… Neste proxecto traballan nun consorcio con Rotogal e Instalaciones Parcero. Este sistema podería ser exportable a calquera parte do mundo. Montaríanse prácticamente sen man de obra especializada, e afórrase en medios auxiliares na súa construción. Non se perde a calidade, nin eficiencia, polo feito de ser vivendas sociais. 

As casas do futuro poden comezar polo tellado

O proxecto COTaCERO (aceiro + construción desde cota cero) supón unha continuación directa da tese doutoral do doutor arquitecto Víctor Hermo, que é o fundador de Proyectopía. Con ela iniciábase unha liña de investigación para a execución de edificios en altura desde o nivel do terreo. Trátase dunha técnica que emprega gatos hidráulicos para permitir construír de forma inversa, empezando polo tellado, e a medida que se van izando as diferentes plantas, imos construíndo debaixo (desde a cuberta ata a base, un método coñecido tamén como “ top to bottom”). O proxecto COTaCERO poñía en práctica o novo procedemento como unha transferencia, desde unha forma habitual de construción de depósitos, á execución de vivendas. “No proxecto terminabamos a fase experimental coa execución dun modelo a escala construído a partir de chapa de aceiro, que se elevaba cuns gatos hidráulicos de dous metros de desenvolvemento. Nese proxecto demostrouse a validez e as vantaxes do novo sistema, pero tamén se detectaron opcións de mellora mediante a substitución da soldadura como proceso de montaxe”, comenta Hermo.

A partir de aquí xorde REVERSTOP ( reversible + “ top to bottom”), onde a prioridade é a  reversibilidade e reutilización dos materiais, podéndose construír edificios cun proceso moi optimizado, que permite engadir ou quitar plantas desde abaixo, mantendo as plantas superiores. O sistema exponse en dous materiais: aceiro e aluminio. E como final da demostración experimental, execútase unha edificación de dúas plantas a escala real construída desde o nivel do terreo con gatos hidráulicos. “O sistema permite executar edificios ata seis andares de altura que se baseen, como é lóxico, na repetición de plantas, sen medios auxiliares e desde o nivel do terreo. As vantaxes para a construción en altura son evidentes: rapidez, seguridade e melloras no control e en consecuencia a calidade”, apunta o fundador de Proyectopía. A partir de entón, Hermo abre unha nova liña de investigación relacionada coa construción modular e a sustentabilidade, na que sigue traballando na actualidade, aínda que tampouco descarta volver nalgún momento sobre a construción “Top to bottom”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado
00:03:06

Z de Zas: unha ponte (medieval) á arquitectura do pasado

A catedral de Santiago, a capela de San Miguel de Celanova e a igrexa de Santa Comba de Bande son algunhas das obras máis representativas da Idade Media en Galicia

O falso mito das casas galegas de pedra: cando os muros eran brancos

Hai 100 anos, as vivendas galegas cubríanse de cal por cuestións hixiénicas e de illamento térmico, pero unha nova corrente estética do século XX reverteu a tendencia

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática