Un operario de PCM traballa nas pezas destinadas á Sagrada Familia

Precisión atómica para levantar as torres da Sagrada Familia

Pode resultar paradoxal pero o certo é que o traballo nunha das obras arquitectónicas máis destacadas dos séculos XX e XXI pode ter como requisito o erro cero para que as pezas podan encaixar. Isto é o que acontece no caso dos grandes bloques de pedra empregados na construción da Sagrada Familia en Barcelona. A empresa lucense PCM Granitos Moldurados, que traballa coa basílica catalá dende hai quince anos, ten que acadar a perfección total na parte dos bloques que ten que engarzar con outras pezas.

É un traballo milimétrico que, de feito tamén paradoxal, ten que facerse de forma manual. Noutras partes das pezas o erro aumenta ata un máximo de 2 milímetros, pero non pode ir máis alá. “Os canteiros son os encargados de dar o toque final para conseguir o erro cero, xa que coas máquinas custaría moito máis obtelo porque terían que sofrir un desgaste moito maior e por iso a parte final o traballo faise deste xeito”, explica Octavio Vázquez, director de produción de PCM, que comezou a traballar nesta empresa familiar no ano 2003 aínda que xa dende antes traballaba para a Sagrada Familia xunto ao gran escultor Manuel Mallo.

PCM naceu no ano 1992 coa vocación de aplicar as novas tecnoloxías no tratamento da pedra natural. Nos primeiros tempos traballaron moito no sector da construción privada pero a crise que chegou a partires de ano 2008 tamén afectou gravemente a esta empresa. Por sorte, a súa capacidade para producir pezas únicas permitiulle seguir traballando para clientes como a Sagrada Familia.

Tráilers de 24 toneladas viaxan a Barcelona dende Lugo dez veces por mes

As pedras que se retocan en PCM se empregan nas coñecidas como torres dos Evanxelistas e tamén na que a basílica dedica á Virxe María. Se todo vai ben a obra estará terminada no ano 2026. Cada unha das pezas que se producen nas instalación de PCM no polígono do Ceao de Lugo teñen que ser certificadas e despois emprenden camino a Barcelona por estrada. Tráilers de 24 toneladas fan o camiño ata a capital catalá unhas dez veces por mes.

Nas pezas que se fabrican para Barcelona emprégase pedra galega pero tamén outras que proceden de Inglaterra, Francia, Cantabria ou Cataluña. O traballo meticuloso que se fai en PCM mesmo levantou o interese de National Geographic, que dedicoulle á empresa luguesa varios minutos dunha reportaxe que realizou sobre a Sagrada Familia.

Case a metade dos 30 empregados que traballan en PCM son canteiros, unha figura fundamental para facer posible que as pezas alcancen o nivel de perfección necesaria para a gran obra deseñada por Gaudí. O traballo que realizan é tan persoal que alguns dos que traballan na fábrica poden distinguir que pezas realizou cada un dos canteiros. “É un traballo puramente artesanal que poderá sobrevivir mentres haxa clientes que o demanden para obras singulares”, sinala Vázquez. Entre os traballos recentes realizados por PCM tamén se atopan dúas cúpulas para os traballos de restauración realizados na catedral de Santiago.

O traballo dos canteiros é tan persoal que se pode distinguir quen fixo cada peza

PCM sempre está atenta a todas as innovacións tecnolóxicas, aínda que no que se refire ao proceso de mecanización para o tratamento das pedras non houbo moitas novidades nos últimos anos. Pero si que se empregan os novos avances para protexer aos canteiros e mesmo se está a investigar no campo da produción de chemineas de bioetanol. A diversificación é fundamental porque non sempre se pode contar cunha obra tan excepcional como a construción da Sagrada Familia para poder seguir traballando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.