Ata hai pouco, aínda que os máis novos xa non o lembren, as fotos non se subían a Facebook, senón que se revelaban e se gardaban nos álbums. Nos caixóns dos nosos pais e avós agóchanse miles de xoias fotográficas que case sempre permanecen na intimidade familiar. Porén, moitas desas imaxes amosan trazos doutros tempos que poderían enriquecer a memoria e a historia colectiva.
Sobre esta idea naceu en 2013 o portal Phottic, unha spin-off da empresa Abertal, que acaba de cumprir vinte anos como un dos referentes de servizos informáticos a nivel galego. Phottic recolle, ordena e expón os fondos fotográficos de calquera persoa ou institución que queira ceder as súas imaxes a esta plataforma. Unha vez que se escanea cada imaxe, elabórase unha ficha individualizada na que consta a data, o lugar e a descrición da fotografía.
Phottic tamén superpón, grazas a Street View, as imaxes antigas sobre as actuais
“Calquera persoa pode dirixirse a nós para cedernos a súa imaxe. Facemos todo o proceso para incorporala á nosa web e compartila na rede”, explica Manuel Pan, CEO de Phottic e impulsor do proxecto xunto aos seus compañeiros Daniel Cerqueiro e Alejandro Lamas.
Desde a súa creación, Phottic xa desenvolveu traballos de magnitude en concellos galegos como Carballo, Celanova, Arteixo, As Pontes ou Vilagarcía. O proxecto da vila arousá foi a base para a publicación do primeiro libro de Phottic, “Pedaleando por Vilagarcía”, un volume que recolle centos de imaxes de veciños e veciños do pobo cun nexo común, a bicicleta, que aparece en todas as fotos. A través deste medio de transporte cóntase a historia de Vilagarcía no século XX. Neste tempo, o proxecto tamén foi seleccionado en iniciativas de emprendemento como Vía Galicia e Galicia Open Future.

Hai pouco, o traballo de Phottic presentouse ante o gran público co proxecto “Recordos en branco e azul“, que conta a historia en imaxes do Real Club Deportivo da Coruña. O pasado 15 de setembro, Manuel Pan e o presidente do club, Tino Fernández, presentaron en sociedade a web que recolle os máis de cen anos de historia do equipo a través das fotos aportadas polos propios hinchas. Poucos días despois do seu lanzamiento, a páxina xa conta con máis de medio milleiro de fotografías de todas as épocas.

A través de Phottic tamén é posible observar a evolución que experimentaron as vilas nas últimas décadas. Co apoio de Google Street View, a plataforma superpón as imaxes antigas no mapa actual.
O proxecto, así e todo, non se ciñe só a historia de pobos ou cidades. “Tamén podemos recoller a memoria fotográfica de empresas, clubs deportivos, asociacións… É unha ferramenta con múltiples posibilidades”, explica Manuel Pan. Son, polo tanto, centos de organismos e miles de persoas vinculadas a eles as que poden enriquecer este enorme arquivo dixital.