Sábado 7 Decembro 2024

NutriGen 4.0, unha aposta cara a alimentación saudable baseada na innovación

Hifas da Terra e Anfaco colaboran nun proxecto para fabricar suplementos alimentarios a partir de fungos

A empresa Hifas da Terra e a patronal do sector conserveiro Anfaco-Cecopesca colaboran no proxecto NutriGen 4.0, que aspira ao desenvolvemento dunha industria intelixente e respectuosa co medio ambiente que contribúa a converter a Galicia nun referente en alimentación saudable. O proxecto conta cun orzamento de dous millóns de euros, cofinanciados co Programa Operativo Feder-Galicia 2014-2020, e forma parte do programa “Fábrica Intelixente” convocado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia.

Segundo explica o director de Innovación de Hifas da Terra, Arturo Rodríguez, o proxecto vai permitir optimizar procesos produtivos e obter novos nutracéuticos, unha liña de produtos na que xa leva traballando anos a empresa e que consiste en suplementos alimentarios a partir de fungos, que axudan a prever enfermidades ou mellorar o seu tratamento.

Publicidade

NutriGen 4.0 aproveita os resultados dos proxectos de I+D previos de Hifas da Terra nos que descubrimos que perdiamos potencial nas cepas de determinados fungos, por non coñecer todos os detalles dos procesos produtivos. Este proxecto trata de mellorar a automatización do proceso de produción e este é un campo no que a experiencia de Anfaco é moi importante”, sinala Rodríguez.

O proxecto permitirá a produción de novos metabolitos secundarios de varias especies de fungos da colección coa que xa conta Hifas da Terra, aplicando sensórica de control e monitorización en tempo real, comunicación con software de control de almacén, xestión automatizada de ordes de produción e protocolos de análise de calidade automatizados.

Publicidade

Para o desenvolvemento das actividades previstas no proxecto empregáranse ferramentas 4.0 e se realizará un completo estudo sobre unha base teórica que abranguerá todo o proceso, empregando NIR e imaxe hiperespectral desde a entrada de materia prima e seguimento do produto. Tamén se usarán ferramentas de cálculo computacional, simulación matemática avanzada e Big Data para o estudo das cepas de fungos.

Ademais, realizarase un estudo da seguridade e eficacia dos prototipos xerados e analizarase o seu potencial de personalización en humanos en relación co seu perfil xénico. Este coñecemento servirá para seleccionar os procesos con maior interese industrial para a súa implantación definitiva ao término do proxecto, mellorar a especificidade dos protocolos propostos e a comercialización de novas fórmulas con proceso optimizados.

“Estamos no inicio dun proxecto co que comezamos a finais de 2020 e agardamos contar cun primeiro prototipo de produto nos últimos meses de 2021 e poder comercializalo en dous ou tres anos. Posteriormente, continuaremos co desenvolvemento doutros produtos”, apunta o director de I+D da empresa Hifas da Terra.

NutriGen 4.0 desenvolvérase nas instalacións coas que conta a empresa en Bora (Pontevedra), onde se levará a cabo o proxecto piloto en salas altamente tecnificadas para despois poder avanzar cara a un sistema produtivo validado.

Rodríguez explica que a I+D é un campo no que Hifas da Terra conta cunha longa experiencia e actualmente traballan en varios proxectos que xa están a obter resultados en colaboración con centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde como os de Ourense e Vigo.

O proxecto conta cun orzamento de dous millóns de euros e os primeiros produtos poderán comercializarse en dous ou tres anos

No departamento de I+D da empresa contan con perfís profesionais moi variados, desde técnicos de laboratorio a biólogos ou veterinarios e tamén  médicos e farmacéuticos que colaboran nas investigacións. A empresa investiga o papel dos fungos na prevención e tratamento do cancro e das patoloxías neurodexenerativas, cardiovasculares e autoinmunes.

Hifas da Terra conta cun centro de biotecnoloxía centrado na investigación e a innovación cun alto grado de especialización no desenvolvemento de nutracéuticos a partir de fungos medicinais. Pola súa banda, Anfaco-Cecopesca é unha asociación empresarial privada que representa a preto de 250 empresas do sector mariño e alimentario. Dispón dun centro tecnolóxico desde o que presta servizos de alto valor engadido aos seus asociados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A innovadora técnica dun equipo galego para detectar ineficiencias nas empresas

'InVerbis Analytics', que naceu como un proxecto de investigación da USC, é agora un servizo que permite optimizar as operacións doutras compañías grazas á minería de datos

Adeus ás tarefas de oficina: un proxecto galego quere automatizalas

O proxecto Itdp nacido no centro tecnolóxico Gradiant procura desenvolver unha ferramenta que facilite a análise de determinado tipo de documentación e evite a realización manual de tarefas de cribado de información

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado