Xoves 28 Marzo 2024

Netex: unha factoría dixital para a formación e a educación

bandera-galiciaEspañol bandera-ukEnglish

España, Reino Unido, India, México e, proximamente, Estados Unidos. A empresa galega Netex continúa a súa expansión internacional na aplicación das novas tecnoloxías dixitais ó mundo da formación. E faino, ademais, avalada polo Ministerio de Economía y Competitividad, que acaba de concederlle a acreditación como PEME innovadora. A clave: o seu desexo permanente de innovar –incorporando novo software e tecnoloxías para que a formación dixital forme parte do proceso natural de aprendizaxe– e unha aposta clara e decidida pola creatividade e o talento.

Parte del equipo de Netex encargado de la digitalización de contenidos
Parte do equipo de Netex encargado da dixitalización de contidos. Foto: Netex.

Netex é unha factoría dixital de coñecemento que consolidou un ecosistema de produtos e servizos para a formación baseados na nube. O seu nicho de mercado son empresas, editoriais e institucións de países de todo o mundo, ás que ofrece toda unha variedade de solucións que inclúen apps para a formación en mobilidade, plataformas para xestionar todo tipo de formación (presencial, online e semipresencial), soluciónss en contidos de catálogo ou a medida e ferramentas autoras para a autoedición. A súa lista de súa lista de clientes acredita o labor dos seus consultores, deseñadores instrucionais e gráficos e enxeñeiros, cuxa alta capacidade de traballo se traduciu no ano 2014 en máis de 25.000 actividades e máis de mil horas de contidos persoalizados. E a súa lista de premios e recoñecementos ilumina o traballo que se desenvolve nas oficinas da empresa galega na Coruña, Madrid, Newbury, Pune e México D.F. e nas da súa sólida rede de socios estratéxicos en países como Suecia, Alemaña, Irlanda, Italia, Holanda, Nova Zelandia, Australia o Uruguai. Baste como exemplo o lustre internacional acadado nos prestixiosos Learning Awards –organizados polo Learning and Performance Institute (Reino Unido)–, como finalista na categoría “Provedor de e-learning do ano” na edición de2015 e o bronce obtido na categoría “Desenvolvedores de e-learning do ano” en 2014.

Dúas décadas na vangarda

Netex está acreditada polo Learning Performance Institute como provedor tecnolóxico

A historia de Netex remóntase ó ano 1997, cando apenas o 3% da poboación española tiña acceso a Internet. Daquela, a empresa galega puxo en marcha un dos primeiros másteres que se podían facer a través da rede en España, en colaboración coa Cámara de Comercio de Brooklyn (Nova York). Xa metidos no século XXI, a cada vez maior penetración de Internet e o auxe do uso das novas tecnoloxías dixitais entre os cidadáns ofreceu a Netex grandes posiblidades que se concretaron en acordos con grandes compañías, como o asinado en 2005 coa todopoderosa IBM, no eido da computación, ou o subscrito no sector editoral coa española Santillana en 2009, ano no que o Ministerio de Educación do Goberno de España outorgaba ademais a Netex o selo de Escola 2.0 polo seu compromiso coa mellora da calidade educativa. Ampliacións de capital, expansión internacional das súas oficinas, melloras e novos desenvolvementos de produtos e de ferramentas na nube, inmersión en formatos multidispositivo, deseño responsable ou o m-learning (aprendizaxe electrónico móbil) perimitiron a Netex converterse nun referente internacional, acreditado no ano 2011 polo Learning Performance Institute como provedor tecnolóxico de e-learning e incluído no Foro de Marcas Renombradas Españolas.
learningMaker NetexJosé Ramón Mosteiro, director de tecnoloxía de Netex, matiza que se debe diferenciar o desenvolvemento que experimentou a aplicación da tecnoloxía para formación no mercado educativo e no empresarial: “Se ben no ano 1995 o mercado de tecnoloxías para e-learning era case un 100% empresarial, formado por plataformas e-learning corporativas e contidos para uso profesional, no mercado educativo era un gran descoñecido, pero desde aproximadamente o ano 2005 a situación mudou ostensiblemente, até o punto que o principal tractor de innovación tecnolóxica e de mercado está sendo o mundo educativo, cun sector claramente diferenciado: edTech“. Nesta liña, pon como exemplo a feira de BETT que se celebra en xaneiro en Londres e que “conta con máis de 80.000 visitantes, e expositores tan prestixiosos como Google, Apple ou Microsoft, que fan enormes investimentos en promoción e presentación de novos paradigmas”, mentres que “o seu equivalente no ámbito empresarial tamén é en Londres e en xaneiro (Learning Technologies), pero o seu foro é moito máis reducido e especializado”, clarifica.
É no campo da educación onde “se están exportando conceptos como aprendizaxe adaptativo, learning analytics, MOOC, ferramentas colaborativas, flipped classroom e outros que teñen a súa orixe no EdTech, e que están destinados a transformar definitvamente o mundo da educación e da formación no ámbito da empresa e profesional”, conclúe Mosteiro.

Publicidade

O Sistema UNO, en colaboración con Santillana, reúne a máis dun millón de usuarios

No caso de Netex, o éxito do seu modelo educativo acada cotas seguramente inimaxinadas cando a mediados da década de 1990 Internet e a comunicación dixital apenas eran un campo de exploración para aventureiros. Bo exemplo disto é a sólida implantación que o Sistema UNO –un proxecto que comezou no ano 2011 en colaboración coa editorial Santillana– foi logrando en Hispanoamérica, con máis dun millón de usuarios, entre alumnos e profesores. “Agora estamos inmersos nun proxecto de redefinición do producto base de Netex para poder dar cabida a un ecosistema amplo e de terceira xeración de e-learning. É moi posible que podamos facer unha proxección moito maior para os próximos dous anos. Nestes momentos é a plataforma educativa comercial máis implantada en Hispanoamérica, incluíndo España”, explica José Ramón Mosteiro.

LearningCloud e LearningCoffee

O equipo de Netex tamén está concentrando esforzos en dar os últimos retoques á solución LearningCloud, unha plataforma de xestión LMS (Learning Management System) que ofrece un conxunto de aplicacións na nube para organizacións con necesidades en L&D (Learning & Development), xestionando o coñecemento xerado nunha única contorna virtual, fomentando a colaboración a través de redes sociais corporativas e usando ferramentas para a creación e xestión de contidos multidispositivo accesibles online e offline.
learningCoffee NetexO proxecto inclúe o LMS multicanal LearningCentral para impartir todo tipo de cursos online, presenciais e semipresenciais, e que xenera ademais informes de seguimento detallados desde un único lugar; LearningMaker, unha ferramenta autora para crear cursos sen coñecementos de programación en HTML5, a linguaxe que marca tendencia; LearningSocial, que permite crear e xestionar unha rede social de xestión do coñecemento para comunidades de aprendizaxe, e LearningHub, un xestor na nube que permite distribuír contidos a diversas plataformas e organizacións mantendo o control no acceso ós mesmos.
O outro gran piar dos servizos que Netex ofrece a empresas é LearningCoffee, unha solución de contidos de catálogo ou a medida en habilidades sociais con máis de 200 títulos. A súa filosofía baséase na formación libre e de consulta rápida. Fronte ó curso tradicional, LearningCoffee aposta pola axilidade, permitiedo consultas de información inmediatas en calquera momento, en calquera lugar e mediante calquera dispositivo.

Novas vías de innovación

O desenvolvemento do Big Data, da Intelixencia Artificial ou da realidade aumentada e virtual abren novas perspectivas para a aplicación de innovadores modelos de formación. “Cambios revolucionarios” que se están seguindo e dos que está “participando activamente Netex”, explica o seu CTO.

As novas tendencias son Big Data e Learning Analytics, Intelixencia Artificial e realidade aumentada e virtual

No campo do Big Data e do Learning Analytics, “o cambio foi mencionado por 5to5 de IBM, unha das grandes predicións para 2014: ‘A aula que observa ó alumno’, unha gran cantidade de datos que se recollen dos alumnos e se poñen a disposición dos propios estudantes, profesores e autores para recomendar contidos, accións, axudalos a mellorar na atención á diversidade e outros escenarios de aprendizaxe que van máis aló do performance“, apunta José Ramón Mosteiro. Nesta liña, Netex está desenvolvendo o proxecto ‘T-Didacta: dispositivos intelixentes de axuda á ensinanza baseados en técnicas de Learning Analytics’, que procura solucionar todos os problemas derivados da utilización de tabletas e contornas dixitais de aprendizaxe nas aulas de forma integral. O proxecto está cofinanciado polo Ministerio de Industria, Energía y Turismo, dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica 2013-2016.
No que se refire á aplicación da Intelixencia Artificial, “neste campo o avance vai da man do anterior”, é decir, “intelixencia aplicada a predicir o fracaso escolar e aconsellar contidos de forma persoalizada ó alumno, con ou sen a intervención de terceiros, así como a adaptación baseada na participación. É o que se deu en chamar aprendizaxe adaptativo”, aclara Mosteiro.
Por último, a realidade aumentada e virtual é un dos campos que “está xerando máis expectativas”, aínda que “é dificil predicir o impacto no sector educativo”, considera o responsable de tecnoloxía de Netex. Para isto, pon un exemplo: “Unha aplicación de PNL con Google Glass, que é capaz de reducir a cero o medo a falar en público. Semella que non ten un impacto na formación, pero se o aplicamos a alumnos que teñen que exponer un traballo de fin de curso… Isto xa se probou… e funciona”.

Casos de éxito

Cetelem
Pertencente ó grupo BNP Paribas, Cetelem é un banco experto en crédito ó consumo presente en 24 países con aproximadamente 20.000 colaboradores en todo o mundo, número un en créditos a particulares de Europa, con 2,5 millones de clientes en España, o que significa que está presente no 7% dos fogares. Netex desenvolveu para este unha solución formativa dispoñiblenos dispositivos móbiles dos seus empregados. Desde a experiencia piloto, en maio de 2013, con algúns cursos de catálogo, xa se crearon 70 cursos con LearningMaker. Os contidos foron desenvolvidos por diferentes autores, intervindo activamente tanto RRHH como as diferentes áreas de negocio da empresa: Xurídico, Produto ou Atención ó Cliente. A formación a través de Cetelearning ofrécese ó conxunto de 1.300 colaboradores de Cetelem España, sendo actualmente utilizada por arredor de 500 destes.
Cambridge University Press
Cambridge University Press, en asociación con Discovery Education, necesitaba un novo producto dixital para a aprendizaxe de inglés en primaria e secundaria, os Cambridge Discovery Readers. A factoría de contidos de Netex afrontou o labor de crear 96 títulos tomando como punto de partida materiais impresos xa existentes. A idea era desenvolver un produto novo, que enriquecese a experiencia do alumno e espertase a súa curiosidade mediante o uso de excitantes recursos multimedia como vídeos, audios, imaxes, etc.
Proxecto P2P: formación de profesional a profesional para o SERGAS
A finais de 2012, o FEGAS creou un proxecto de formación P2P para profesionais do Servizo Galego de Saúde (SERGAS): do profesional para o profesional. O obxectivo era xerar un sistema innovador que permitise difundir as amplas bases de coñecemento interno que supoñían a experiencia de máis de 20 anos dalgúns recoñecidos profesionais da atención sanitaria. Netex optou por crear un conxunto de 100 pílulas formativas LearningCoffee nas que a ferramenta formativa principal é o vídeo.

Ademais, Netex vén de anunciar a posta en marcha dun novo proxecto en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, un plan de formación cidadá para o que se crearán pílulas de formación en liña facilmente accesibles e de rápido consumo, dous das cales, “A Dor” e “Uso adecuado de inhaladores”, xa están dispoñibles na súa plataforma. O proceso de creación implica a elaboración de vídeos e imaxes para enriquecer e mellorar a experiencia do usuario e a reutilización de distintos materiais preexistentes como presentacións, textos ou bibliografías. Nos próximos meses prevese a saída doutrass oito pílulas tratando temas tales como “Hipoglucemia”, “Uso adecuado de medicamentos” ou “Cancro de mama”, entre outros.
E-dixgal
Trátase dun proxecto escolar para a Xunta de Galicia pioneiro na aplicación dos libros electrónicos en centros educativos galegos do proxecto Abalar, destinado a 22.500 alumnos ó longo dun período de 3 anos. A experiencia, en colaboración coa editorial EDEBÉ, comezou no curso 2014/15. Os docentes poden elaborar a súa propia mochila dixital seleccionando a través dunha plataforma dixital os contidos formativos e puidendo incorporar os materiais complementarios que se desexen, así como contidos de elaboración propia. Pola súa parte, os alumnos poden acceder ó material seleccionado polo profesor tanto a través dunha conexión a Internet (modo online) como desde un netbook (modo offline).
Santander México
Desde a dirección de Estratexia Educativa do Santander detectáronse unha serie de puntos a mellorar na súa formación online. Debido á enorme actividade da organización, era moi complicado xerar novos contidos á velocidade necesaria para satisfacer as súas necesidades en formación. Ademais, as sesións formativas consumían unha grande cantidade de tempo ós empregados, o que en ocasións as convertía en tarefas moi tediosas. En xeral, sentían a necesidade de modernizar o seu e-learning. Para satisfacela, Netex decidiu aplicar a súa filosofía LearningCoffee, combinando pequenos títulos entre si para crear cursos modulables en formato multidispositivo, con sesións formativas de 30 a 40 minutos. Con esta filosofía, os títulos convértense en ferramentas de formación e consulta rápida, xa que os alumnos poden acceder ás partes que necesiten sen ter que percorrer todo o curso.
Editora Moderna (Grupo Santillana)
Editora Moderna quería ofrecer unha proposta innovadora ó mercado educativo en Brasil. Para isto, decidiron dixitalizar todas as súas coleccións de libros para todas as materias do segmento preuniversitario: Educação Infantil, Ensino Fundamental I, Ensino Fundamental II e Ensino Médio. Pero non querían realizar un traslado plano do contido en papel á pantalla, senón enriquecelo e ofrecer un complemento á formación en papel. Netex xa colaborara con Santillana nun proxecto de dixitalización para contidos en España e agora enfrontábase á dixitalización de 204 libros e 105.000 páxinas, coa inclusión de máis de 4.000 recursos tales como audios, vídeos e actividades interactivas e que se completou nun prazo inferior a seis meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación

O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

O impacto da intelixencia artificial na educación sexual

Por María José Figueiredo e Daniel González Peña, da UVigo, e Ricardo Fandiño Pascual, da USC

“A loita contra o lume necesita dunha nova narrativa nos centros educativos”

María Isabel Doval, investigadora da UVigo, quere desenvolver novos recursos que coloquen as escolas rurais no quilómetro cero da prevención de incendios